horta invernadoiro aterra

Aterra!, unha iniciativa para impulsar o emprendemento da mocidade no agro

O salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) de Lugo acolleu esta semana a presentación de Aterra!: o teu futuro no agro, un proxecto posto en marcha polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas (Coita) de Lugo e o Grupo de Innovación Docente Ruralia, que conta con financiamento da EPSE a cargo do XVIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural.

No acto de presentación interviron o presidente do Coita Lugo, Marcos Vázquez; a vicerreitora do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e o director da EPSE, Tomás Cuesta, que lles trasladaron aos asistentes o porqué e os obxectivos do proxecto. A continuación, o profesor ad honorem da USC Francisco Sineiro ofreceu unha conferencia centrada na situación e as perspectivas de futuro do sector agrario galego.

Na última parte do acto desenvolveuse unha mesa redonda na que participaron varios egresados da EPSE que emprenderon a súa vida no rural. Xosé García (produtor e transformador de leite ecolóxico), Vanesa Carro (produtora de leite), Eva González (produtora e transformadora de froitos do sabugueiro) e Marcos Vázquez (produtor de bovino de carne e de mazá de sidra) compartiron a súa experiencia co público, responderon as preguntas que se lles formularon e debateron sobre temas como o problema de limitación de terras, os tópicos do rural, a comercialización dos produtos, o papel das administracións para a dinamización do rural etc.

O proxecto ATERRA!

Esta iniciativa pretende animar á xente a emprender no rural empregando a súa experiencia vital, onde tamén entra a formación superior universitaria.

Así o explica Marcos Vázquez, un dos seus principais impulsores: “O proxecto aséntase en dúas palabras, ilusionar e conectar. Ilusionar á xente para que sexa capaz de superar esa barreira e incorporarse á súa casa de labranza, e conectar titulares de casas de labranza que non teñen traspaso con xente formada na Escola e con ganas de apostar por un proxecto así”.

Trátase de facerlles ver aos mozos e ás mozas que o rural ofrece moitas posibilidades, que ten moitos recursos que se poden aproveitar e que moitas veces o “pequeno é grande”, en palabras do tamén presidente do Coita Lugo.

Precisamente, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo será o o punto de contacto entre distintas xeracións que viven do rural para facilitar, por exemplo, o traspaso de negocios nos casos de persoas próximas á xubilación, así como incentivar a volta das novas xeracións aos negocios agrarios. Para isto, dende o Coita poñerán a disposición dos interesados un teléfono e unha dirección de correo electrónico de contacto para que os interesados na idea poidan anotarse e/ou solicitar información.

Velaquí un vídeo resumo do proxecto: https://vimeo.com/331691457