Convocan unha concentración en defensa do sector agrogandeiro da comarca de Ordes

Diversos colectivos sociais convocan para o día 30 de setembro, domingo, unha concentración para defender o futuro agrogandeiro da comarca de Ordes e denunciar diversos proxectos industriais que, segundo os convocantes, ameazan o medio ambiente e a saúde dos veciños e veciñas.

A concentración será ás 12:30 horas no parque municipal de Ordes e levará por lema “Aire, Auga e Terra Limpas” e animan aos asistentes a levar espigas de millo “como símbolo e fortaleza do rural que loita por sobrevivir con dignidade”.

En concreto, dende a organización manifestan que “na Comarca de Ordes estamos preocupados polos emplazamentos e proxectos de empresas que destrúen a noso rural e poñen en perigo o noso medio de vida e a nosa saúde, como a minería, os parques eólicos ou os vertedoiros de lixo, e que contan coa axuda das últimas leis impulsadas polo Goberno da Xunta”.

Entre estes proxectos industriais aos que se opoñen os organizadores polo impacto negativo que terían “están os parques eólicos proxectados por unha compañía de capital saudí atravesando Ordes, Mesía, Frades, Trazo e Cerceda; as novas liñas de alta tensión proxectadas para desembocar na subestación eléctrica do Mesón do Vento, que a día de hoxe xa ten máis que saturada a zona de campos electromagnéticos; o novo vertedoiro de residuos industrias de Lesta, a escasos metros do macrovertedoiro de Sogama na Areosa ao que vai parar o lixo de toda Galicia; e a actividade mineira de extracción de seixo que Erimsa pretende ampliar en Mesía e Frades a costa da vida dunha zona eminentemente gandeira”.

Entre as organizacións convocantes desta concentración están a Coordinadora contra a Implantación de Parques Eólicos na Comarca de Ordes, a Asociación de Afectados polo Vertedoiro de Lesta, a Comisión de Seguimento da Minería e Defensa do Rural Mesía-Frades, e a Asociación A Picota de Trazo.

concentracion_ordes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información