Así serán no futuro as inspeccións da PAC: monitoreo por satélites e drons

Un proxecto piloto está a testar nas catro provincias galegas os controis por medio de novas tecnoloxías, que se espera que sustitúan nos próximos anos á maior parte de visitas sobre o terreo, aforrando tempo e custos

Así serán no futuro as inspeccións da PAC: monitoreo por satélites e drons

Dron con cámara acoplada para o control de cultivos.

Os controis de superficies e as inspeccións de condicionalidade asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC), que ata o de agora se viñan facendo por medio de visitas sobre o terreo, terán un futuro protagonizado polas imaxes captadas por satélites e drons. Un proxecto piloto que se está acometendo nas catro provincias galegas está testando a validez destas tecnoloxías para executar as inspeccións, cunhas conclusións preliminares positivas.

O obxectivo do proxecto consiste en probar distintos sistemas de captación de imaxes con vistas a automatizar o proceso de inspección. A iniciativa, na que participan compañías especializadas en solucións tecnolóxicas, iniciouse en Galicia en outubro do 2018 e estará rematada ó final deste ano. A Xunta valorará entón os resultados para decidir os próximos pasos a dar.

“Logramos bos resultados en aspectos como a identificación de cultivos ou o cálculo da admisibilidade de pastos, pero quedan cuestións por optimizar” (Cristina Monteserín, Seresco)

O proxecto, denominado ‘Primare – Inspeccións Intelixentes Avanzadas’, inclúe o uso de imaxes satelitais de baixa resolución, captadas polos satélites Sentinel, así como a compra de imaxes satelitais de alta resolución, Todas aquelas cuestións que non se poden acometer con tomas desde o espazo resólvense con voos de dron, segundo explica Cristina Monteserín, a responsable de innnovación agrícola de Seresco, unha das empresas participantes no proxecto.

Os resultados da experiencia están a ser positivos, aínda que resta todavía por optimizar a obtención de determinados datos. “Levamos executado un 60% do proxecto e xa logramos bos resultados en cuestións como a identificación de cultivos ou o cálculo do coeficiente de admisibilidade de pastos, no caso de pastos arbustivos. Outros aspectos, como a identificación de indicios ou elementos da paisaxe, presentan maior complicacións” -expón Cristina Monteserín-. “Por exemplo, algúns elementos que estamos tratando de optimizar son a valoración de construcións como as foxas de puríns ou a presenza de residuos plásticos no entorno das explotacións”, detalla.

A finalidade última da iniciativa é eliminar a maior parte das visitas de control ás explotacións, o que permitiría aforrar custos e tempo. O uso de imaxes satelitais posibilitaría ademais afinar as inspeccións en cuestións como a comprobación da rotación de cultivos, pois poderíase verificar unha mesma parcela en distintos momentos do ano.

Desenvolvemento dunha aplicación web para os beneficiarios da PAC

O proxecto ‘Primare – Inspeccións Intelixentes Avanzadas’ complétase co desenvolvemento dunha aplicación web que lle aporte servizos e informacións ós beneficiarios da PAC en Galicia.

“Queremos poñer ó servizo dos agricultores a información capturada por satélites e drons, convenientemente procesada, para que poidan ter información sobre os seus cultivos. Este tipo de imaxes permiten determinar o índice de vigor do cultivo, un parámetro a partir do cal pódense deducir cuestións como carencias de nutrientes ou excesos dos mesmos, o que permitiría optimizar a fertilización”, explica Cristina Monteserín, de Seresco.

O desenvolvemento da aplicación enfócase tamén a crear unha canle de comunicación entre os beneficiarios da PAC e a Administración, de xeito que os propios gandeiros e agricultores poidan enviarlle á Administración imaxes dos seus cultivos, a modo de evidencias prácticas do cumprimento das condicións das axudas.

O proxecto Primare está financiado nun 80% polo programa operativo plurirrexional Feder Pocint, a través do convenio de colaboración ‘Civil UAVs Iniciative’, asinado co Ministerio de Industria e Ciencia. A iniciativa é resultado dunha convocatoria da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) que, no marco do primeiro procedemento de compra pública innovadora no sector primario, adxudicoulle a Seresco, Gradiant, Proyestegal e Ingeniería In Situ o desenvolvemento dos sistemas que integrarán a plataforma tecnolóxica Primare.

Monitoreos do Fega
De xeito paralelo ó proxecto que se desenvolve en Galicia de inspeccións avanzadas, o Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) está testando este ano en dez comunidades autónomas a posibilidade dun monitoreo en tempo real das superficies beneficiarias da PAC por medio de satélites e drons. En Galicia, a experiencia está limitada este ano ó concello de Forcarei.

A diferenza da iniciativa Primare, que valora a posibilidade de sustituir as inspeccións de campo polo uso de novas tecnoloxías, o proxecto do Fega busca só monitorear as explotacións en busca de irregularidades. Caso de detectar problemas, a explotación afectada pasaría a unha fase de inspección de campo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información