Críticas do Sindicato Labrego ás medidas pola seca da Xunta

A organización agraria considera que o sector agrogandeiro atópase indefenso ante unha situación que tilda de “catastrófica”

Críticas do Sindicato Labrego ás medidas pola seca da Xunta

O Sindicato Labrego considera que as medidas adoptadas pola Xunta para paliar os efectos da seca non solucionan o problema. Para a organización agraria, serían precisas medidas en dúas liñas: axudas directas que contribúan a paliar danos e perdas e medidas a longo prazo, orientadas a políticas de xestión e administración da auga. Desde o Sindicato Labrego demandan tamén indemnizacións para todas aquelas explotacións que foron afectadas en sectores como a castaña e o viño pola sarabia e as xeadas serodias.

En canto ás medidas adoptadas pola Xunta -contratación de seguros agrarios, liquidez ás explotacións subvencionando xuros de préstamos, adianto do 70% da PAC e para infraestruturas de abastecemento de augas-, a organización considera que son só parches que non representarán ningunha diferenza para a meirande parte das granxas.

Entre as primeiras medidas necesarias, a organización sinala que segue agardando a que a Consellaría de Medio Rural traballe con Enesa para adaptar os seguros agrarios á realidade das producións agrogandeiras galegas, de xeito que o sector agrario poida acceder a unhas pólizas que comezan a ser indispensables no actual contexto de cambio climático.

O Sindicato Labrego incide en que unha das partes máis perxudicadas son as explotacións nas que houbo incorporación de mozos e mozas nos últimos tempos, feito que, decotío, leva consigo incrementos de produción ou de dimensión das granxas. Moitas destas explotacións están nestes momentos vendo que non teñen forraxes para manter o gando e, ao mesmo tempo, teñen que cumprir coa obriga de aumentar o censo para cumprir cos compromisos dos expedientes de incorporación.

Aprazar eses compromisos, por exemplo, sería unha medida que non lle custaría nada á Administración e que sería de grande axuda para moita xente nova que vén de incorporarse á actividade agraria.

Demandas para o sector do viñedo
Nun sector como o vitícola, no que o meirande dos viticultores e das viticultoras teñen varios viñedos en diferentes situacións de risco climatolóxico, a organización agraria entende que non é de recibo que se lles obrigue a subscribir seguros pola totalidade da explotación -o cal se fai inviable- e non por aquelas parcelas que realmente o precisan.

Agora mesmo, despois dos estragos das xeadas e a sarabia, o Sindicato Labrego advirte de que a seca está a causar grandes perxuízos, sobre todo nas novas plantacións e nas cepas máis vulnerables, xa que o estrés hídrico está matando as plantas e causando grandes perdas económicas.

Horta
Un dos sectores máis perxudicados é o sector hortícola. A responsábel das producións de horta no SLG, Belén Fervenza, explica que boa parte do sector leva sen regar dende agosto. Neste caso, só se están a salvar as granxas que teñen pozos de barrena, non así as que teñen pozos artesáns. Nesta situación, hai unha demanda masiva para afondar pozos que as empresas que se dedican a isto non dan atendido. “A nós tardaron un mes e medio en atendernos para facer máis fondo o noso pozo artesán, e comezamos a regar de novo agora en outubro, cando levamos dende agosto sen facelo”.

A situación é tamén preocupante nos sectores gandeiros. En concellos como o de Redondela, onde cada familia ten a auga restrinxida a 200 litros diarios, a actividade gandeira comeza a ser un imposible,s egundo o Sindicato Labrego.

Ante esta situación, a organización considera que o investimento dun millón de euros anunciado pola Xunta para construír estruturas de abastecemento de augas pode levar ao efecto contrario se non hai políticas de xestión e administración deste recurso finito que, “por desgraza, en Galicia tamén comeza a ser escaso”.

Cómpre lembrar que o problema da seca motivou tamén a convocatoria dunha mobilización de Unións Agrarias, prevista para o vindeiro 18 de novembro en Santiago.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información