Pombeiro_cereais eco coren 1

Coren planta as súas primeiras 50 hectáreas de cereal ecolóxico

O Grupo Coren iniciou un proxecto pioneiro de cultivo de cereais ecolóxicos en Galicia , co obxectivo de destinalos á alimentación das súas producións con certificación ecolóxica. En concreto, a cooperativa presidida por Manuel Gómez-Franqueira puxo en marcha a súa primeira plantación de cereais ecolóxicos galegos nunha parcela de 50 hectáreas situada no monte comunal de Pombeiro, no municipio de Ferreira de Pantón (Lugo).

Para iso, recuperou parcelas que se atopaban en situación de abandono e nas que proliferaba o mato, iniciando un plan de recuperación do terreo para adaptalo a sementeira..

Así, entre finais de abril e principios de maio, a cooperativa procedeu a realizar a primeira sementeira de trigo de primavera, do que se estima alcanzar unha produción de 70.000 quilos. A próxima tempada está prevista unha sementeira de cereal de inverno, cunha produción estimada de 125.000 quilos.

As parcelas contan coa certificación do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

COREN busca máis parcelas en Galicia

Con este proxecto, Coren iníciase no cultivo de cereais ecolóxicos, iniciativa pioneira en Galicia que a cooperativa quere estender a outras zonas da comunidade, para o que está a buscar xa leiras que se poidan destinar a estes cultivos, co fin de cubrir a demanda de cereais de alimento para as súas producións ecolóxicas.

De feito, os cereais procedentes destes cultivos destinaranse á alimentación dos animais criados con certificación ecolóxica de Coren , en concreto o polo ecolóxico, as galiñas poñedeiras de ovos ecolóxicos, o porco ecolóxico e a tenreira galega ecolóxica, cuxa produción está amparada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Trátase de producións que Coren está a potenciar, atendendo así a demanda dos consumidores que cada vez solicitan máis alimentos con certificación ecolóxica.

Pombeiro_cereais eco coren 2