Cervantes celebra este sábado a I Feira en Defensa do Gandeiro de Montaña

Publicidade
Cervantes celebra este sábado a I Feira en Defensa do Gandeiro de Montaña

Presentación da feira este martes en Cervantes

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Argelio Fernández Queipo, xunto ao alcalde do concello de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, e o presidente da asociación Territorio Verde, Miguel González Vilela, presentaron este martes a I Feira en Defensa do Gandeiro de Montaña que se celebrará, na localidade de San Román de Cervantes, este sábado 11 de maio.

Fernández Queipo subliñou que “recuperando esta feira tradicional de gando vacún, dinamizamos a actividade económica da zona e apoiamos aos gandeiros e a produción de tenreira galega na provincia. Tamén contribuímos a manter viva a ancestral relación entre o gando e a paisaxe dos Ancares axudando a potenciar o turismo neste territorio da Montaña lucense”.

Con esta iniciativa, a asociación Territorio Verde, recupera unha feira tradicional que non se celebraba dende o ano 1985. Ademais de facer protagonista á tenreira galega, esta cita busca fomentar a unión e o traballo conxunto dos gandeiros para impulsar un sector clave para o desenvolvemento deste territorio.

A feira, que se desenvolverá nunha pradería, estará amenizada con pulpeiros, comerciantes e música tradicional. Ademais tamén haberá un concurso de gando no que están inscritos ao redor de 100 animais e tamén unha poxa de xatas da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA).

Programa

Ás 09.00 horas comezará a feira coa recepción do gando participante. Un xurado especializado será o encargado de avalialo. Ás 12.00 horas terá lugar a poxa de xatas de Acruga. A partires das 13.30 horas, entregaranse os premios do concurso ás mellores vacas, toros e xatas de raza Rubia Galega e de raza Asturiana. Tamén haberá premio para a gandería que presente máis reses.

Asociación Territorio Verde

A Asociación Territorio Verde impulsa a vida rural nos Ancares coa posta en marcha de diversos proxectos. Entre as súas actuacións destacan as accións de sensibilización medioambiental, a promoción de iniciativas de recuperación natural,  a cooperación con colectivos da zona como gandeiros, ou escolares e o apoio a proxectos de emprendedores que sexan viables. Entre os seus proxectos futuros está o de repetir esta feira de gando no mes do outubro abríndoa a produtores da zona para que vendan os seus produtos autóctonos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información