Consenso en España para limitar o número de beneficiarios da PAC

A revisión das axudas da Política Agraria Común no 2020 irá acompañada previsiblemente dunha redución do presuposto comunitario. A baixada de cartos xera unha petición maioritaria para evitar perceptores que estean xubilados

Consenso en España para limitar o número de beneficiarios da PAC

Xornadas da PAC organizadas polo Ministerio en Madrid.

O próximo periodo da Política Agraria Común (PAC), a partir do 2020, xa está a debate. Para este ano e para o próximo espérase unha negociación a nivel comunitario na que se decidirá o futuro das axudas á agricultura. Co obxectivo de consensuar unha postura común a nivel de España, o Ministerio de Agricultura está a celebrar unhas xornadas en Madrid con participación de todos os conselleiros de Agricultura das comunidades autónomas.

O primeiro día das xornadas, que se iniciaron onte e conclúen hoxe, contou coa participación do comisario de Agricultura da UE, Phil Hogan, que incidiu na baixada de fondos que se aveciña para a PAC. O Brexit reducirá nuns 3.600 millóns de euros anuais a cantidade destinada para a Política Agraria Común, segundo as estimacións de Hogan. Un segundo factor a ter en conta son os retos presupostarios ós que terá que facer fronte a UE na próxima década, entre os que figuran cuestións como a atención a refuxiados e migrantes.

A PAC representa un 38% dos fondos comunitarios. Lexitimar o mantemento dos apoios é un dos retos que enfronta o agro

Lexitimación da PAC
A PAC representa na actualidade un 38% do presuposto comunitario e queda por ver que parte dos fondos consegue reter a partir do 2020. A lexitimación das axudas que cobran agricultores e gandeiros preséntase, por tanto, como unha das tarefas a coidar polo agro.

O sector coincidiu nas xornadas de Madrid en reivindicar o papel das axudas para garantir a produción de alimentos sans e seguros, así como para manter o territorio, fixar poboación e xerar beneficios ambientais.

Pagos directos
Houbo consenso en defender os pagos directos a agricultores e gandeiros. No periodo 2014-2020, España dispón de 35.000 millóns de euros para pagos directos e de 8.000 para fondos de desenvolvemento rural.

Comunidades como Cataluña ou País Vasco pediron modificar o sistema de pagos baseado en dereitos históricos

En Bruxelas debátese se reorientar no 2020 parte dos fondos asignados a pagos directos para desenvolvemento rural, se ben en España, os conselleiros autonómicos que se pronunciaron sobre a cuestión, entre eles a galega Ángeles Vázquez, apoiaron o mantemento do enfoque actual, centrado nos pagos directos como vía para complementar a renda das explotacións.

Agricultores activos

A defensa dos pagos directos fíxose con dous matices. Os conselleiros autonómicos avogaron por enfocar as axudas ós agricultores verdadeiramente activos. Desde o País Vasco explicouse a situación con claridade: “Se o Brexit vai reducir o presuposto comunitario, a resposta ten que pasar por limitar o número de beneficiarios. Hai que eliminar ós agricultores xubilados da PAC e cambiar o modelo actual de pagos baseado nos dereitos históricos”.

A mesma claridade foi compartida por comunidades como Castilla y León ou Cataluña. “Os dereitos históricos frenan a transición de apoios cara a xente nova”, valorou a conselleira catalana.

Sobre esa idea común, cada comunidade engadiu suxerencias particulares a como orientar os pagos directos. Por exemplo, o País Vasco é tamén favorable a limitar os apoios para as explotacións con ingresos máis altos. Cataluña, pola súa banda, incidiu na necesidade de centrar os esforzos en áreas vulnerables e pediu marxe para acoplar ou desacoplar axudas en función das necesidades.

Desde Galicia, subliñouse a necesidade de simplificar o proceso de declaración da PAC, así como os controis posteriores. Pediuse ademais homoxeneidade e estabilidade para este tipo de tramitacións.

Rexionalización
No primeiro día das xornadas, celebrado onte, houbo tamén algún apunte sobre o melón que queda por abrir, o da asignación autonómica das axudas da PAC en España, se ben ese debate tratouse de evitar e quedará para unha fase posterior, cando xa se concrete a orientación da futura PAC desde Bruxelas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información