Como funcionará a inspección de sulfatadoras?

Resumo da charla pronunciada en Cambados pola xefa de sección do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería do Medio Rural, Mercedes Espasandín Lois, sobre “Inspeccións periódicas en equipos de aplicación de produtos fitosanitarios”.

Como funcionará a inspección de sulfatadoras?

Inspección en Cataluña. Autor: ITEAF

Os equipos de aplicación de produtos fitosanitarios deberán pasar unha inspección antes do fin de 2016, segundo determina a normativa de uso sostible dos praguicidas que se está a aplicar en España. En Galicia son arredor de 9.500 máquinas, entre barras pulverizadoras, atomizadores e outras, as que deberán pasar a revisión, segundo os cálculos de Medio Rural.

Neste sentido, o pasado 23 de abril, dentro da I Xornada de Agricultura Sostible en Viñedo, celebrada en Cambados, a xefa de sección do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería do Medio Rural, Mercedes Espasandín Lois, pronunciou unha charla sobre “Inspeccións periódicas en equipos de aplicación de produtos fitosanitarios”.

Aínda que polo de agora non se puxo en práctica o sistema de inspeccións en Galicia, velaquí un resumo dos principais puntos do novo sistema de inspección que avanzou a representante da Xunta:

Todos os equipos haberá que inscribilos no ROMA (Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola) de cada provincia.

Quedan excluídas das revisións os equipos fitosanitarios que sexan pulverizadores de mochila e os de arrastre manual (carretillas) con depósito de ata 100 litros inclusive.

As inspeccións realizaranse nas Estacións de Inspección de Equipos de Aplicación de Produtos Fitosanitarios (ITEAF), pendentes de autorización por parte da Xunta.

Periodicidade das inspeccións:

– Os equipos novos: nos cinco primeiros anos desde a súa compra.

– As inspeccións posteriores: cada cinco anos, agás para os que prestan servizos a terceiros, nos que farase cada tres anos.

– A partir do ano 2020, as inspeccións faranse cada tres anos.

En todo caso, todos os equipos obrigados deberán estar inspeccionados polo menos unha vez antes do 26 de novembro de 2016.

Que elementos se inspeccionan?

• Elementos de transmisión da potencia.

• Bomba.

• Axitación.

• O tanque do liquido para a pulverización.

• Sistemas de medida e de regulación e control.

• Tubos e mangueiras.

• Filtrado

• Barra de pulverización, en equipos que os incorporen.

• Boquillas.

• Distribución.

•Sistemas pneumático en equipos que o incorporen.

Ademais, mediranse o manómetro, a regulación da presión e o caudal das boquillas.

Os equipos deberán poder:

•Encher e baleirar de forma segura, sinxela e completa e que impida fugas dos produtos.

•Facer un limpeza fácil e completa.

•Garantir a seguridade do operario e ser controlado e detido o produto inmediatamente desde o asento do operador.

•Os axustes deberán ser simples, precisos e reproducibles.

Elementos dos equipos fitosanitarios aos que se lles prestará especial atención nas inspeccións:

1) Elementos de transmisión da potencia: A carcasa protectora da transmisión da toma de forza e a protección da conexión da toma de forza estarán axustadas e atoparanse en bo estado, e os dispositivos de protección e calquera parte da transmisión que sexan móbiles ou xiratorios non estarán afectados no seu funcionamento, de forma que se asegure a protección do operador.

2) Bomba. A capacidade da bomba corresponderase coas necesidades do equipo e a bomba debe funcionar adecuadamente para garantir un volume de aplicación estable e fiable. Non terá fugas.

3) Axitación. Os dispositivos de axitación deberán asegurar a axeitada recirculación para conseguir que a concentración de todo o volume da mestura liquida de pulverización que se atope no tanque sexa uniforme.

4) Tanque de líquido para a pulverización. Os tanques para a pulverización, incluídos o indicador de contido do tanque, os dispositivos de enchedura, os tamices e filtros, os sistemas de baleirado e aclarado e os dispositivos de mestura, deberán funcionar de forma que se reduza ao mínimo as verteduras accidentais, as distribucións irregulares da concentración, a exposición do operador e o volume residual.

5) Sistemas de medida e de regulación e control. Todos os dispositivos de medida, de conexión e desconexión e de axuste da presión ou do caudal estarán calibrados adecuadamente e funcionarán de forma correcta e sen fugas. Durante a aplicaciónm debe ser fácil controlar a presión e utilizar os dispositivos de axuste da presión. Estes manterán unha presión constante de traballo para garantir que o caudal de aplicación sexa estable.

6) Tubos e mangueiras. Atoparanse en bo estado para evitar fallos que alteren o caudal de liquido ou as verteduras accidentais no caso de avaría. Non haberá fugas dos tubos ou das mangueiras cando o equipo estea a funcionar a presión máxima.

7) Filtrado. Para evitar turbulencias e heteroxeneidade na repartición da pulverización, os filtros encontraranse en boas condicións e so seu tamaño da malla corresponderase co calibre das boquillas instaladas no pulverizador. No seu caso, deberá funcionar correctamente o sistema de indicación do bloqueo dos filtros.

8) Barra de pulverización (en caso de equipos que pulvericen produtos fitosanitarios por medio dunha barra disposta horizontalmente, situada preto do cultivo ou da materia que se vai tratar). Debe atoparse en bo estado e ser estable en todos as dileccións. Os sistemas de fixación e axuste e os dispositivos para amortecer os movementos imprevistos e compensar a inclinación deberán funcionar de forma correcta.

9) Boquillas. Deberán funcionar de forma correcta para evitar o goteo cando estean pulverizando. Para garantir que sexa homoxéneo o reparto do produto, o caudal de cada boquilla non poderá desviarse significativamente dos valores das táboas.

10) Distribución. Deberán ser uniforme a distribución transversal (en cultivos baixos) e vertical (en cultivos altos) da mestura de pulverización na superficie obxecto que corresponda.

11) Sistema pneumático (en caso de equipos de aplicación que o incorporen). Estará en bo estado e deberá proporcionar un chorro de aire estable.

30 días para subsanar os posibles defectos

O resultado das inspeccións será favorable cando non se detecte defecto grave, entendendo como tal o que afecte severamente á calidade de distribución do produto, á seguridade do operario ou ao ambiente, e está tipificado no manual de inspeccións.

Cando o resultado das inspeccións sexa desfavorable, non se poderá utilizar o equipo. A ITEAF emitirá un certificado cos defectos leves ou graves que haberá que subsanar, e terán un prazo de 30 días contados desde da emisión do certificado para subsanalos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información