Catro claves para previr os accidentes no tractor

Catro claves para previr os accidentes no tractor

A envorcadura é o sinistro máis común co tractor.

Galicia ostenta o liderado en sinistros mortais en tractor, con algo máis de 90 persoas falecidas dende o ano 2011. O numeroso parque móbil, con máis de 160.000 tractores, e a elevada idade dalgúns dos conductores son algúns dos factores que incrementan os riscos de sinistralidade.

Ante esta problemática, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), vén de poñer en marcha unha nova campaña sobre a prevención de riscos no manexo do tractor que se achegará a 119 concellos do rural galego repartidos polas catro provincias galegas (35 da Coruña; 30 de Lugo; 27 de Ourense; e 27 de Pontevedra).

A través desta campaña, o Goberno galego repartirá 10.000 trípticos e 3.000 carteis que recollen información técnica en catro ámbitos, que son os que se consideran máis relevantes na prevención de riscos neste ámbito: a seguridade viaria, a protección da toma de forza e do eixe cardánico, a protección do tractor fronte a envorcaduras e as medidas a tomar en caso de que se produza este feito.

Catro claves para previr os accidentes no tractor:

1) Seguridade viaria:

-Os vehículos agrícolas que circulen polas vías públicas estarán homologados e matriculados.

-Permiso de conducir:
– Xeral: permiso clase B.
– Licenza de condución (idade mínima 16 anos) cando: a masa ou as dimensións dos vehículos agrícolas non excedan as máximas autorizadas; e a velocidade máxima por construción non exceda 45km/h

-ITV: exento os 8 primeiros anos, bienal de 8-16 anos, e anual a partir dos 16 anos. Excepto motocultores, motoaixadas etc. que non é obrigatoria a ITV.

-Cumprir as normas de circulación: velocidade axeitada, sinalización da maquinaria diurna e nocturna etc.

-Respectar o número máximo de pasaxeiros do vehículo indicado polo fabricante.

-Dispoñer dos elementos de seguridade viaria obrigatorios e en bo estado: espello retrovisor esquerdo, sinalización luminosa: xirafo (v-2) e limitación de velocidade (V-4) etc.

-Na vía pública, de ser o caso, levar a máquina en posición de transporte.

2) Protección da toma de forza (TDF) e do eixo cardánico:

-Dispoñer dos elementos de protección (protector da TDF, protector do eixe cardánico e protector das xuntas cardán) en bo estado e colocados axeitadamente.

-Enganchar o eixe cardánico coa TDF desconectada, o motor apagado e a chave de arrinque de tractor sacada.

-Non levar roupa frouxa nin o pelo solto, non permanecer próximo á toma de forza e ao eixe cardán en movemento.

-Non subir ao tractor apoiándose na coiraza protectora nin ir subido nela co tractor en marcha.

-Antes de baixar do tractor, desacoplar a TDF, poñer o tractor no punto morto, accionar o freo de estacionamento, apagar o motor e retirar a chave do contacto, sempre que sexa posible.

3) Proteccións do tractor fronte á envorcadura:

-Dispoñer de estrutura homologada de protección (cabina, pórtico ou bastidor).

-Empregar o cinto de seguridade cando o tractor dispoña de estrutura homologada de protección.

-Realizar un mantemento axeitado das proteccións.

4) Medidas fronte á envorcadura:

-Circular a velocidade axeitada.

-En pendente e camiños en mal estado extremar as precaucións.

-Non efectuar viraxes bruscas, principalmente se se vai cun apeiro arrastrado (remolque, cisterna de xurro etc.)

-Non forzar se existe resistencia ao avance.

-Non retirar o parafuso fusible dos arados, e se é necesario retiralo, introducir outro de iguais características.

-Abater as estructuras de protección (exemplo: pórtico) só nos casos imprescindibles (invernadoiros, baixo árbores etc.) e sempre cun manexo adecuado e seguro.

-Seleccionar adecuadamente os apeiros que se vaian enganchar ao tractor.

-Empregar o peche do bloqueo dos freos en circulación e transporte co fin de pisar os freos simultaneamente.

-Se se produce unha envorcadura, o condutor permanecerá dentro do tractor e agarrarase fortemente ao volante ou a algunha asa. Nunca saltar cara ao exterior.

Descarga aquí o folleto.

Descarga aquí o cartaz da campaña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información