Boas prácticas para a conservación do gasóleo agrícola

Intervención de Alberto C. Cuesta, Coordinador de Asistencia Técnica en Vendas Directas de Repsol Comercial , nas xornadas da EFA Fonteboa: "Xornada de maquinaria agrícola. Sostibilidade ambiental: Eficiencia enerxética e conservación do chan".

Boas prácticas para a conservación do gasóleo agrícola

Depósito homologado

O gasóleo agrícola é un dos principais custos das explotacións gandeiras, chegando a representar sobre o 5% dos custos de produción. Non obstante, a súa importancia na conta de resultados da explotación non sempre se corresponde coa correcta conservación deste nos depósitos, o que pode provocar un menor rendemento do tractor e mesmo problemas mecánicos.

Neste sentido, o coordinador de Asistencia Técnica Noroeste de Vendas Directas de Repsol AGAlberto Cuesta, explicou o pasado día 22, dentro das Xornadas Técnicas de Maquinaria Agrícola organizadas pola EFA Fonteboa,  cales son as claves para un boa conservación do combustible agrícola.

En primeiro lugar, Alberto Cuesta recordou que os depósitos de almacenamento de gasóleo agrícola na explotación gandeira deben estar homologados e inscritos como instalación petrolífera no rexistro da Dirección Xeral de Industria da Xunta de Galicia.

Ademais, a instalación debe ser executada por un instalador autorizado e débense levar a cabo as revisións e inspeccións regulamentarias.

Recomendacións xerais de seguridade das instalacións:

–     O gasóleo é un produto seguro, sen perigo de inflamación a temperatura ambiente. A súa temperatura de inflamación é de 55 º C. Non obstante, en caso de engadirlle gasolina ao gasóleo a temperatura de inflamación pode descender ata os 15º C.

–     Evitar o contacto do gasóleo coa pel, xa que pode irritar a pel e provocar dermatite.

–     O gasóleo é un produto moi tóxico para organismos acuáticos, polo que o depósito de almacenamento debe estar homologado para evitar perdas e fugas.

Precaucións de uso:

–     Débese evitar a exposición aos vapores do gasóleo, posto que irrita as vías respiratorias e pode producir cancro.

–     Temperatura: para o seu correcto almacenamento: deben evitarse tanto o frío excesivo, que pode provocar a precipitación das parafinas, coma a calor excesiva, que favorece o crecemento de bacterias no gasóleo.

–     Débese evitar tamén que o gasóleo estea exposto á luz directa do sol, xa que provoca a súa desestabilización.

–     Tamén se deben evitar os ambientes poeirentos, xa que acaban provocando a aparición de lamas no fondo de depósitos.

–     Non engadir aceite lubricante ao gasóleo xa que aumenta a viscosidade, eleva o punto de inflamación e ensucía inxectores e cámara de combustión.

–     Non engadir gasolina ao gasóleo, xa que diminúe a viscosidade e o punto de inflamación, e baixa o número de cetano.

–     Non engadir aditivos, xa que se “desestabilizar” o equilibrio químico do paquete de aditivos que leva o gasóleo (só no caso de gasóleos aditivados como o AgroDiesel e+10 de Repsol).

–     Utilizar sempre depósitos homologados para gasóleo.

REPSOL_AGRODIESEL_GASÓLEO_DEPOSITO_02

Depósitos homologados e non homologados

–     Ventilar correctamente en espazos pechados (Q> 1.500 litros, vento fóra da nave)

–     No recinto onde se encontra o depósito de gasóleo utilizar luminaria estanca, do tipo IP-55.

–     Evitar ter o depósito de combustible á intemperie, protexendo o depósito fronte ás inclemencias meteorolóxicas, cambios de temperatura, entrada de sucidade e auga do exterior.

–     Evitar o almacenamento prolongado de combustible. Os gasóleos de verán e de inverno teñen distintos puntos de conxelación. Por iso, non se recomenda encher o depósito en agosto ou en setembro, xa que sería un gasóleo de verán que se consumiría nos meses de inverno, podendo darse problemas de precipitación de parafinas.

Problemas provocados pola auga no gasóleo

Cando o combustible presenta turbidez, adoita ser indicativo de que o seu contido en auga e/ou materias de suspensión é elevado. Isto á súa vez xera outros problemas, como microorganismos, material mineral precipitada..etc, que derivan na obstrución de filtros e na parada da maquinaria.

A auga ou as materias sólidas no gasóleo poden aparecer por diferentes motivos: defectos na instalación, malas prácticas ou condensación.

En canto á primeira, os defectos na instalación máis comúns son as fisuras ou poros nas súas paredes, venteos mal colocados e bocas mal seladas.

As malas prácticas máis comúns son deixar os tubos de medición e as bocas de carga sen pechar.

En menor medida, o vapor de auga contido no aire ambiental condénsase nas paredes interiores do depósito a causa dos cambios de temperatura, decantándose posteriormente no fondo do depósito.

Nun depósito cheo de produto minimízase a cantidade de aire presente dentro deste, diminuíndo a probabilidade de condensación. Por iso, recoméndase ter o depósito o mais cheo posible, sobre todo cando se rexistran grandes diferenzas térmicas entre o día e a noite.

Crecemento de microorganismos no gasóleo

Microorganismos como bacterias, fungos ou fermentos, poden chegar a chegar a desenvolverse no gasóleo se se dan as condicións axeitadas: temperatura entre 15 e 40º e presenza de auga no gasóleo, provocada por condensación, tapóns abertos..etc. Estes microorganismos “comen” o gasóleo alimentándose de nutrientes presentes neste, como carbono, nitróxeno, fósforo e oligoelementos. A calidade do combustible degrádase considerablemente e a proliferación destes microorganismos xera uns residuos que acaban provocando problemas de combustión.

Este problema é máis común hoxe en día xa que a cantidade de xofre, un potente inhibidor do crecemento de microorganismos, se viu reducida considerablemente nos combustibles por motivos de lexislación ambiental. Igualmente, novas tecnoloxías como o Common-rail, tamén favorecen a actividade microbiolóxica nos gasóleos.

Como medida de prevención para evitar este problema recoméndase non ter o tanque baleiro, para evitar condensación, e en caso de que estean presentes estes microorganismos tratar o gasóleo cun biocida indicado e limpar os residuos xerados polos microorganismos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información