Boas prácticas laborais para as mulleres traballadoras do agro

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral ven de publicar unha guía sobre “Prevención de riscos laborais durante o embarazo e a lactación no sector agrario”. Velaquí as principais recomendacións

Publicidade
Boas prácticas laborais para as mulleres traballadoras do agro

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) ven de publicar unha guía sobre “Prevención de riscos laborais durante o embarazo e a lactación no sector agrario”. En Galicia están afiliadas ao sector da agricultura, gandería e silvicultura algo máis de 44.000 persoas e o 46,7% delas son mulleres. Dese grupo o 36% corresponde a mulleres no tramo de idade de 16 a 49 anos, e precisamente este é o colectivo, xunto co das traballadoras asalariadas, que se pode considerar con risco para o embarazo, posparto e lactación natural.

1) Características da muller en situación de embarazo, posparto e lactación

Como punto de partida hai que ter en conta que o embarazo supón unha serie de cambios na muller cuxo obxectivo é asegurar a supervivencia e o axeitado desenvolvemento do feto.Malia ser un proceso fisiolóxico, o certo é que algúns destes cambios poden limitar a capacidade funcional da traballadora grávida e a súa tolerancia a determinadas condicións da contorna laboral.

Os cambios máis relevantes da muller grávida maniféstanse a nivel circulatorio, no peso corporal, na postura e no equilibrio, na lasitude ligamentosa e na frecuencia urinaria.

Durante o posparto a muller presenta cambios tales como molestias urinarias, cansazo, alteracións emocionais, falta de sono, incontinencia urinaria que poden limitala na realización das súas tarefas.

E no período de lactación a traballadora pode ter molestias a nivel físico coma sensibilidade nos seos, presenza de gretas ou mastite; difiultades para a produción de leite por substancias químicas ou por condicións de traballo estresantes; inconvenientes á hora de poder compatibilizar a xornada laboral coas tomas, así como no desenvolvemento daquelas tarefas nas que existan axentes nocivos que se poidan transmitir por contacto ou polo leite materno.

2) Boas prácticas para evitar os riscos no embarazo e na lactación

Riscos físicos:

-Calor ou frío extremos: En xeral considéranse situacións ambientais con posible risco para o embarazo aquelas nas que a temperatura é maior de 28°C ou menor de 10°C.

Como medidas preventivas aconséllase:

• Emprega roupa de traballo adecuada á temperatura.

• Non realices traballos en lugares ou momentos do día con altas ou baixas temperaturas.

• Bebe líquidos con frecuencia.

Ruído:

A exposición a ambientes ruidosos no traballo é prexudicial para a embarazada e para o feto. A protección na nai non elimina o risco para o feto.

Medidas preventivas:

• Evita os ruídos molestos e intensos.

• Se non podes evitar o ambiente ruidoso, reduce o tempo de exposición,cambia o momento de realización da tarefa ou trócaa con outra persoa.

Vibracións:

Estás exposta ás vibracións cando utilizas tractores, colleitadoras, empacadoras, debulladoras, sementadoras, pas mecánicas, etc. e no manexo de equipos manuais como motocultores, motoserras, rozadoiras, etc. que poden ser prexudiciais para o embarazo.

Medidas preventivas:

• Evita ou reduce o seu uso sempre que poidas.

• Vixía o estado das ferramentas ou maquinaria agrícola que vaias utilizar.

Radiación non ionizante:

A exposición a campos electromagnéticos, ultravioletas, infravermellos, radiofrecuencia, microondas e ultrasóns poden ter efectos adversos para o embarazo e o feto.

Medidas preventivas:

• Evita a exposición durante o embarazo e a lactación.

Caídas, golpes e choques:

Ao realizar traballos en altura, en chans esvaradíos, ao traballar entre animais, usar ferramentas e maquinaria agrícola, etc., podes sufrir accidentes que che causen lesións a ti e ao feto.

Medidas preventivas:

• Evita os traballos sobre superfiies elevadas, inestables ou escorregadizas.

• Evita as tarefas nas que poidas recibir golpes.

• Tenta non circular por terreos irregulares e conduce a baixa velocidade, sen freadas ou sacudidas fortes.

Riscos químicos:

Algúns produtos químicos poden ser perigosos para o embarazo e a lactación natural. Entre estes encóntranse os canceríxenos, os mutáxenos, os tóxicos para a reprodución, os alteradores hormonais e os neurotóxicos que se poden atopar en praguicidas, deterxentes, disolventes, etc.

Medidas preventivas:

• Le a etiqueta e a ficha de datos de seguridade dos produtos que empregues, onde che informan se é perigoso para mulleres embarazadas ou para a lactación natural. Fíxate nas frases R ou H que indican perigo para o embarazo e a lactación.

• Se é perigoso, cámbiao por outro que non o sexa se é posible, e senón sigue as medidas preventivas que indica o fabricante do produto.

