Circular sobre a comprobación da figura do agricultor activo

O Fondo Español de Garantía Agraria establece nun documento os criterios e pasos a seguir para confirmar que os perceptores de axudas da PAC cumpren cos requisitos de mantemento de actividade

Circular sobre a comprobación da figura do agricultor activo

A figura do agricultor activo podería modificarse para o próximo periodo da PAC.

Só poden cobrar as axudas da Política Agraria Común (PAC) aquelas persoas físicas ou xurídicas que poidan demostrar que son agricultores activos. De cara a que as comunidades autónomas poidan facer uns axeitados controis sobre esta cuestión, o Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) vén de publicar un documento no que establece os criterios e pasos a seguir para efectuar as verificacións oportunas.

A normativa básica establece que os agricultores activos son aqueles que teñen uns ingresos agrarios totais nos que alomenos o 20% procede da actividade agraria. É a coñecida como norma 80+20 (80% de axudas + 20% de ingresos da actividade).

Desde o sector tense criticado este requisito, pois pénsase que é moi sinxelo de cumprir, e aspírase a que haxa unha modificación da figura do agricultor activo para o próximo periodo da PAC, de xeito que só cobren axudas os que son verdadeiramente profesionais do agro.

A circular do Fega establece ademais que aqueles agricultores que perciban pagos directos por debaixo dos 1.250 euros non están obrigados a cumprir cos requisitos de agricultor activo.

Inspeccións
En caso de que a Administración detecte que un agricultor non cumpre cos requisitos de ingresos agrarios no periodo impositivo máis recente, poderá tamén botar man dos dous exercicios anteriores para verificar os datos.

Desde este ano, a normativa establece que no caso de non contar cos suficientes ingresos agrarios, o beneficiario deberá acreditar que mantén a actividade nas superficies que incluíu na súa solicitude de axudas e que está a asumir o risco da actividade agraria, cuestións que se poderán verificar con inspeccións sobre o terreo. Trátase dunha flexibilización da norma que foi moi criticada polas organizacións agrarias, pois considérase que vai contra a profesionalización do agro.

O beneficiario quedará ademais nunha lista de risco, de cara a ser incluído nos controis sobre o terreo da PAC de campañas posteriores.

A Administración competente en materia de axudas agrarias deberá tamén cruzar os datos do beneficiario cos da Seguridade Social e cos da Axencia Tributaria para verificar que non realiza actividades que queden excluídas do cobro de axudas agrarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información