A Consellería asegura que aboará o adianto da PAC na última semana de novembro

Este adianto correspóndese co 70% das axudas do Pago Básico, Pago Verde, Réxime de Pequenos Agricultores e as axudas acopladas ao sector lácteo e ás vacas nutrices. Algo máis de 24.000 galegos veranse beneficiados deste adianto, co fin de dotar as súas explotacións de liquidez

A Consellería asegura que aboará o adianto da PAC na última semana de novembro

As ganderías de vacún de leite, entre outras, demandan o adianto das axudas para compensar os baixos prezos

A Consellería do Medio Rural informa de que está a traballar para abonar un total de 98 millóns de euros como anticipo das axudas da Política Agrícola Común 2016-2017. “Así, espérase que a última semana de novembro algo máis de 24.000 agricultores e gandeiros se poidan beneficiar desta medida”, asegura o departamento que dirixe Ángeles Vázquez.

Este anuncio prodúcese despois das críticas de organizacións agrarias, como a Fruga ou Unións Agrarias, polo atraso da Consellaría en aboar o adianto da PAC, cando a Comisión Europea permite que as administracións ingresen o adianto destas axudas aos gandeiros e agricultores dende o 16 de outubro, algo que xa fixeron comunidades como Andalucía, Castela A Mancha, Castela e León ou Valencia.

A Consellaría solicitaralle os fondos o vindeiro venres ao Fega

O adianto da PAC que a Consellería anuncia agora que ingresará a finais de mes correspóndese coas axudas do Pagamento Básico aos Agricultores (Réxime de Pago Básico), por un importe de 41,66 millóns de euros; do Pagamento para os agricultores que apliquen prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente (Pago Verde), por importe de 18,43 millóns de euros; do Réxime de Pequenos agricultores, por importe de 2,31 millóns de euros; da Axuda acoplada ao sector lácteo, por 25,48 millóns de euros e da axuda ás vacas nutrices, por 10,20 millóns de euros.

O departamento que dirixe Ángeles Vázquez solicitaralle o vindeiro venres ao Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) os fondos para este anticipo para así, ao seguinte venres, poder facer efectivo o pago ás entidades bancarias.

En todo caso, dende a Consellería do Medio Rural lembran que “a Administración galega ten de prazo ata o vindeiro 30 de novembro para facer efectivo este anticipo e ata o 30 de xuño para aboar o importe íntegro das axudas correspondentes a Política Agrícola Común”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información