Asoporcel, que cumpre 20 anos, recoñecida co Premio Aresa 2019

O xurado valorou o labor da Asociación de Criadores de Porco Celta na dinamización do medio rural, a recuperación da raza porcina autóctona galega e a apertura do mercado para un produto de calidade

Xurado do Premio Aresa 2019 esta mañá no momento de dar a coñecer o gañador. De esquerda a dereita: Víctor Nogueira, Montserrat Valcárcel, Álvaro Rodríguez Eiras, Antonio López e Ángel Carracedo.

Xurado do Premio Aresa 2019 no momento de anunciar o gañador. De esquerda a dereita: Víctor Nogueira, Álvaro Rodríguez Eiras, Antonio López, Ángel Carracedo e Montserrat Valcárcel.

A Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel) é a gañadora do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural 2019, que conceden a empresa lucense Aresa Agrícola e a Universidade de Santiago. O xurado deste prestixioso galardón, reunido esta mañá, decidiu por unanimidade outorgar o premio desta vixésima edición á entidade que aglutina aos produtores de porco celta “polo impacto positivo na dinamización do medio rural, o labor de recuperación da raza porcina autóctona galega e pola apertura do mercado para un produto de calidade”.

Os cinco membros do xurado, integrado polo reitor da USC, Antonio López Díaz; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o presidente do grupo Nogar e da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira García; o catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela, investigador e experto internacional en xenética, Ángel Carracedo Álvarez, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, reuníronse esta mañá para avaliar as trece candidaturas presentadas, todas vinculadas ao medio rural galego.

Rodríguez Eiras, que agradeceu a todos os membros do xurado o seu traballo e esforzo para tomar a decisión, admitiu, antes de que o reitor da USC dese a coñecer o gañador nunha rolda de prensa celebrada no vicerreitorado lucense, que “este ano foi particularmente difícil escoller, custounos moito decidir” e anunciou que a entrega do premio terá lugar o vindeiro 28 de febreiro nun acto que se celebrará no auditorio da facultade de Veterinaria do Campus de Lugo.

Dotado con 10.000 euros

A finalidade do galardón é promover e mellorar a calidade de vida no medio rural a través de iniciativas que creen emprego e riqueza nos ámbitos agrícola ou gandeiro

O Premio Aresa, un dos máis importantes a nivel galego, está dotado con 10.000 euros e recoñece cada ano iniciativas e proxectos presentados por entidades, empresas, grupos de investigación, asociacións ou persoas individuais, que contribúan de forma decisiva a crear emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e gandeiro como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida das persoas que viven e traballan no medio rural galego.

Os membros do xurado prestaron especial atención nesta vixésima edición do Premio Aresa a aquelas candidaturas que xerasen postos de traballo de calidade no rural, que puxesen en valor os produtos da terra, que recuperasen subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para desenvolverse e que buscasen innovar en produtos e métodos produtivos. Neste senso, Antonio López afirmou que “a candidatura foi elixida por unanimidade por cumprir con todos os requisitos das bases do Premio”.

20 anos de actividade

A Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta xurdiu no 1999, o mesmo ano no que nacían os Premios Aresa, e inclúe hoxe a 135 produtores e máis de 3.000 cabezas

O reitor da USC engadiu que “Asoporcel, proxecto nacido en 1999, conta na actualidade con 135 socios, reúne máis de 3.000 cabezas de gando porcino e xera anualmente un volume de facturación de máis dun millón de euros. É merecedor do premio pola posta en valor da raza e dos seus produtos feitos en Galicia. O proxecto de Asoporcel é unha realidade que está medrando día a día”, asegurou.

Ademais de Asoporcel, ao Premio Aresa deste ano, que cumpre a súa vixésima edición, presentáronse outra ducia de ideas e proxectos vinculados ao rural que se atopan en distintas fases de desenvolvemento. Entre outras candidaturas presentadas, atopábanse as de Greenalia, a EFA Fonteboa, Coren, a cooperativa A Carqueixa, o Muvicla ou a Cátedra do Pan da USC.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información