“Brasil carece dun modelo de produción de alimentos, só exporta commodities”

Bárbara Loureiro, do Movemento dos Traballadores Sen Terra (MST), visitou estes días Galicia para participar nunhas xornadas sobre incendios forestais organizadas por AGE

“Brasil carece dun modelo de produción de alimentos, só exporta commodities”

Bárbara Loureiro e Lidia Senra (AGE), en rolda de prensa.

Estes días visitou Galicia Bárbara Loureiro, do Movemento de Traballadores Sem Terra (MST) do Brasil, unha organización que acumula décadas de loita en demanda dunha reforma agraria que beneficie ós pequenos agricultores. Bárbara participou nunhas xornadas sobre incendios forestais organizadas por AGE (Alternativa Galega de Esquerda) para contar o caso do Brasil.

Os lumes no Brasil constitúen un problema ambiental de primeira dimensión. Só no 2016 rexistráronse máis de 235.000 focos, segundo os datos oficiais. Boa parte dos lumes están asociados a queimas agrícolas para limpar as terras, xerar pastos ou para gañarlle terreo agrario ós bosques. “O modelo de produción do Brasil, baseado nos agronegocios, necesita deforestar gran cantidade de terreo. É un modelo devastador que provoca a queima de arredor dun millón de quilómetros cadrados o ano” (2 veces a superficie de España), asegura Bárbara Loureiro.

O cambio climático, que xa se está a notar no Brasil nunha redución das choivas, agrava o uso habitual das queimas, que rematan con frecuencia descontrolándose e xerando incendios forestais. Para combatir os lumes, Barbara considera que o primeiro paso é o cambio do modelo de produción.

“A maior parte das terras agrarias está en poder de agronegocios. O 1% dos donos ten o 40% da superficie”

A activista do MST cuestiona os latifundios de soia, azúcar ou café. “No Brasil temos un modelo de exportación de commodies, pero non un modelo de produción de alimentos”, critica. “Os pequenos agricultores son os que producen o 70% dos alimentos que consume o país, pero a maior parte das terras agrarias está en poder dos agronegocios. O 1% dos donos de terras ten o 40% das superficie”, compara.

O MST avoga por unha reforma agraria no Brasil que poña terras a disposición dos pequenos agricultores e que fomente con políticas públicas o modelo de produción de alimentos. “Os monocultivos dirixidos á exportación e tamén producións forestais como o eucalipto están a gañar terreo cada ano a base de mercarlles terras ós pequenos agricultores, que despois de vender teñen que emigrar ás cidades”, analiza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información