Cuestionan a telematización no rural dos trámites administrativos coa Xunta

O Sindicato Labrego advirte de que a deficiente cobertura de internet dificulta o acceso a axudas e servizos. Pide que haxa alternativas para quen non poida facer xestións online

Cuestionan a telematización no rural dos trámites administrativos coa Xunta

Desde outubro do 2016, tódalas entidades asociativas e persoas xurídicas deben relacionarse coa Administración por internet, non sendo válidos os documentos que se presentan de xeito físico. Esta situación é cuestionada polo Sindicato Labrego Galego (SLG), que advirte de que tamén as persoas físicas se están vendo afectadas por esa normativa. “En Galicia, isto está a crear un serio problema e converte ás persoas que viven no rural en cidadanía de segunda”, sostén a organización agraria en nota de prensa.

O Sindicato Labrego incide en que a cobertura de internet e telefonía deixa moito que desexar en amplas zonas do rural. “Hai ademais unha parte da poboación envellecida que non está afeita a facer os trámites por internet ou que non ten ordenador”, cuestiona o SLG.

Outro problema radica nas plataformas tecnolóxicas da Xunta, “que fallan decotío e provocan atrancos e demoras constantes. O peor é que mentres acontece todo isto a diario, non hai persoal funcionario para resolver o mal funcionamento dos programas informáticos, polo que o normal é que queden sen solucionar”.

Demandas
Dados os problemas existentes, o Sindicato Labrego demanda a simplificación das ferramentas informáticas para realizar as xestións administrativas. Pide tamén que se forme a persoal administrativo na resolución dos problemas e que se invista na universalización do acceso a internet no rural.

A maiores, o SLG considera que a Xunta debe garantir os dereitos das persoas que por idade, formación ou lugar de residencia non poidan realizar as xestións administrativas por vía telemática. En ese tipo de casos, a organización entende que debe haber persoal funcionario a disposición da cidadanía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información