Rega con xurros, un proxecto ourensán para fertilizar os cultivos

O proxecto Fertiporc busca utilizar a fracción líquida dos xurros de porco para abonar plantacións, sen danar a colleita. Propoñen un sistema de rega que permite empregar os xurros no verán e evitar o gasto en fertilizantes químicos. Coñecemos esta proposta aínda en fase de investigación

Publicidade
Rega con xurros, un proxecto ourensán para fertilizar os cultivos

Cultivos regados coa fracción líquida dos xurros de porco, unha vez procesados.

A carga de nitróxeno dos xurros de porcino convérteos nun fertilizante recorrente para diferentes cultivos, como as plantacións de millo forraxeiro, pero o seu uso queda limitado no verán, cando non é posible a súa aplicación xa que o terreo atópase ocupado polos cultivos. O proxecto Fertiporc busca precisamente atallar estas restricións no uso dos xurros de porcino e en concreto, revalorizar a fracción líquida. Así, explícano desde o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), onde investigan como aproveitar estes xurros e utilizalos mediante un sistema de rega.

Fertiporc é un grupo operativo que recibiu unha achega de fondos europeos FEADER, e atópase liderado por Cooperativas Ourensás (Coren) e o Centro Tecnolóxico da Carne, dependente da Consellería de Medio Rural, que se encarga de levar a cabo a investigación, avaliación e traballo de campo. Nesta iniciativa tamén participa a firma Enxeñería e Xestión Agrorrural Azul e Verde, de Xinzo da Limia, que desenvolveu parte das infraestruturas necesarias para o aproveitamento dos xurros. O grupo intégrano ademais un agricultor e un gandeiro tamén da zona da Limia en cuxos cultivos se está probando a proposta.

Este proxecto propón a utilización da fracción líquida dos xurros mediante un sistema de rega. “En pleno verán os gandeiros e agricultores non poden entrar ás leiras por estar cos cultivos, por iso a idea é que poidan fertilizar igual ao incorporar esta fracción líquida na rega por aspersores”, detalla Lucio García, enxeñeiro agrónomo e responsable da área de produción agroalimentaria, medioambiente e territorio no CTC.

De xurro… a auga con nitróxeno

Antes de aplicalo no cultivo mediante unha rega por aspersores, o xurro de porco sométese a unha transformación. Coren conta cunha planta piloto para o tratamento de xurro na que leva a cabo unha separación inicial da parte sólida da líquida. “Ese 8 ou 9% de materia orgánica que ten o xurro de porco queda xa nesta primeira fase”, detalla García. A fracción sólida destínase a compostaxe xunto con outras materias.

Mentres, a fracción líquida pasa aínda por outro proceso de depuración que inclúe fases aeróbicas e anaeróbicas e o seu posterior paso por distintas balsas de decantación con plantas macrófitas, moi empregadas para lograr unha depuración natural no tratamento de augas residuais. “Despois deste proceso, unha vez estabilizada e perdida a súa capacidade contaminante e a súa carga microbiana, esta fracción líquida só é un pouco de auga con nitróxeno que nin desprende cheiros nin ten ningún problema”, explica o enxeñeiro agrónomo.

Este procedemento de separación de sólido e líquido xa se está realizando en varias granxas, como informan desde o CTC.

Balsas portátiles para cada leira

balsas-portatiles-Fertiporc-

Balsa portátil instalada e preparada para o rego con xurros.

Unha vez estabilizada a fracción orgánica transpórtase en cisternas ata as leiras para poder incorporala á rega por aspersores. A empresa ourensá Enxeñería e Xestión Agrorrural Azul e Verde desenvolveu unhas balsas portátiles cunha capacidade de 30.000 litros que se poden colocar nas parcelas e nas que se deposita a fracción líquida.

Trátase dunhas bolsas que unha vez baleiras pódense encartar e recoller para transportar a outra leira. “Mediante un motor incorpóranse as doses adecuadas á tubaxe de rega, de maneira que non só se achega esta fracción líquida do xurro senón que se mestura coa auga”, especifica o experto.

Fertiporc busca o aproveitamento desta fracción líquida para reducir o aporte químico aos cultivos. “O uso deste xurro permitiría unha redución en custos de fertilización, evitar o uso de abonado químico extra e ampliar o período de utilización deste abono”, concreta García.

Prevén que o uso desta fracción líquida do xurro proporcione un aforro de custos no aporte químico aos cultivos

Aínda pendente de realizarse un estudo económico en detalle en que se comparará este tipo de aplicacións co aporte das mesmas unidades de nitróxeno mediante un abonado químico “creo que vai confortar un aforro de custos”, adianta o enxeñeiro agrónomo.

Primeiros cultivos

Con este grupo de traballo, que comezou a funcionar o pasado ano e que se manterá operativo ata o 2019, buscan pór a punto distintos cultivos aproveitando a capacidade fertilizante destes xurros tratados. Para iso realizaron diferentes plantacións co obxectivo de poder concretar as doses necesarias para un rendemento adecuado, así como os cambios que este procedemento pode ocasionar nos chans.

As primeiras probas realizáronas con cultivos de trigo, millo forraxeiro, pradaría e árbores produtoras de biomasa

Este ano contaron con 1,5 hectáreas de trigo e 2 hectáreas de millo forraxeiro na zona da Limia. A elas súmanse outras 3 hectáreas de pradaría, cuxa sementeira realizouse xa o pasado ano, e ao redor de 8.000 metros cadrados dunha plantación de chopos destinados ao aproveitamento da biomasa, nunha zona de monte entre A Limia e Celanova. Parte das plantacións de trigo e millo localízanse nunha leira do CTC, onde sementaron varias parcelas de ensaio con diferentes doses.

Pero ademais, Fertiporc inclúe probas en cultivos en extensivo. É aí onde entran tanto o gandeiro como o agricultor, xa que as probas están a facerse nunha parte dos seus cultivos. “Non só se fai en parcela pequena, con distintas doses, senón que se fai extensivamente con estes operadores, o que permite ver a aplicación que eles poderían levar a cabo”, detalla Lucio García.

Medicións na colleita do millo.

Medicións na colleita do millo.

Polo momento só cultivaron o trigo, e recentemente estase levando a cabo a recollida de mostras de millo. Mentres que a pradaría implantouse o ano pasado, e este é o primeiro verán no que se lle aplica este tipo de fertilización. En canto aos chopos, é o cultivo máis a longo prazo e, polo momento, só se están recollendo medicións da súa evolución.

A finais deste ano, unha vez realizada a colleita da forraxe, poderán contar xa cos primeiros resultados para establecer unha comparativa e os datos cos que avaliar o proxecto.

Xornadas con gandeiros

Algúns produtores de millo forraxeiro xa puideron coñecer o proxecto Fertiporc de forma directa, xa que en meses pasados levouse a cabo unha xornada informativa sobre esta aplicación de xurros aos cultivos. Unha vez obtidos os primeiros resultados contémplase tamén compartilos cos produtores mediante unha nova sesión divulgativa, xa que este proxecto “busca responder a unha necesidade real que nos expoñen tanto Coren, como unificadora de produtores de xurro, como os propios agricultores”, concretan desde o Centro Tecnolóxico da Carne.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información