Máis de 70 mortos en accidentes de tractor dende 2011

A Consellería de Traballo e Benestar e a Delegación do Goberno presentaron hoxe unha campaña de prevención de accidentes en tractor. Distribuiranse 33.500 trípticos e o ISSGA impartirá 15 cursos especializados nesta materia.

Máis de 70 mortos en accidentes de tractor dende 2011

Beatriz Mato y Santiago Villanueva, en el centro, durante la presentación de la iniciativa.

A Xunta e a Delegación do Goberno en Galicia colaboran na posta en marcha dunha nova campaña de prevención e sensibilización sobre sinistralidade laboral ou en estrada do tractor, que vén a complementar e reforzar á desenvolta o pasado ano pola Consellería de Traballo e Benestar.

A titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, presentaron hoxe na Coruña esta iniciativa, que ten como obxectivo reducir ao máximo o número de accidentes que se producen en Galicia ao usar este vehículo. Centrarase especialmente nas envorcaduras, en tanto son a principal causa de accidentes de tractor, seguida polo atrapamento na toma de forza e polos de circulación.

Máis de 70 falecidos en accidentes de tractor dende 2011

De feito, hai que recordar que o tractor é, ao mesmo tempo, unha maquinaria de traballo e un medio de transporte, polo que boa parte dos accidentes rexistrados non son catalogados como laborais ou de circulación. “En calquera caso, preocúpannos todos e cada un dos accidentes, e queremos reducilos ao mínimo posible”, subliñou Mato. Así, lembrou que, desde 2011 téñense rexistrado máis de 70 falecementos por accidente de tractor, dos que dous terzos producíronse no eido privado. De aí a importancia desta campaña, dado que hai que concienciar da necesidade de extremar as precaucións en todos os ámbitos.

Esta nova campaña basearase na coordinación. Deste xeito, a través da colaboración coa Delegación do Goberno, a Dirección Xeral de Tráfico e a Garda Civil vai difundir máis de 33.500 trípticos e 1.600 carteis elaborados polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar.

O material incluirá información sobre os elementos de protección da máquina e o seu mantemento, as medidas para evitar envorcaduras e un apartado específico sobre seguridade viaria. Distribuiranse a través de catro puntos principais: os controis en estrada que realice a Garda Civil a tractores; nas unidades móbiles para tractores da ITV, así como nos seus puntos fixos; e nos concellos, especialmente naqueles do rural.

Esta iniciativa complementarase cos 15 cursos que impartirá o ISSGA centrados no manexo do tractor. Esta oferta forma parte dunha programación máis ampla, de 53 actividades formativas, centrada no sector agrícola e que inclúe outras áreas como a maquinaria forestal, as explotacións agropecuarias ou a prevención do uso nos produtos químicos fitosanitarios.

Asemade, o ISSGA participará na 38º Feira Internacional Semana Verde de Galicia, que se celebra en Silleda entre os días 11 e 14 de xuño. Neste evento o instituto contará cunha caseta informativa onde divulgará diferentes documentos editados sobre prevención de riscos laborais nos sectores grandeiro e forestal, prestándolle especial atención ao manexo seguro do tractor.

Plan Estratéxico 2015-2020

O obxectivo, segundo Mato, é seguir avanzando na prevención de riscos laborais e, por iso, agora mesmo estase traballando no desenvolvemento do Plan estratéxico de seguridade e saúde laboral para o período de 2015-2020. Esta planificación dará continuidade á que xa se desenvolveu entre 2011 e 2014, e incluirá todas as melloras e actualizacións que sexan necesarias. O borrador desta estratexia xa foi presentado aos axentes sociais e agora mesmo atópase en fase de alegacións.

ACCIDENTES_TRACTOR_ESTATISTICA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información