Caixa Rural Galega, 50 anos cos pés na terra

A entidade, que celebra estes días o seu medio século de vida, vén de presentar un libro no que recolle a súa historia, desde a orixe no 1966 como Caja Rural Provincial de Lugo ata a actualidade

Caixa Rural Galega, 50 anos cos pés na terra

Jesús Antonio Méndez, Marta Veiga e Manuel Varela, na presentación do libro.

Caixa Rural Galega cumpre 50 anos, un percorrido no que evolucionou desde a inicial Caja Rural Provincial de Lugo ata a entidade que é hoxe en día, con máis de 15.000 socios e 60.000 clientes no conxunto de toda a comunidade. A caixa celebra estes días os actos do seu medio século de vida, un aniversario especial para o que se elaborou un libro, escrito por Marta Veiga, que recolle a historia da entidade. Para hoxe están previstas en Lugo unha gala e unha cea ás que acudirá o presidente da Xunta.

A caixa naceu no 1966 orientada a facilitar crédito a proxectos agrarios e gandeiros, de cara a posibilitar a modernización do sector primario. Cincuenta anos despois, a entidade mantén ese sinal identificativo, se ben nos últimos anos extendeu o seu negocio ó conxunto da comunidade, incluindo as grandes áreas urbáns do Eixo Atlántico.

“Somos unha banca caracterizada pola proximidade ó territorio, pola prudencia e por ofrecer produtos sinxelos” (Manuel Varela)

A obra que dá conta da historia de Caixa Rural Galega, titulada ’50 anos cos pés na terra’, céntrase en trasladar as experiencias e vivencias das persoas ligadas á travesía da entidade durante este medio século.

O libro presentouse onte nun acto no que participaron a autora, a xornalista e escritora Marta Veiga; o director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Antonio Méndez; e o presidente da entidade, Manuel Varela. Todos eles incidiron en que a obra concebiuse coma unha homenaxe ós traballadores, socios e colaboradores que fixeron posible outra maneira de facer banca.

Principios
O presidente da entidade, Manuel Varela, abriu o acto e subliñou como principios fundacionais da caixa “a estabilidade, a prudencia, a solvencia e o compromiso con Galicia e cos galegos”.

Méndez, pola súa banda, destacou o acerto da obra ’50 anos cos pés na terra’: “A autora captou perfectamente a nosa filosofía e a idea que tiñamos para conmemorar esta data tan especial. Queriamos que fose unha análise da nosa forma de entender a banca. Unha banca caracterizada pola súa proximidade ao territorio, con produtos sinxelos, prudente e con continuo reinvestimento dos beneficios obtidos. Unha banca, definitivamente, cos pés na terra. E así foi, o resultado final é excelente”.

No acto de presentación da obra, a súa autora, Marta Veiga, lembrou como “hai un ano todo isto comezou a tomar forma nunha xuntanza que mantiven cos catro pioneiros, Arcadio López Lens, Nely Quintás, Feliciano García Vila e Luis Cabana. Dende aquel día comezamos a tirar do fío das lembranzas da entidade e pouco a pouco fomos tecendo toda esta obra”.

De Lugo a ser o referente da banca galega

– Caixa Rural Galega nace no 1966 como Caja Rural Provincial de Lugo, abrindo a súa primeira oficina no número 29 da rúa Montero Ríos (Lugo) baixo a dirección de Arcadio López Lens, que continuaría no cargo ata o 2008, ano no que colle o relevo como director xeral Jesús Antonio Méndez.

– O primeiro presidente da entidade foi Antonio Rosón, avogado de Becerreá, que fora xa presidente da Deputación de Lugo e que logo sería o primeiro presidente da Xunta preautonómica.

– Antonio Rosón continuaría ata o 1986, ano no que o sustitúe José María Pardo Montero, un xurista de Sobrado dos Monxes que exercera como avogado en Vilalba e que tamén formara parte da Xunta preautonómica. Pardo Montero presidiu a entidade ata o seu falecemento, no 2015, en anos nos que tivo que sortear a crise e a reconversión do sistema bancario.

A entidade abriu en Melide a súa primeira oficina fóra da provincia de Lugo a inicios dos anos 90, iniciando a súa expansión a toda Galicia

– Desde o 1989, a Caja Rural Provincial de Lugo queda como a única caixa rural en toda Galicia. Nos anos 90, a caixa promoveu xunto con outras entidades do resto do Estado o Grupo Caja Rural, que responde a un modelo de banca confederada de entidades con base cooperativa. Neses mesmos anos, a entidade toma o nome de Caixa Rural de Lugo e decide extender a súa actividade ó resto de Galicia.

– A finais dos anos 90, a entidade abre en Melide a súa primeira oficina fóra da provincia de Lugo. Adopta pouco despois o nome de Caixa Rural Galega e inicia un proceso de prudente expansión ó resto da comunidade. A entidade superou os tempos convulsos de reestruturación do sector bancario sen grandes sobresaltos e sen necesidade de reducir oficinas ou persoal.

O sector primario continúa a representar un 16% de todo o investimento crediticio. A parte fundamental do financiamento corresponde agora á vivenda

– Coa apertura paulatina de novas oficinas en cidades como Santiago, A Coruña, Ourense ou Vigo, Caixa Rural ábrese a novos sectores económicos, pero sempre mantendo a súa vocación rural.

– Na actualidade, o sector primario supón para Caixa Rural Galega ao redor dun 16 % de todo o investimento crediticio, en tanto que a parte fundamental do mesmo se corresponde co financiamento de vivenda para particulares, como sucede no mercado financeiro en xeral.

– A entidade conta na actualidade con 46 oficinas abertas en toda Galicia, distribuídas en 41 concellos, ten máis de 150 empregados e suma depósitos de clientes por importe de 770 millóns de euros, así como crédito vivo por importe de 465 millóns de euros.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información