Convocaranse axudas a proxectos de cooperación de grupos de desenvolvemento rural

Publicidade
Convocaranse axudas a proxectos de cooperación de grupos de desenvolvemento rural

Reunión do consello de dirección da Agader

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) destinará 400.000 euros á primeira convocatoria de axudas para fomentar a realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural (GDR). Así o anunciou hoxe a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, antes de presidir a xuntanza do consello de dirección desta axencia na que se aprobou esta iniciativa.

Segundo explicou a conselleira, trátase de que os GDR galegos poidan “abrirse ao mundo” e sumar sinerxias con grupos do resto de España, da Unión Europea e mesmo de terceiros países, para impulsar proxectos e estratexias en común. Así, entidades de diferentes territorios poderán agruparse para desenvolver iniciativas de promoción turística conxunta, de posta en valor dos seus recursos patrimoniais ou artesanais ou para fixar poboación en áreas con características de demográficas comúns, entre outros fins.

Con estas achegas apoiaranse proxectos de cooperación que impliquen a posta en común de ideas, coñecementos, recursos humanos e materiais, pero tamén a execución dalgunha acción concreta, de xeito conxunto. Un exemplo desta colaboración podería ser a creación de guías turísticas en común, páxinas web ou aplicacións informáticas para a posta en valor dos seus recursos endóxenos.

Medida Leader

Neste encontro tamén se avaliou por parte dos responsables de Agader a situación actual e a evolución da medida Leader en Galicia. A conselleira amosou a súa satisfacción pola boa marcha deste programa, xa que só neste 2018 concorren un total de 924 expedientes (case 50 máis que na última convocatoria), cun orzamento total de investimento de 114 millóns de euros e que están a ser avaliados polos distintos GDR de Galicia (24 en total) para decidir a asignación e execución de proxectos. Neste intre están saíndo as resolucións de concesión, cun adianto de 50 días sobre o mesmo trámite da convocatoria anterior.

Lembrou ademais a conselleira que no 2017 foron case 400 os proxectos con axuda do Leader en Galicia, que permitiron crear 23 postos de traballo e consolidar outros 223 empregos durante un período de cinco anos. E que nese mesmo exercicio a execución da medida con respecto aos fondos solicitados para o pago por parte dos promotores supera o 94%.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información