“Axudas trampa” ao agro?

Unións Agrarias e Sindicato Labrego tachan de “engano” as liñas de axudas postas en marcha pola Xunta. “Oriéntanse a crear na opinión pública urbán unha idea de apoio ó agro que non se corresponde coa realidade”, cuestionan. Unións Agrarias ten convocada unha mobilización o 18 de novembro en Santiago

Publicidade
“Axudas trampa” ao agro?

Pradeira afectada pola seca en Viana do Bolo.

Xeadas tardías, saraiba, seca e lumes deixan no agro consecuencias preocupantes este 2018. Non só polas perdas directas que xeraron, senón pola sospeita fundada de que estes son os primeiros efectos dun cambio climático que se agravará no futuro. Ante a situación excepcional vivida esta campaña no agro, as organizacións agrarias denuncian o “abandono” da Xunta e califican de “axudas trampa” as liñas de apoio da Administración autonómica.

En demanda de solucións á crise meteorolóxica, Unións Agrarias presentou onte a “gran mobilización” que prevé facer en Santiago o sábado 18 de novembro, en tanto o Sindicato Labrego presentou onte en Ourense unha proposta de plan de choque para enfrontar a situación. O diagnóstico é común nas dúas organizacións agrarias. Consideran un “engano” as liñas de axudas publicadas pola Xunta para enfrontar os efectos de lumes, seca, saraiba e xeadas.

Roberto García.

Roberto García.

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, resume o que considera un sentir común no agro sobre as liñas de axudas da Xunta: “As axudas non solucionan nada. Son unha simple operación de marketing dirixida a crear na opinión pública urbán a falsa idea de que se está apoiando ao agro”, sostivo onte en rolda de prensa.

Danos na viticultura
García cuestiona as liñas de axudas publicadas nas últimas semanas pola Xunta, “Preséntase ante a opinión pública unha parafernalia de axudas que ás veces nin existe. O presidente da Xunta anunciou hai meses que habería 20 millóns de euros en préstamos a interese cero para enfrontar os danos das xeadas tardías na viticultura. A realidade é que houbo só 500.000” -asegura o secretario xeral de Unións-. “A maiores, só se lle permitía a súa solicitude ós viticultores a título principal, co que se excluíu ó 95% dos viticultores de Galicia, que teñen que manter unha segunda actividade para sobrevivir”.

Desde o Sindicato Labrego afondan no mesmo argumento de “abandono da Administración”. “En determinadas zonas do Ribeiro e de Valdeorras, a xeada e a saraiba levou máis do 60% da produción. Moitas familias quedan case sen ingresos pero teñen que repoñer plantas, seguir coidando o viñedo e pagar as cotas da Seguridade Social. Para que queremos un crédito se non o podemos pagar”, cuestiona Bernardo Estévez, responsable do sector víticola do Sindicato Labrego.

Axudas pola seca
As axudas para a seca publicadas esta semana por Medio Rural deixan tamén fríos a Unións e a Sindicato Labrego. “Non se orientan a financiar novas captacións nin a ampliar as existentes, co cal non se aborda o problema de fondo, que é a falta de auga”, cuestiona Roberto García.

Na mesma liña, o Sindicato Labrego critica os apoios da Xunta para balsas, cisternas e bebedoiros móbiles. “Eu non podo desprazarme dez quilómetros cada día buscar unha cisterna de 3.000 litros de auga, que é o que consumen as miñas vacas”, explica Samuel Formoso, un gandeiro de vacún de carne de Vilar de Barrio (Ourense) que participou na rolda de prensa do Sindicato Labrego.

“Tamén subvencionan a construción de balsas -engadiu Formoso-. “Pero, ¿para que queremos balsas se non hai auga?”. O produtor lembra ademais que, ante a falta de pastos, moitas explotacións están alimentando agora ás vacas coa herba que gardaban para o inverno, polo que se aveciñan máis gastos a curto prazo.

