Así será a maior concentración parcelaria de Galicia

A concentración parcelaria da parroquia de Fisteus, no concello coruñés de Curtis, afectará a 3.945 hectáreas e a 1.900 propietarios. Falamos con algúns deles para coñecer a súa opinión

FISTEUS_CURTIS_02No centro, situación actual das parcelas en Fisteus, e á dereita resultado tras a parcelaria.

Este verán estea previsto que se inicien as obras da que será a maior concentración parcelaria realizada en Galicia. Desenvolverase no concello coruñés de Curtis, na parroquia de Fisteus e afectará a nada menos que 3.945 hectáreas, repartidas en 9.450 fincas e pertencentes a uns 1.900 propietarios, moitos deles xa desvinculados do campo ou que directamente xa non residen no municipio. Se todo vai segundo o previsto, prevese que para finais de 2019 debería estar finalizado o proceso.

Todos os veciños móstranse ilusionados cun proceso co que confían poder sacarlle máis rendemento ás súas terras. E é que a concentración parcelaria demostrouse ata agora que é unha condición necesaria, aínda que non suficiente, para impulsar a actividade agrogandeira nunha comarca.

Prevese que finalice entre finais de 2019 e comezos de 2020

En todo caso, os propietarios tomáronse con paciencia un proceso que xa prevían longo. E é que a tramitación empezou nada menos que hai 13 anos, no 2005, pero todos coinciden que en recibiu un impulso co actual alcalde, Javier Caínzos, que está a acompañar este proceso cun plan municipal de ordenación dos usos do solo, que prevé que marcará un antes e un despois para a actividade agrogandeira e forestal de Curtis.

A parcelaria de Fisteus axilizouse tamén grazas en gran medida á Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (Metaga), vixente desde 2015 e que reduciu de seis a catro as fases e contribuíu a baixar os custos para o erario público.

¿E como perciben os propietarios a maior concentración parcelaria de Galicia? Falamos con dúas das 20 gandarías de vacún de leite que aínda quedan en Fisteus e que coinciden en que o relevo xeracional nelas vai claramente ligado a que se faga a parcelaria.

Beatriz Mosquera: “O minifundio das fincas impídenos medrar e baixar custos”

FISTEUS_CURTIS_03Beatriz Mosquera e o seu marido, Antonio, posúen unha gandaría de vacún de leite en pastoreo e teñen a intención de pasarse a ecolóxico. Pero a viabilidade da súa granxa vese comprometida polo minifundio das leiras.

¿Por que considerades necesaria realizar a concentración parcelaria na vosa parroquia?
Coa situación actual non podemos ampliar nin mellorar a nosa gandaría e estamos a incrementar os custos de produción. A nosa base territorial é de 32 hectáreas pero repartidas en 25 parcelas, unha parte importante delas a unha distancia de entre 2 e 3 quilómetros, co cal non son viables para levar as vacas a pacer. Ademais, entre un 10 e un 15% das nosas leiras non son accesibles para o tractor. Tampouco pode chegar un camión grande ata o noso establo e á hora de contratar a unha empresa os traballos de sega ou ensilado da herba os custos dispáranse nas parcelas pequenas. En definitiva, todo son inconvenientes coa situación actual.

“Temos pradeiras a 3 quilómetros ou nas que non entra o tractor”

Coa concentración parcelaria teremos o terreo en fincas máis grandes e preto do establo, co que melloraremos en todos os aspectos. É un proceso que é necesario en todo o rural, pero nesta parroquia moito máis.

E que esperades do plan de ordenación de usos da terra que aprobou o concello de Curtis?
É algo moi positivo e co que cremos que todos gañaremos, tanto os gandeiros como os propietarios forestais, porque cada zona estará delimitada. Nós temos leiras con eucaliptos á beira e a produción de herba baixa moito.

Preocúpavos que coa parcelaria se perda a identidade paisaxística da parroquia?
Quizais á xente maior, pero as novas xeracións cambiaron a mentalidade. A nós non nos preocupa. Temos un negocio, que é a nosa gandaría, e temos que sacarlle rendibilidade e na situación actual de minifundio non podemos.

Que lle pedides á administración á hora de executar as obras?
A información que nos chegou é que este verán comezarán as obras da apertura de pistas e a finais de 2019 ou comezos de 2020 podamos acceder ás novas parcelas. Que se acurtaran os trámites administrativos e de alegacións parécenos moi positivo. Pero sería un grave problema para nós que se abrisen as pistas e que despois tardasen máis do previsto en realizar a concentración, porque nos complicaría moito o noso traballo.

