Bonificacións ‘pantasma’ nos recibos da contribución de Agolada

O Concello acordou unha rebaixa do 95 % do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para as construccións agrarias, pero os posibles beneficiarios non a pediron por descoñecela. O Sindicato Labrego pide a apertura dun novo prazo de solicitude

Bonificacións ‘pantasma’ nos recibos da contribución de Agolada

Granxa de porcino en Agolada. / Arquivo.

Un cento de familias do municipio de Agolada (Pontevedra), asesoradas polo Sindicato Labrego, veñen de rexistrar un escrito no Concello no que piden a apertura dun prazo extraordinario para solicitar bonificacións do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para as construccións agrogandeiras. O Concello de Agolada aprobara no outono pasado rebaixas de ata o 95% nos recibos da contribución correspondentes a instalacións agrarias, pero os potenciais beneficiarios non se enteraran da medida.

Os gandeiros quéixanse de que o goberno local non sacou bandos para anunciar a rebaixa dos recibos da contribución. A bonificación do IBI publicouse no Boletín Oficial da Provincia e na páxina web do Concello, pero a información non chegou ás parroquias, polo que as solicitudes de rebaixa do imposto foron case inexistentes. “Só houbo 14 días de prazo para solicitar a bonificación e ninguén se enterou”, sinala un gandeiro da localidade.

Ante esa situación, un cento de afectados asinou un escrito conxunto no que lle demanda ó Concello a reapertura do prazo de solicitude, “considerando que o prazo que se deu na convocatoria foi insuficiente, de apenas dúas semanas, e con ningunha publicidade, o que fixo que ningún gandeiro se puidera acoller a solicitude da bonificación”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información