Recomendacións para a prevención de accidentes no tractor

O 90% das mortes prodúcese por envorcamento, como as ocorridas a última semana en Xeve (Pontevedra) e Mondoñedo. A falta de estruturas de protección, un problema endémico en Galicia, e o envellecemento da poboación, dous factores de risco

Recomendacións para a prevención de accidentes no tractor

Tractor envorcado.

Dous sinistros mortais que se rexistraron por envorcaduras de tractor na última semana en Xeve (Pontevedra), coa morte dun home de 49 anos, e en Mondoñedo, onde morreu unha nena que acompañaba a un familiar, volven poñer de manifesto o problema da alto índice de accidentes que se rexistran co tractor na comunidade. Galicia mantén nos últimos anos unha media de arredor de 15 sinistros mortais por campaña.

Preto do 90% das mortes no tractor prodúcense por envorcamento, un problema agravado pola falta de estruturas de protección nos tractores galegos. Todas as máquinas con menos de 20 anos están obrigadas a contar con estruturas antienvorcadura, pero nas anteriores non é obrigatorio. Da antigüidade do parque de maquinarias en Galicia dá conta o feito de que arredor do 75% dos tractores usados que se venden en Galicia superan os 20 anos.

O 75% dos tractores usados que se vende en Galicia supera os 20 anos

O envellecemento da poboación é outro dos factores a ter en conta. Máis da metade dos sinistros mortais afectan a poboación maior de 65 anos. Repasamos a continuación algunhas medidas de prevención básicas a ter en conta no manexo do tractor, de acordo coa campaña realizada no 2015 polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga).

Proteccións do tractor fronte á envorcadura
• Dispoñer de estrutura homologada de protección (cabina, pórtico ou bastidor).

• Empregar o cinto de seguridade cando o tractor dispoña de estrutura homologada de protección.

• Realizar un mantemento axeitado das proteccións.

Medidas fronte á envorcadura
• Extremar as precaucións en camiños en mal estado e circular a velocidade axeitada.

• En pendente extremar as precaucións.

• Non efectuar viraxes bruscas, principalmente se se vai cun apeiro arrastrado (remolque, cisterna de xurro, etc).

• Non forzar o tractor se existe resistencia ao avance.

• Non retirar parafuso de roturados arados, e se é necesario retiralo, introducir outro de iguais características.

• Abater as estruturas de protección (exemplo: pórtico) só nos casos imprescindibles (invernadoiros, baixo árbores, etc) e sempre cun manexo adecuado e seguro.

• Seleccionar adecuadamente os apeiros que se vaian enganchar ao tractor.

• Empregar o peche do bloqueo dos freos en circulación e transporte, co fin de pisar os freos simultaneamente.

• Se se produce unha envorcadura, o condutor permanecerá dentro do tractor e agarrarase fortemente ao volante ou a algunha asa. Nunca saltar cara ao exterior.

Seguridade viaria
• Os vehículos agrícolas que circulen polas vías públicas estarán homologados e matriculados.

• Permiso de conducir:
– Xeral: Permiso Clase B.
– Licenza de condución (idade mínima 16 anos) cando: a masa ou as dimensións dos vehículos agrícolas non excedan as máximas autorizadas; e a velocidade máxima por construción non exceda de 45 km/h.

• ITV: exento os 8 primeiros anos, bienal de 8-16 anos, e anual a partir dos 16 anos. Excepto motocultores, motoazadas etc. que non é obrigatoria a ITV.

• Cumprir as normas de circulación: velocidade axeitada, sinalización da máquina diúrna e nocturna, etc.

• Respectar o número máximo de pasaxeiros do veículo indicado polo fabricante.

• Dispoñer dos elementos de seguridade viaria obrigatorios e en bo estado: espello retrovisor esquerdo, sinalización luminosa: xifaro (V-2) e limitación de velocidade (V-4), etc.

• Na vía pública, de ser o caso, levar a máquina en posición de transporte.

Protección da toma de forza (tdf) e do eixe cardánico
• Dispoñer dos elementos de protección (Protector da toma de forza (tdf), protector do eixe cardánico e protector das xuntas cardán) en bo estado e colocados axeitadamente.

• Enganchar o eixe cardánico coa tdf desconectada, o motor apagado e a chave de arrinque do tractor sacada.

• Non levar roupa frouxa nin o pelo solto, non permanecer próximo á toma de forza e ao eixe cardán en movemento.

• Non subir ao tractor apoiándose na coiraza protectora, nin ir subido nela co tractor en marcha.

• Antes de baixar do tractor, desacoplar a tdf, poñer o tractor no punto morto, accionar o freo de estacionamento, apagar o motor e retirar a chave do contacto, sempre que sexa posible.

En caso de emerxencia ou sinistro, chamar ao 112.

Máis información
Díptico elaborado polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde no Traballo (ISSGA)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información