Convocada unha nova edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

A Universidade de Santiago e o Grupo Aresa asinan o convenio para poñer en marcha a nova edición do certame. Poden presentarse candidaturas ata o 27 de outubro

Convocada unha nova edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Sinatura do convenio do premio Aresa.

A Universidade de Santiago e o grupo de empresas Aresa asinaron o convenio para a posta en marcha dunha nova edición do premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que premia cada ano aquelas iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúa á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural.

No lanzamento do certame, os representantes da Universidade e de Aresa coincidiron en sinalar a relevancia acadada por este galardón, que “superou as expectativas dos seus promotores en canto ao seu asentamento e recoñecemento pola sociedade galega, acadando grande importancia tanto polos currículos dos premiados como pola súa dotación económica”, destacou o reitor da USC, Juan Viaño.

Na avaliación das candidaturas, o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren valor engadido e emprego no rural galego. Terase tamén en conta a súa viabilidade económica, a posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, a recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e a innovación en produtos que teñan potencial de desenvolvemento.

A presentación de candidaturas pode realizarse desde hoxe mesmo ata o 27 de outubro nos rexistros da USC.

Traxectoria

Na traxectoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón creado no ano 2000 e que acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002) ou a Facultade de Veterinaria (2008). Fóra do ámbito universitario, outros gañadores foron a IXP TerneraGallega (2004), o programa de TVG ‘O Agro-labranza’ (2005), a D.O. Ribeira Sacra (2006), a Asociación de Criadores de Rubia Galega – Acruga (2010), a Sociedade Agraria de Transformación ‘Montes de Trabada’ (2011) ou a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) (2016).

Recibiron tamén este galardón o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva (2003); os impulsores da queixería Casa Macán (2007); e empresas como a industria cárnica Novafrigsa (2000), Ingapán (2009), Champivil (2012), Alibós Galicia, que foi a gañadora da edición de 2013, e a Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, que recibiu este galardón na súa edición de 2014. O grupo empresarial galego Agroamb, que atopa a súa sede empresarial no concello lugués de Castro de Rei, resultou merecedor do premio na edición de 2015.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información