Convócase o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Javier Bueno Lema e Álvaro Rodríguez Eiras presentan as bases reguladoras do XVII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. O prazo de presentación das candidaturas que optan a este galardón, dotado cun premio en metálico de 10.000 euros, ábrese ata o 28 de outubro

Convócase o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Presentación este xoves do premio Aresa

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, ademais Carlota López, directora adxunta do grupo empresarial de subministros agragandeiros, deron a coñecer este xoves na capital lucense as bases da nova convocatoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón de recoñecido prestixio que vai xa pola súa décimo sétima edición.

Poderán presentarse tanto proxectos de actividade empresarial coma empresas xa consolidadas ou empresarios/as cunha ampla traxectoria, e tamén traballos de I+D+i, sempre que teñan unha aplicación práctica no sector primario. As persoas aspirantes deberán entregar a súa proposta e a documentación correspondente nos rexistros dos campus universitarios de Lugo ou de Santiago de Compostela antes das 14.00 h do 28 de outubro deste ano.

Como vén sendo habitual, as candidaturas serán valoradas por un xurado especializado, integrado por destacados/as representantes da Universidade e do mundo da empresa. Na elección do proxecto premiado primarán a viabilidade económica, a creación de emprego e a innovación. O/a gañador/a, cuxa identidade se fará pública durante o mes de decembro, será recompensado/a cunha dotación de 10.000 euros.

O Grupo Aresa

Aresa é un grupo empresarial familiar con máis de 40 anos de andaina, dedicado á distribución de fertilizantes, pensos e outros produtos para a agricultura e gandería. Conta con 50 empregados/as e unhas instalacións de 15.000 m2 situadas en Lugo e Begonte, ademais de no municipio rabadense.

A empresa matriz, Aresa, xunto coa súa empresa participada Soaga, é líder na cornixa cantábrica e en Galicia, Castela e Portugal, comercializando anualmente 300.000 toneladas de fertilizantes. Dentro desta ampla oferta destaca o famoso Fertimón, así como a liña de fertilizantes especiais Fertiland, deseñada para praderías, milleirais, viñedos e patacas.

Recentemente creáronse outras firmas para satisfacer todas as necesidades da xente do rural: Todocampo, cadea de tendas de produtos para a agricultura, a gandería, a xardinería e as mascotas, e Cecoagro, de fabricación de alimentos para o gando e animais de compañía, e un importante mercado de plásticos de agricultura, sementes e fitosanitarios. O volume de facturación conxunto de Aresa e de Soaga aproxímase aos 200 millóns de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información