A cooperativa Clun reafirma a súa aposta polas mulleres do rural

A cooperativa Clun reafirma a súa aposta polas mulleres do rural

Acto de Clun esta mañá na Cidade da Cultura

A cooperativa de segundo grao Unión de Cooperativas Lácteas (Clun), nacida da integración de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, conmemorou hoxe o Día Internacional da Muller co I Encontro “Mulleres de Seu”.

Trátase dunha iniciativa que parte da Fundación Feiraco, que na actualidade implica a todas as socias de Clun e que traballa para promover o empoderamento e o desenvolvemento profesional das mulleres, dignificando o seu papel no ámbito rural.

A xornada, celebrada esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia, contou coa participación de máis de 80 socias de Clun e a presenza da secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, que reiterou o compromiso do Goberno autonómico coa igualdade de xénero e as actuacións encamiñadas a empoderar ás mulleres en todos os ámbitos de actividade e tomas de decisión.

No encontro participou tamén a alpinista galega de fama mundial Chus Lago como exemplo de emprendedora, loitadora e modelo de superación persoal e profesional.

O presidente de Clun, José Ángel Branco, asegurou que o papel das mulleres socias da nova cooperativa de segundo grao “que nace da necesidade de xerar valor para as nosas explotacións é capital no desenvolvemento, posicionamento e consolidación de Clun no sector agrogandeiro galego”.

“Mulleres de seu expresa a vontade de Clun de que a igualdade presida todas as súas actuacións; de que a muller adquira todo o protagonismo empresarial e persoal alí onde realiza as súas actividades, que sexa recoñecido por todos que a muller rural desenvolve funcións imprescindibles para a continuidade da vida no campo. Este é o século das mulleres e da igualdade”, manifestou.

Mulleres de Seu

A vicepresidenta de Feiraco, Carmen Rodríguez, compartiu coas asistentes os obxectivos, as actividades realizadas ata o momento, os resultados máis
significativos insistindo na boa marcha de Mulleres de Seu e no potencial futuro que posúe.

O grupo, constituído en setembro de 2013 desde a Fundación Feiraco, reuniu a máis de 450 socias en preto dunha vintena de accións formativas, talleres e outras xornadas de traballo. Para este 2017 está proxectado un intenso calendario de formación en aspectos técnicos como inseminación artificial, técnicas de muxido, xestión de custos ou informática e uso de dispositivos electrónicos, complementado con sesións de lecer e confraternización.

Carmen Rodríguez resumiu o obxectivo de Mulleres de Seu no “empoderamento das socias da cooperativa, en condicións de igualdade, e tamén en institucións e organizacións sociais”. “Queremos ser mulleres con iniciativa propia, emprendedoras, con tesón, con arraigamento á nosa terra e á nosa idiosincrasia”, sinalou.

“A perseveranza para chegar todo o máis alto”

A galega Chus Lago é a primeira española en alcanzar o Everest sen osíxeno e en cruzar a Antártida en solitario ata o Polo sur. É Medalla ao Mérito Deportivo do Consello Superior de Deportes, Medalla Castelao da Xunta e Leopardo das Neves desde 2004, título outorgado aos alpinistas que conseguen pisar a cima dos picos máis altos da extinta Unión Soviética.

Un currículo “de altura” ao que recentemente engadiu liderar a primeira expedición feminina aos Lagos Xeados de Laponia para concienciar sobre o quecemento global e a urxente necesidade de reducir a temperatura do planeta mediante unha travesía de 200 quilómetros nun medio hostil.

CLUN acompañará á deportista de elite na súa próxima expedición ao Ártico coas súas marcas Únicla e Clesa dentro do programa do Consello Superior de Deportes “Universo Muller”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información