Comprométese un estudo sobre a reestruturación das Oficinas Agrarias Comarcais

Os grupos da oposición demandan no Parlamento suficiente persoal que preste asesoramento de proximidade a gandeiros e agricultores

Comprométese un estudo sobre a reestruturación das Oficinas Agrarias Comarcais

Comisión de Agricultura do Parlamento.

As recentes reclamacións do sector agrario pola falta de persoal nas Oficinas Agrarias Comarcais (OACs), con casos coma o de Lugo ou de Teixeiro, chegou estes días ó Parlamento de Galicia. Dúas iniciativas da oposición demandaron medidas da Xunta para “frear o desmantelamento das Oficinas Agrarias”, dotándoas de persoal suficiente, se ben o único compromiso acadado para este ano foi a realización dun estudo sobre a situación actual das OACs.

As proposicións en demanda de máis persoal para as Oficinas chegaron por parte do PSdeG e de En Marea, que advertiron da necesidade de que gandeiros e agricultores dispoñan de persoal técnico de proximidade que os asesore. Apoiou esas propostas o BNG, que coincidiu en que a maior parte das Oficinas Agrarias están “desmanteladas” e lembrou o protagonismo das antigas oficinas de Extensión Agraria na “revolución do leite en Galicia”.

Por parte do grupo popular, argumentouse que as novas tecnoloxías fan menos precisa a presenza de persoal nas Oficinas, así coma o desprazamento dos produtores ás mesmas, e propúxose aprobar unha proposta conxunta que pedira a realización dun estudo sobre as necesidades das OACs. O Parlamento aprobou por maioría esa proposta -con abstención de En Marea-, na que tamén se reclama que antes de rematar a lexislatura se faga unha planificación que permita dotar ás Oficinas de medios humanos e materiais suficientes.

A proposta de En Marea, que reclamaba dotar de máis medios ás Oficinas Agrarias Comarcais, foi rexeitada polos votos en contra do grupo popular. Desde En Marea consideran que se está a externalizar parte do traballo adminitrativo que facían as OACs nun contrato coa empresa Tragsatec, unha externalización que consideran que non resolve a falta de medios nas Oficinas Agrarias Comarcais para a atención ós produtores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información