Convocan unha gran manifestación este sábado en Santiago contra o abandono do rural

Publicidade
Convocan unha gran manifestación este sábado en Santiago contra o abandono do rural

A seca está a afectar a moitas explotacións gandeiras de Galicia

O sindicato Unións Agrarias convoca para mañá, sábado, unha gran manifestación en Santiago de Compostela para denunciar o que considera “abandono do rural por parte do goberno da Xunta de Galicia”.

Con esta mobilización o sindicato denuncia o que cualifica de “colección de promesas falsas de axudas coas que o goberno de Feijóo trata de tapar a falta de sensibilidade cara os homes e mulleres que viven e traballan nas vilas e aldeas galegas”.

A marcha, á que se prevé que asistan agricultores e gandeiros de toda Galicia, partirá da Alameda de Santiago ás 12.00 horas, percorrendo as rúas do centro da cidade para rematar diante da Consellería de Medio Rural.

Falta de axudas reais ante os danos das xeadas, da seca e dos lumes forestais

Os motivos que levaron a Unións a convocar esta mobilización son “a difícil situación pola que atravesan moitas explotacións agrícolas e gandeiras galegas e a falta de resposta axeitada por parte da administración”.

“As coñecidas carencias que sufre o interior de Galicia nos servizos básicos de transporte, sanidade ou educación, víronse agravadas polas duras situacións que se viviron nas explotacións agrogandeiras galegas no que vai de ano. Porén, a única resposta  por parte da Consellería de Medio Rural foi activar unha campaña de anuncios de axudas económicas a produtores afectados polas calamidades climatolóxicas ou polas vagas de incendios, que sen embargo á hora da verdade resultan incobrables na súa grande medida, polo articulado que fixa a propia norma”, denuncian dende o sindicato.

A modo de exemplos, Unións lembra que no caso das axudas, dotadas con 1 millón de euros, para garantir o aprovisionamento de auga ás explotacións, “os afectados non as poderán cobrar xa que a tramitación diante da demarcación hidrográfica correspondente supera o prazo dado pola Xunta para presentar a documentación”.

“O mesmo ocorre -advirten- coas anunciadas para cubrir os danos da xeada no viñedo que ían a estar dotadas de 11 millóns de euros na realidade a Xunta só destina 500.000 € para os viticultores que estean no réxime de autónomos, co que se exclúe ao restante 95%, ou os 11 millóns para cubrir danos dos incendios que logo quedaron reducidos a só 1,5 millóns de Euros para o agro, o que non cubre nin sequera as perdas ocasionadas polos lumes nas forraxes”.

A Fruga asegura que “as únicas axudas xurdiron da solidariedade entre os gandeiros”

Pola súa parte, a Federación Rural Galega-FRUGA, asegura que ante as adversidades climáticas deste ano e ante os danos dos lumes, “o que precisan as explotacións galegas é liquidez, para poder mercar a forraxe necesaria para os seus animais”.

“É curioso como boa parte destas axudas non partiron da administración, senón que partiron de grupos de gandeiros, que se organizaron para subministraren o forraxe preciso a moitos gandeiros, que viron como o lume lles levaba por diante as súas colleitas. Por que neste caso o papel da conselleira do medio rural limitouse a ir facer unha foto ás zonas afectadas”, critican dende a Fruga.

Neste sentido, dende a organización agraria advirten de que “falar da contratación de seguros, ou falar de falsos adiantos das axudas da PAC, non serven para paliar as difíciles situacións que están a vivir os labregos galegos”.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información