Decreto de xurros: En 2019 as comunidades autónomas poderán manter as excepcións

Decreto de xurros: En 2019 as comunidades autónomas poderán manter as excepcións

O Boletín Oficial do Estado publica este venres un Real Decreto do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación polo, entre outros cambios nas axudas da PAC para o próximo ano, confírmase que as Comunidades Autónomas poderán manter en 2019 as súas excepcións ao decreto de xurros do Goberno Central, que en principio prohibe esparexer estes fertilizantes gandeiros mediante o sistema de prato, abano ou canóns.

Polo tanto, non será obrigatorio na maioría dos casos enterrar os xurros e mercar a maquinaria precisa para iso.

En concreto, séguese establecendo que dentro as normas da condicionalidade que deben cumprir os beneficiarios que reciban pagos directos ou determinadas primas anuais de desenvolvemento rural “a aplicación de xurro nas superficies agrícolas non poderá realizarse mediante sistemas de prato ou abanico nin canóns”, pero engádese de novo que “as comunidades autónomas establecer excepcións”.

Ademais, como novidade establécese que “no caso de parcelas nas que a pendente media sexa superior ao 20%, con carácter xeral non se poderá realizar dita aplicación. Porén, aquelas comunidades autónomas que teñan zonas con orografías complicadas e onde se dea dita circunstancia nunha maioría das súas parcelas, poderán agrupar ditas parcelas seguindo criterios obxectivos, e establecer excepcións mediante resolucións ou regulamentos non necesariamente individualizados».

A maioría das Comunidades Autónomas xa estableceron este ano excepcións ao decreto do Ministerio que busca reducir o exceso de emisións de amoníaco de España, un gas de efecto invernadoiro que nun 96% procede do sector gandeiro, principalmente do sector porcino (26%) e da industria de fertilizantes (22%), sendo o vacún de leite responsable de só o 8% das emisións de amoníaco en España, aínda que está resultando o máis prexudicado pola normativa do Goberno central.

No caso de Galicia a Consellería de Medio Rural estableceu como excepción que os xurros non se poderán esparexer mediante sistemas de canón pero se mediante abano, o sistema máis utilizado na comunidade.

Outros cambios nas axudas da PAC para 2019

O Real Decreto publicado hoxe establece os seguintes cambios na convocatoria de axudas da PAC para 2019:

En relación cos pastos, establécense novos axustes no que se refire á determinación de cando hai actividade agraria no caso de labores de mantemento nas devanditas superficies, de cara a evitar posibles situacións de abandono. Así mesmo, e dado que xa é obrigatoria a declaración gráfica de superficies, no caso das superficies comunais procedeuse a clarificar quen debe proporcionar a información sobre as superficies de uso común.

Tamén se introducen melloras técnicas para dotar dunha maior flexibilidade e simplificación nalgúns réximes de axudas asociadas, tales como as condicións de mantemento da titularidade da explotación, nas axudas asociadas gandeiras, ou as condicións de elixibilidade para favorecer a incorporación de novos titulares á actividade, en particular de mozos gandeiros.  Igualmente flexibilízanse determinados requisitos do réxime de axuda aos cultivos proteicos, así como do pago específico ao cultivo do algodón.

Pago verde e estatísticas e consultas catastro

No ámbito do pago verde, inclúese unha nova especie, a Crotalaria juncea L., que pode ser declarada como cultivo fixador de nitróxeno, a fin de cumprir coa porcentaxe de superficie destinado ás superficies de interese ecolóxico.

Doutra banda, para poder cumprir coas obrigacións que corresponden a España no ámbito das estatísticas integradas sobre explotacións agrícolas e facilitar a recompilación da información, introdúcese a posibilidade de utilizar os datos contidos na solicitude única a efectos estatísticos e de remisión de certa información a través dela.

Tamén se ofrece a posibilidade de consulta para os titulares catastrais, a través da Sede Electrónica do Catastro, sobre a información relativa á presentación de solicitudes de axudas directas sobre as súas parcelas e os cultivos declarados.

Outros aspectos incluídos no novo Real Decreto son a introdución dunha lista non exhaustiva de situacións de creación de condicións artificiais, con obxecto de facilitar a súa detección ás autoridades competentes, á vez que informar os solicitantes das axudas sobre as operacións consideradas de risco, á luz da aprendizaxe adquirida durante os últimos anos de aplicación da norma.

Por outra banda modifícase a solicitude de información relativa ao cultivo de millo modificado xeneticamente, de forma que non se proporcione só a efectos estatísticos, senón coa finalidade de contribuír ás actividades de vixilancia e control. Ademais, terase en conta na declaración se se cultiva millo nesa parcela en segundas colleitas de forma que estas poidan incluírse no plan de control oficial.

O período para solicitar as axudas directas da PAC iniciarase o próximo 1 de febreiro de 2019 e permanecerá aberto até o 30 de abril, estando previsto abonar máis de 4.950 millóns de euros en base ás devanditas solicitudes.

Una idea sobre “Decreto de xurros: En 2019 as comunidades autónomas poderán manter as excepcións

  1. Fernando Insua

    E logo por que non viu a Consellería a informar disto nas Xornadas de Seragro en Lugo este xoves e venres? ……Recoméndolle que eliminen as “axendas” dos despachos da Consellerái, por qué non dan mais que “problemas” para poder asistir as reunións onde hai gandeiros pendentes de que lles informen da lexislación que lles vai a afectar, para decidir en que teñen que priorizar nos investmentos cos poucos cartos que lle dan polos baixos prezos do leite.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información