Convócase o Premio Rafael Crecente a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial

O Ibader convoca xunto co LaboraTE da USC o Premio Rafael Crecente a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial. O galardón, dotado con 2.000 euros en metálico, pretende impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural

Convócase o Premio Rafael Crecente a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) vén de convocar en colaboración co Laboratorio do Territorio (LaboraTE) da USC o Premio Rafael Crecente a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial, un galardón creado en homenaxe á figura do profesor Rafael Crecente Maseda (1964-2015), considerado como un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia, cuxas bases da convocatoria están accesibles na web do Ibader.

O obxectivo do Premio Rafael Crecente a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial, un galardón dotado con 2.000 euros en metálico e, de ser o caso, a difusión do traballo desenvolvido, pasa por impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial en sentido amplo en Galicia. Trátase dun premio aberto á participación de todas aquelas persoas que remataran a súa titulación de grao ou máster nos últimos cinco anos.

Prazo de presentación de propostas ata o 1 de decembro

O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 1 de decembro de 2017 e o fallo farase público nun período máximo de dous meses desde esta data. Un comité de selección elixirá, entre as propostas presentadas, aquela máis axeitada de acordo co obxectivo do premio, así como unha ou dúas suplentes se o estima oportuno.

As persoas candidatas deberán enviar unha proposta orixinal e innovadora no ámbito do desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente, ou a mellora da xestión territorial ao enderezo electrónico premio.rafaelcrecente@usc.es, en formato pdf e cunha extensión máxima de 50 páxinas en tamaño A4, solicitando confirmación da correcta recepción do documento enviado. Poderá presentarse en galego ou castelán.

O Consello Científico do IBADER desempeñará as funcións de comité avaliador das propostas presentadas ao Premio Rafael Crecente, podendo solicitar o asesoramento de persoal experto externo. Os membros deste comité avaliador valorarán a viabilidade práctica da idea ou proxecto innovador, o impacto na sustentabilidade territorial e a xestión dos recursos en Galicia, e que teña compoñentes de innovación social, como por exemplo, no eido da xestión da propiedade.

Rafael Crecente Maseda

O profesor Rafael Crecente Maseda [1964-2015] estaba considerado como un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia. Foi profesor titular do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela, e o seu labor estivo vencellado principalmente á investigación, como director do Grupo de Investigación  Territorio-Biodiversidade – Laboratorio do Territorio, e coordinador do Sistema de Información Territorial (SIT) da USC.

Rafael Crecente participou asemade activamente como investigador en países de Latinoamérica, fundamentalmente en Ecuador, lugar no que impulsou un programa de colaboración, así como en convenios con países de Europa central e do leste. Tamén foi consultor da oficina rexional da FAO en Budapest e profesor invitado na Universidade de Múnich. Tamén foi investigador do Ibader adscrito ao Grupo de Investigación 1934 – Territorio e Biodiversidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información