A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“A base territorial determina en canto se pode endebedar unha explotación gandeira”

Entrevista a Jesús Combarro Pereira, director de Abanca Agro. Advirte de que “os problemas de sobreendebedamento dalgunhas granxas débense a que en moitos casos os investimentos non se axustaron ás necesidades produtivas reais”.

Publicidade
“A base territorial determina en canto se pode endebedar unha explotación gandeira”

Jesús Combarro Pereira, director de Abanca Agro

Abanca é a entidade financeira con maior presenza no sector agrogandeiro galego, cunha cota de domiciliación das axudas da PAC na campaña 2017 que chegou ao 47,5% e a un 14,3% na provincia de León.

Jesús Combarro é director da unidade Abanca Agro, creada en xuño de 2015, para atender as necesidades de financiamento específicas deste sector cada vez máis atractivo para as entidades bancarias.

¿Por que Abanca decidiu crear unha sección específica para o sector agrario como é Abanca Agro?
Aínda que poda parecer que se trata dunha moda das entidades financeiras, no noso caso de Abanca non foi así. Creamos a unidade de negocio Agro polo peso que ten o sector agrario en Galicia e tamén polo peso dos clientes do sector agrogandeiro, vitivinícola e forestal na nosa base de clientes.

E en terceiro lugar, porque entendemos que as necesidades que teñen estes clientes a nivel financeiro son moi diferentes ás que pode precisar calquera outro colectivo. É dicir, non ten nada que ver analizar unha operación de risco para un funcionario que para un gandeiro de leite ou de carne.

¿Cales son os principais produtos financeiros que ofrece Abanca para as necesidades de financiación de circulante das explotacións gandeiras?
En primeiro lugar, a anticipación das axudas da PAC así como calquera outra subvención e tamén a devolución de impostos.

En segundo termo, salientaría o noso Agrocrédito, unha oferta específica para o sector, que pode ir a un prazo máximo de 5 anos, sen necesidade de renovación anual da póliza cada ano ou cada dous. Isto supón un importante aforro nos custes de formalización, así como de intervención notarial.

Tamén dentro das ofertas de financiamento de Abanca para as necesidades do día a día, destacaría a liña para primas de seguros agrarios. Aí podemos incluír as primas de calquera seguro relacionado co sector, incluído o Agroseguro.

Por outra parte, Abanca asinou o convenio co Igape para o sector lácteo cunha liña de circulante moi competitiva, xa que o Igape asume o 100% dos xuros de forma que ten un custo financeiro 0 para o gandeiro.

¿E que produtos ofrecen para o financiamento de investimentos?
Destacaría os convenios nos plans de mellora que tamén asinamos coa Xunta de Galicia, de forma que podemos dar financiamento para eses investimentos para un prazo máximo de 15 anos e 3 anos de carencia, adaptándonos á capacidade de devolución do cliente.

Tamén salientaría o convenio de Abanca co Instituto de Crédito Oficial (Ico), cuns prazos de devolución de ata 20 anos. Neste caso, somos especialmente competitivos co noso tipo de interese fixo.

“Para o sector lácteo temos unha oferta vantaxosa tanto para plans de mellora, como para refinanciamento ou necesidade de circulante”

Ademais, tamén citaría o Préstamo Agrogandeiro de Abanca, no que podemos chegar ata un prazo de 12 anos e sen comisións nin de apertura, nin de cancelación, nin de amortización, o que aporta flexibilidade para adaptarse á capacidade de devolución do cliente.

Abanca tamén ofrece o convenio Igape Sector Lácteo para a liña de reestruturación de pasivos. Permite refinanciar calquera préstamo ou crédito que non teña vencemento superior a 3 anos, reestructurándose nun novo préstamo a 7 anos, no que o Igape asume tamén o 100% dos xuros. Ademais, en Abanca poderíamos ofrecer 3 anos a maiores para que as cotas se acomoden á capacidade de devolución do cliente.

Por último, destacaría o noso convenio coas sociedades de garantía recíproca, unha ferramenta moi útil para os clientes que non teñen garantías ou que polos riscos que teñen asumidos esgotaron o percorrido en canto a garantías. Permite sacar adiante moitos proxectos.

