Convocan unha gran mobilización dos afectados pola seca e as xeadas ante “a propaganda da Xunta”

O presidente Feijóo anuncia un paquete de medidas para axudar aos gandeiros a combater a seca, con medidas que xa están en marcha. Unións Agrarias prepara unha mobilización en Santiago o día 18 de novembro para demandar axudas directas aos produtores afectados pola seca, as xeadas e a saraiba.

Convocan unha gran mobilización dos afectados pola seca e as xeadas ante “a propaganda da Xunta”

A seca afecta especialmente ás ganderías do interior de Galicia.

O Consello da Xunta aprobou este mércores un paquete de axudas extraordinario para apoiar aos gandeiros e agricultores afectados pola seca. Sen embargo, a realidade é que do conxunto de medidas anunciadas (axudas para a contratación de seguros agrarios, para dar liquidez ás explotacións, o adianto do 70% da PAC, e axudas para o abastecemento de auga) todas elas xa están en marcha ou foron aprobadas por anterioridade.

Nese sentido, o sindicato Unións Agrarias, anunciou esta mañá a convocatoria dunha gran mobilización dos gandeiros e agricultores afectados pola seca, as xeadas e a sarabia, ante o que consideran “operacións de maquillaxe e propaganda do goberno da Xunta”. A manifestación está prevista para o vindeiro 18 de novembro en Santiago de Compostela e nela reclamarase á Xunta de Galicia o establecemento de axudas directas aos produtores, segundo anunciou esta mañá o secretario xeral de Unións, Roberto García.

Medidas aprobadas pola Xunta e que xa están en marcha

En concreto, entre as medidas anunciadas hoxe polo presidente Núñez Feijóo dentro do “plan de axudas extraordinarias” figuran 1 millón de euros nas anualidades 2017 e 2018 a axudas para construír estruturas para o abastecemento de auga (balsas de almacenamento, bebedoiros, conducións para o abastecemento destes, captación e condución de auga, etc). Tamén, os equipos para mellora do abastecemento de auga ao gando como cisternas móbiles ou bebedoiros móbiles. Sen embargo, estas axudas xa se veñen incluíndo nos plans de mellora dende hai anos, cunha porcentaxe de subvención que pode chegar ata o 60% e un importe máximo de 5.000 euros por beneficiario.

Outra das liñas deste suposto “paquete de axudas extraordinario” son as subvencións para a contratación de seguros agrarios, que contan cun orzamento de 4,7 millóns de euros no ano 2017, a mesma cantidade que se destinou en 2016 . A este respecto, Roberto García, secretario xeral de Unións denunciou que “a Xunta non aumenta a súa porcentaxe de subvención, que incluso vai baixar ao reducir o Ministerio de Agricultura a súa aportación nun 10%”. “A lexislación europea permite que se subvencionen as pólizas agrarias ata nun 65% e en Galicia estamos nun 40%”, subliñou.

No caso concreto do viñedo, o responsable de Unións lembrou que “as novas pólizas non recollen ningún dos cambios que lle demandamos as organizacións agrarias, xa que nin se aumenta a porcentaxe de subvención nin se permiten asegurar os viñedos por parcela, segundo o risco de xeada que teña”.

En canto ás liñas de axudas para facilitar o financiamento e a liquidez das explotacións agrogandeiras, sen custos, a xuro cero, outra das medidas anunciadas este xoves no Consello da Xunta dentro deste paquete contra a seca, Roberto García lembrou que “dos 10 millóns con que ía contar inicialmente quedouse ao final en 500.000 euros, e que van ir destinados a adegas e almacéns de patacas, non aos viticultores que perderon as súas colleitas”.

Roberto García (Unións): “O que necesitan os agricultores e gandeiros son axudas directas”

Rolda de prensa de Unións este mércores en Santiago

Rolda de prensa de Unións este mércores en Santiago

Por último, o presidente Feijóo recordou que a Xunta xestionou un anticipo do 70% das axudas da Política Agrícola Comunitaria, 95 millóns de euros que os agricultores e gandeiros irán percibindo entre o 15 de novembro e finais de decembro. Esta medida foi aprobada xa no mes de agosto pola Comisión Europea, a proposta do goberno español e doutros países afectados pola forte seca deste ano.

Neste sentido, e ante o que considera “operación de maquillaxe e de propaganda do Goberno da Xunta”, o sindicato Unións Agrarias convoca unha gran mobilización en Santiago o día 18 de novembro para demandar axudas directas aos gandeiros, produtores de castaña, apicultores e viticultores, fundamentalmente da provincia de Ourense e do sur de Lugo.

“As axudas directas son a única solución para poder comprar forraxe para os animais, e paliar a forte caída na colleita de uva para moitos viticultores. Están en perigo moitas explotacións e moitas novas incorporacións en zonas de montaña e desfavorecidas”, advertiu Roberto García.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información