“Eu deixei a cidade para vivir no rural. Sen embargo, aconséllolle aos meus fillos o mesmo que me aconsellaron meus pais: que marchen” (Samuel Formoso, gandeiro)

Lumes
Os lumes é outro dos puntos de discordia. “Dos 20 millóns de euros anunciados en medidas, hai 1,5 millóns de axudas para o agro. É unha cantidade que, nunha boa parte, case se gastaría en paliar as perdas das granxas que se queimaron e que perderon todos os seus animais, polo que as cantidades que lle van chegar ao final aos afectados van ser mínimas”, pronostica García.

Tanto o Sindicato Labrego como Unións continúan as súas demandas cunha longa enumeración de problemas. Desde a perda de servizos públicos no rural, como sanidade, educación e transporte ata o “catastrazo do IBI” ou as dificultades que deixan os lumes na gandeiría extensiva.

“Eu vivía na cidade e apostei por vivir no rural. Sen embargo, hoxe estoulle aconsellando aos meus fillos o mesmo que me aconsellaron meus pais: que deixen o rural. É triste ter que dicirlle isto aos teus propios fillos, cando poderían ter aquí o seu medio de vida, pero o desamparo das diversas administracións non nos deixa outra saída máis que o abandono”, concluía Samuel Formoso.

Samuel Formoso, Isabel Vilalba e Bernardo Estévez, na rolda de prensa do Sindicato Labrego.

Samuel Formoso, Isabel Vilalba e Bernardo Estévez, na rolda de prensa do Sindicato Labrego.

Plan de choque proposto polo Sindicato Labrego fronte á crise meteorolóxica

– Axuda á compra de forraxes para o gando afectado pola seca, do mesmo xeito que se fixo para explotacións afectadas polos lumes.

– Axudas para restaurar praderías.

– Axudas para repoñer as cepas dos viñedos que se estragaron pola seca, as sarabias ou a xeada.

– Axudas directas a aquelas explotacións gandeiras ou agrícolas que sufriron unha merma importante de produción.

– Adianto do cobro das axudas da PAC para garantir a liquidez das granxas con dereito a estas axudas. “Trátase dun simple trámite administrativo que xa se ten feito noutras ocasións e que, dada a situación de emerxencia, non entendemos por que non se fai”, cuestiona o Sindicato Labrego.

– Condonación das cotas da Seguridade Social para as explotacións afectadas pola crise climática.

– Redución ou exención de impostos como o IBI ás explotacións afectadas.

Seguros agrarios e diálogo
A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, tamén criticou que a Xunta se escude na contratación de seguros agrarios para enfrontar os problemas derivados do cambio climático.

“Os seguros agrarios son un gran engano. As nosas granxas teñen serias dificultades para custear a súa simple continuidade, como para ter que pagar seguros. É inviable. No caso dunha explotación gandeira, falamos de ter que contratar seguros para a seca, enfermidades do gando, accidentes, ataques da fauna salvaxe… É imposible custear tantos seguros para cubrir todas as eventualidades que pode sufrir unha gandería ou calquera outro tipo de explotación”, sostivo Vilalba.

Para a secretaria xeral do SLG, a Xunta ten a obriga de artellar un plan de choque co obxectivo de garantir a continuidade de miles de granxas que, por mor das inclemencias meteorolóxicas, están ao borde da creba. “O papel das granxas, tanto como produtoras de alimentos, como á hora de manter vivo o rural e xestionado o territorio é indispensable para a nosa sociedade. Temos unha grande potencialidade para producir alimentos de calidade, pero precisamos que as diversas administracións aposten decididamente por elas con plans de consenso cos diversos sectores e que contemplen o medio e longo prazo”, defende Vilalba.

Por parte de Unións Agrarias, tamén houbo un chamamento á conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, a sentarse a dialogar. “Desde febreiro non se senta con representantes das organizacións agrarias”, criticaron.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información