• Traballa con ventilación axeitada para reducir a concentración ambiental de partículas coma o po e a néboa, vapores e gases perigosos.

• Usa equipos de protección individual (EPI) axeitados e en bo estado.

• Garda e lava por separado a roupa de rúa e a de traballo.

• Coida a túa hixiene persoal durante o traballo e nunca comas, bebas ou fumes se estás a manipular produtos químicos.

Riscos biolóxicos:

Algunhas enfermidades infecciosas contraídas durante o embarazo poden producir danos no feto. Transmítense polo contacto con animais, produtos de abortos ou partos, estercos, xurros, augas residuais, solos e materiais contaminados por virus, bacterias, endoparásitos…, coma por exemplo, a Brucella abortus, a Listeria monocytogenes e o Toxoplasma gondi.

Medidas preventivas:

• Realiza ás inspeccións sanitarias aos animais.

• Evita o contacto con animais enfermos ou mortos, coas súas placentas ou outros tecidos e cos materiais contaminados, esterco e xurros.

• Elimina os residuos biolóxicos de forma axeitada.

• Emprega equipos de protección axeitados: luvas, máscara, roupa e calzado.

• Garda e lava por separado a roupa de traballo e a de rúa.

• Sigue normas de hixiene persoal, lava as mans con frecuencia.

• Limpa e desinfecta os lugares e os materiais de traballo.

Riscos ergonómicos e psicosociais:

Riscos ergonómicos:

As posturas forzadas que se manteñen durante moito tempo poden resultar daniñas para a embarazada e o feto, por exemplo, cando se traballa en crequenas, axeonllada, sentada, de pé ou co tronco inclinado.

Medidas preventivas:

• Realiza cambios posturais frecuentes.

• Fai pausas para descansar ao longo da xornada laboral.

• Utiliza roupa e calzado cómodos.

• Recoméndase usar medias de compresión venosa

Riscos ergonómicos II:

A manipulación manual de cargas e a aplicación de forza ao arrastrar ou empurrar poden producir danos á traballadora grávida e durante a lactación debido aos cambios fiiolóxicos propios deste estado, como é o aumento de volume do abdome que dificulta o manexo das cargas.

Medidas preventivas:

• Evita aquelas manipulacións que supoñan un risco de sufrir golpes a nivel do abdome.

• Durante os seis primeiros meses de embarazo:

– Se o manexo de cargas é reiterado, o peso máximo recomendado é de 5 quilos.

– Se o manexo de cargas é intermitente, o peso máximo recomendado é de 10 quilos.

• A partir do sétimo mes de embarazo, evita a manipulación manual de cargas.

Riscos psicosociais:

Estes riscos tamén poden influír negativamente no embarazo e na lactación:

– No caso de traballadoras do campo hai que ter en conta o horario de traballo, as xornadas prolongadas, o ritmo de traballo imposto pola tarefa, o gran volume de traballo en determinadas épocas do ano, o estrés derivado dos investimentos, do uso de novas tecnoloxías, o aumento da burocracia, e as posibles perdas económicas.

– No caso de traballadoras forestais: illamento,inestabilidade laboral, problemas para conciliar a vida laboral e familiar, etc.

Medidas preventivas:

• Evita as xornadas prolongadas. Tenta facer unha xornada diaria igual ou menor de oito horas.

• Evita a sobrecarga de traballo, reduce o volume e o ritmo.

• Realiza pausas máis longas e frecuentes.

• Procura ter un asento ou apoio axeitado cando realices tarefas de pé.

• Adopta medidas que permitan a conciliación da vida laboral e familiar.

• Evita situacións de estrés.

• Favorece as condicións axeitadas para a lactación.

12 Consellos útiles:

1- Protéxete da calor, do frío extremo e dos ambientes húmidos. Utiliza roupa e calzado cómodo, seguro e axeitado á estación do ano.

2- Tenta facer pausas frecuentes, evita as xornadas longas, descansa e durme as horas necesarias.

3- Bebe auga e toma refrixerios nutritivos sempre que sexa posible. Non debes saltar as comidas por mor do traballo.

4- Evita os ruídos molestos e intensos. Os protectores auditivos protéxente a ti pero non ao feto, en especial, a partir do quinto/ sexto mes de embarazo.

5- Reduce o traballo con maquinaria para non estar exposta a vibracións nin a ruídos.

6- Evita levantar pesos, facer esforzos, realizar movementos bruscos e adoptar posturas forzadas.

7- Se traballas de pé, débeste sentar de cando en vez.

8- Non fagas traballos sobre superficies elevadas, inestables nin preto dos animais.

9- Emprega equipos de protección individual axeitados.

10- Le sempre a etiqueta e a ficha de datos de seguridade dos produtos que vaias manipular porque poden ser prexudiciais para o embarazo, o feto e a lactación.

11- Evita o traballo con esterco, xurro e animais enfermos ou mortos.

12- Evita, sempre que sexa posible, as tarefas estresantes.

Descarga aquí a guía completa do ISSGA

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información