A nivel galego e tamén europeo advírtese do elevado endebedamento das explotacións de vacún de leite, ¿Compartides esta análise?
Efectivamente, é unha problemática que ven provocada a veces por decisións de investimento que non se axustan ás necesidades produtivas desa explotación, de forma que están infrautilizadas. Por exemplo, construíndo un establo cunha capacidade moi superior á que realmente se aproveita.

É dicir, naquelas explotacións que axustan as súas inversións ás súas necesidades e capacidade produtiva non observamos esas tensións de liquidez. O problema ven por non calibrar ben as necesidades e os investimentos que require a explotación.

 “O problema co endebedamento é cando os investimentos se fan sen ter en conta as necesidades reais da explotación”

Por outra parte, dúas variables que analizamos dende Abanca á hora de conceder un crédito ou un préstamos a unha explotación gandeira é a súa base territorial. É dicir, unha explotación cunha boa base territorial e marxe para seguir medrando, podemos asumir un maior endebedamento porque garante unha menor dependencia de forraxes externas e das oscilacións de prezos das materias primas e aí poderíamos ir a un maior endebedamento.

Outro factor que analizamos é a existencia doutros ingresos na unidade familiar, o que permite que asumamos un maior endebedamento. Esta información cualitativa é posible grazas á nosa ampla rede de oficinas que nos facilita a cercanía ao cliente e un maior coñecemento da súa realidade.

¿Que oportunidades de negocio detectades nas iniciativas de industrialización do leite?
No sector lácteo,  entendemos en Abanca que pola parte dos gandeiros, o futuro pasa pola profesionalización e integración para acadar estructuras de costes mais eficientes. No que respecta á industria, pola innovación e a diversificación con produtos finais de maior valor engadido.

 “A base territorial é un punto fundamental á hora de conceder un préstamo a un gandeiro”

E de cara ao sector forestal, un dos máis puxantes en Galicia, ¿Que produtos ofrece Abanca?
Ofrecemos ferramentas de financiamento que se adapten aos ciclos de corta, de 10, 15 ou 20 anos. Ademais, trátase dun sector que está abrindo novos mercados e tamén un proceso de integración de toda a cadea, dende a corta da madeira no monte ata a elaboración de productos cun valor engadido importante.

No sector da castaña tamén estamos traballando para ofrecer liñas de financiamento específicas.

¿Que oportunidades detectades como entidade financeira no sector agrario galego?
En canto a oportunidades o agro galego é unha gran fonte de produtos diferenciados en canto a calidade. Tamén salientaría como unha oportunidades as producións ecolóxicas, onde entendemos que hai un percorrido importante nos próximos anos.

Viticultores afectados polas xeadas: “As liñas de crédito deben incorporar carencias e o aval das Sociedades de Garantía Recíproca”

No caso do sector vitivinícola, vides asinando nos últimos meses convenios co sector vitivinícola. ¿Que produtos específicos ofrecedes?
No sector vitivinícola asinamos convenios coa maior parte das Denominacións de Orixe e asociacións representativas do sector. Adaptamos a nosa oferta sectorial ás necesidades de cada subsector, por exemplo con liñas de financiamento específicas para as adegas para facilitar o pago da uva dentro dos prazos que establece a Lei da Cadea Alimentaria ou liñas para abrir novos mercados no exterior…etc. En definitiva ofrecemos liñas de financiamento para acompañar ao sector no seu crecemento.

¿Como valora Abanca a liña de créditos brandos para os viticultores e produtores de castaña afectados pola xeada? Dende as organizacións agrarias consideran que se trata dunha medida pouco eficaz para os viticultores xa que carecerán de ingresos boa parte deste ano e do que vén, e polo tanto poucas entidades financeiras estarán dispostas a concederlles un préstamo.
No caso de liñas de créditos brandos, a incorporación de carencias pode ser unha solución máis para axudar a facer fronte á merma de ingresos dos viticultores. A incorporación do aval das Sociedades de Garantía Recíproca tamén pode ser unha axuda máis para facilitar o acceso á financiación.

Nun escenario onde a reducción dos ingresos da presente campaña vai ser considerable, é importante contar con axudas para a financiación do circulante e poder facer así fronte aos gastos da vindeira campaña. Pero tamén é importante contar con axudas para facer fronte ao pago da financiación xa contraída polos viticultores. De ahí que a reestructuración de pasivos tamén é unha cuestión prioritaria á hora de apoiar ao sector.

 

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información