Cursos de elaboración de queixos e de derivados lácteos

Cursos de elaboración de queixos e de derivados lácteos

O Centro de Promoción Rural Efa Fonteboa organiza para as vindeiras datas dous cursos de elaboración de queixos e de derivados lácteos que se impartirán no CEFA Pedro Murias, de Ribadeo (Lugo).

O primeiro é o “Curso de iniciación á elaboración de queixos”, que se celebrará do 23 ao 27 de abril. Os obxectivos do curso son coñecer os procesos de elaboración de variedades de queixos galegos, analizar iniciativas de transformación do leite e descubrir posibilidades de valorización do mesmo.

Para iso, os asistentes aprenderán a elaborar queixos tipo Arzúa-Ulloa, queixo de Tetilla e queixo fresco. A formación complementarase con visitas a ganderías da zona.

O segundo curso, máis avanzado, é o de “Elaboración de queixos e de derivados lácteos” e impartirase tamén no CEFA Pedro Murias do luns 21 de maio ao venres 25 de maio.

Os contidos teórico-prácticos que se impartirán serán sobre procesos de elaboración de queixos tipo Arzúa-Ulloa, Tetilla, San Simón da Costa e de barra. Ademais, formarase aos asistentes para elaborar queixo fresco, requeixo e iogur. Tamén se visitarán ganderías da zona.

O prezo de cada un destes cursos é de 200 euros para as persoas socias da EFA Fonteboa e de 250 euros para as non socias. Inclúese no prezo o aloxamento durante os cinco días e a manutención.

Para máis información chamar ao 981 733 051 ou escribir un correo a fonteboa@efagalicia.org www.efagalicia.org

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información