Augas de Galicia requírelle a gandeiros a plantación de ameneiros á beira de regatos

O organismo, dependente da Xunta, insta a produtores da provincia da Coruña a manter unha franxa de 5 metros sen traballar na marxe dos cauces fluviais. De facer caso omiso da petición, as ameazas de sanción son de 2.000 euros

Augas de Galicia requírelle a gandeiros a plantación de ameneiros á beira de regatos

Funcionarios da Xunta están a inspeccionar prados á beira de regatos. / Arquivo.

Gandeiros de diversas comarcas da provincia da Coruña recibiron nos últimos meses ameazas de sanción por parte de Augas de Galicia. O organismo, dependente da Xunta, está a requerille ós produtores que planten ameneiros ou freixos á beira dos regatos, deixando 5 metros sen traballar nas terras agrarias que están nas marxes dos cauces fluviais. Unións Agrarias, que está a asesorar na presentación de recursos a gandeiros afectados, advirte de que os requerimentos de Augas de Galicia “non teñen pés nin cabeza”.

Os escritos que lle enviou Augas de Galicia a gandeiros de concellos como Santa Comba, Mazaricos, Rois ou Arzúa instan a deixar unha franxa de 5 metros sen traballar nas terras de labor situadas ó carón de regueiros. Os requerimentos acompáñanse de fotos, tomadas en inspeccións de campo, coas que o organismo trata de acreditar a existencia de arrastres de terras cara as augas ou a posibilidade de que exista a aplicación de fitosanitarios preto dos regatos.

“Non hai ningunha normativa que impide traballar prados e terras de labor ata a beira dos regatos” (Óscar Pose, Unións Agrarias)

En consecuencia, Augas de Galicia insta ós produtores a plantar ameneiros ou freixos á beira dos regatos, permitíndose incluso nalgúns casos enviarlle ós produtores unha planilla con indicación do número de pés a plantar e do marco de plantación a seguir. De non adoptarse as medidas solicitadas, as ameazas de sanción ascenden a 2.000 euros, segundo advirte Unións Agrarias.

A organización agraria considera que esta situación é “un despropósito” e pide que Augas de Galicia poña orde e criterio entre os seus funcionarios. “Non hai ningunha normativa que impida traballar os cultivos ata a beira dos regueiros. Pódese cortar a herba sen problema ata a beira” -explica Óscar Pose, de Unións Agrarias-. “A Xunta baséase en que supostamente podería existir algún vertido indirecto ó río pola aplicación de produtos fitosanitarios, pero non aporta ningunha proba, coma análises de solo ou augas, que sosteñan esas acusacións”, cuestiona Pose.

Condicionalidade da PAC
Unións lembra ademais que só os gandeiros sometidos á normativa de condicionalidade das axudas da PAC están obrigados a deixar unha franxa de 5 metros sen aplicar produtos fitosanitarios. “É unha cuestión de boas prácticas, pero non hai ningunha normativa que impida que un produtor que non percibe axudas da PAC poida aplicar fitosanitarios no seu prado ata a beira dos regatos, pois hai produtos fitosanitarios que especifican no seu etiquetado que non causan danos no medio fluvial”, sinalan en Unións.

Desde a perspectiva de Unións, nos apercebementos enviados por Augas de Galicia hai ou ben “un exceso de celo dalgúns funcionarios” ou “un afán recaudador”. A organización agraria insta a Augas de Galicia a poñer orde e criterio entre o seu equipo.

Fragmento do escrito de Augas de Galicia recibido por un dos afectados.

Fragmento do escrito de Augas de Galicia recibido por un dos afectados.

image_print

4 ideas sobre “Augas de Galicia requírelle a gandeiros a plantación de ameneiros á beira de regatos

  1. Xabier

    Que despropósito, obrigar aos gandeiros a repor a vexetación de ribeira que eles mesmos cortaron. E XXAA facendo populismo.
    A min paréceme moi ben, xa era hora

    Contestar
  2. Noé Ferreira

    É importante esta medida para asegurar o bó estado dos os recursos hídricos. Esa faixa de vexetación contribuirá, entre outras, a amortecer os efectos das cada vez máis frecuentes vagas e do quencemento global ao sombrear os cursos de auga. Esa faixa de vexetación actuará ademais como un filtro natural fronte ao aporte de sedimentos aos cauces que constitúe unha ameaza para os organismos filtradores dos que depende a boa calidade das nosas augas. É polo tanto unha medida xustificada, aplicada en base a criterios científicos que ten que ser aplaudida, tamén por Unións Agrarias.

    Contestar
  3. tomas

    Hola, con todo , con non tocar moito o que son ameneiros, abeleiras, salgueiros e freixos xa aparecen, o mellor é impedir que se enchan de invasoras , como as que aparecen pegadas a rios, o bambú, a robinia, eucalipto que de cando en vez aparece algún tamen e tamen as cañas

    Contestar
  4. Nestor

    Pois e unha medida razoable, non sei cal e o problema dos gandeiros, xa que se trata de proteger o medio do cal obteñen os seus recursos, a natureza. Qué se quere arar e aplicar productos químicos nas beiras dos regatos ? non entendemos que si que se produce un arrastre cara o curso e a auga de química ou Terra.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información