As axudas da Deputación da Coruña permitiron crear 49 empregos en explotacións agrogandeiras

As axudas da Deputación da Coruña permitiron crear 49 empregos en explotacións agrogandeiras

Á dereita, Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, co gandeiro Pablo Ares Vilariño e co alcalde de Curtis

Máis dun 22% dos 4,5 millóns de euros que o Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña destina este ano a apoiar ás pequenas e medianas empresas na contratación de novos traballadores e a apoiar a proxectos empresariais impulsados por mozos e mozas de entre 25 e 35 anos benefician a empresas do sector primario, fundamentalmente explotacións gandeiras e agropecuarias dos municipios rurais da provincia.

Así o explicou o presidente da institución provincial coruñesa, Valentín González Formoso, durante a visita que realizou, acompañado do alcalde de Curtis, Javier Caínzos, a unha explotación agrogandeira deste municipio que se beneficiou das axudas da liña PEL-Emprende para a modernización das súas instalacións.

González Formoso destacou a importancia que ambas as dúas liñas do PEL teñen para “axudar a crecer e modernizarse ao sector primario, que é fundamental e estratéxico na economía coruñesa” e, ao mesmo tempo, “para aproveitar o potencial do rural, xa que as axudas contribúen a crear oportunidades de emprego e desenvolvemento económico e a fixar poboación”, apuntou o presidente provincial, que sostivo que “as administracións deben implicarse a fondo en deter a sangría demográfica do rural, que é un dos maiores problemas que enfronta o futuro de Galicia”.

González Formoso mostrou a súa satisfacción polos resultados que acadou o programa no seu primeiro ano de vida e anunciou que nas vindeiras semanas se presentará a convocatoria 2018 do PEL, que contará con algunhas novidades importantes que poderían beneficiar ás empresas radicadas no ámbito rural.

49 novos empregos e 12 granxas que medrarán co PEL

O montante total das axudas do PEL que se destinaron a empresas do sector primario ascende a 1.015.722 euros, arredor dun 22,5% do total destas subvencións, que contan cun orzamento total de 4,5 millóns de euros durante 2017.

A través da liña PEL-PEMES, a Deputación subvencionou este ano o 75% dos custes de contratación de 49 persoas durante un período de un ano en granxas e explotacións agrarias ou gandeiras da provincia da Coruña, a maior parte delas na comarca das Mariñas betanceiras (10), seguida pola de Ordes (9), Xallas (7), Santiago (4), Melide (4) e Ortegal (3). O importe total destas axudas á contratación ascende en 2017 a 648.058 €.

Coa liña PEL-Emprende, destinada a mozos/as de ata 35 anos, a Deputación apoia os procesos de modernización e innovación nas empresas. Un total de 12 empresas que pertencen ao sector agrogandeiro percibiron un total de 367.697 euros, das que a maior parte pertencen ás comarcas da Coruña (3), Ferrol (2) e Ordes (2).

Unha aposta pola innovación para mellorar a competitividade

Acompañado do mozo propietario desta explotación familiar, Pablo Ares Vilariño, o presidente da Deputación coñeceu o funcionamento da granxa, que foi medrando cos anos ata contar actualmente con 182 cabezas de gando que producen arredor de 3.600 litros de leite ao día.

O gandeiro explicou ao presidente provincial a importancia de “apostar pola innovación e a modernización neste tipo explotacións para mellorar a súa competitividade”, pese ás dificultades que atravesa o sector nos últimos anos. Neste sentido, considerou “un gran apoio” a axuda por importe de 20.000 € recibida ao abeiro do programa PEL-Emprende da Deputación, destinado a mozas e mozos menores de 35 anos, que lle permitiu adquirir dúas máquinas que contribúen á automatización de procesos da granxa como a alimentación do gando vacún e a sega, compactación e secado da herba, facilitando e facendo máis eficiente o traballo da granxa.

Unha das máquinas adquiridas é un robot que, cada dúas horas durante as 24 horas do día, remove e coloca a liña de alimentación do gando, aforrando un importante traballo físico que require ademáis dun amplo horario. A outra máquina adquirida coa subvención provincial e tamén relacionada coa alimentación das vacas, é unha segadora rotativa.

ROBOT_ARRIMADO

Robot arrimador adquirido con la ayuda del PEL

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información