María Flor: “Coas concentracións parcelarias, o que peor queda, queda moi ben”

CURTIS_PARCELARIA_FISTEUS_GANDEIRA_1María Flor Vázquez Francos é unha gandeira da aldea da Pena, na parroquia de Fisteus. Conta cun rabaño de 50 vacas, das que 37 están en muxido, e 29 hectáreas de base territorial, repartidas en 25 leiras. Do mesmo xeito que a gandaría de Beatriz, tamén traballa en réxime de pastoreo e está en proceso de conversión para producir leite ecolóxico.

Por que ves necesaria a concentración parcelaria nesta parroquia?
Porque o minifundio impídenos medrar. A finca máis grande que traballamos ten 2 hectáreas e nas outras hai algunhas tan pequenas que non nos compensa meter as vacas, case non collen.

Ademais, cando temos que pagar a empresas de servizos agrarios nas fincas pequenas dispáranse os custos para ensilar, cortar a herba ou botar xurro.

Eu procedo da parroquia de Cumbraos, en Mesía, onde xa hai décadas que se realizou a concentración parcelaria e a diferenza é abismal. Incluso o que peor quedou coa parcelaria, quedou moi ben respecto da situación anterior.

E como ves o plan de ordenación de cultivos e usos do solo que puxo en marcha o concello?
Paréceme ben, porque se che coincide que os veciños plantan eucaliptos aos lados esa leira non produce case nada. De feito, temos algún prado con plantacións con eucaliptos a ambos os dous lados e só produce algo de herba no medio.

Penso que delimitar claramente as zonas onde se pode plantar e nas que non e concentrar e ampliar as parcelas será bo para todos, incluídos os propietarios forestais, porque na situación actual están obrigados a deixar unhas franxas de distancias aos terreos agrícolas, e como as leiras son pequenas, eles tamén perden produción. De feito, hai moitos propietarios de fincas que queren plantar pero non lles compensa porque as parcelas son pequenas, co cal moitas veces acaban a monte. Co minifundio todos perdemos.

“Co minifundio perdemos todos os propietarios”

Ademais, non é o mesmo despois querer alugar unha leira de 3 hectáreas que repartidas en 3 ou 4 parcelas, como sucede agora. Van poder cobrar un aluguer maior e aos gandeiros tamén sairanos máis rendible traballalas.

Que lle pedirías á administración neste proceso?
Unha vez que se abran as pistas, que o proceso sexa rápido e que se termine canto antes. Non pode pasar como noutros procesos nos que unha vez abertas demorouse anos, porque partiríanos moitas fincas pola metade e sería un gran contratempo para o noso traballo.

O futuro da túa gandaría vai ligado á parcelaria?
Temos dous fillos e a min aínda me quedan bastantes anos para xubilarme. Pero se o proceso da parcelaria queda ben e ven que a nosa gandaría é rendible será máis fácil que tomen o relevo na granxa. Tal e como estamos agora si que sería moi difícil que algún deles continuase.

A parcelaria é rendible en todos os lados, pero precisamos que a administración se implique e que se axilicen os prazos.

Máis procesos de concentración previstos en Curtis

O alcalde de Curtis, Javier Caínzos, e o portavoz municipal, Antonio Fraga, reuníronse a pasada semana con máis de medio cento de propietarios de explotacións agrarias e gandeiras do municipio para analizar a posibilidade de desenvolver a reestruturación parcelaria das parroquias de Santaia e Foxado con vistas a definir conxuntamente o futuro e desenvolvemento do medio rural.

Caínzos subliñou a importancia de pór en marcha esta reestruturación para loitar contra o abandono dos terreos, previr os incendios forestais e mellorar a base territorial das explotacións agrogandeiras, de forma que estas poidan medrar superando o actual minifundismo. “Debemos darlle un pulo ao sector primario porque será o que nos permita tamén asentar a poboación no rural e atraer á xente máis nova”, sostivo.

A importancia do sector agrogandeiro aumentará no municipio e a comarca coa instalación da gran planta láctea de Inleit, que prevé transformar en 2023 400.000 toneladas de leite para elaborar produtos de alto valor engadido, o que supón o 17% da produción total de Galicia. “E iso debe de ir aparellado a iniciativas como a que estamos a expor de reestruturación parcelaria así como de planificación dos usos do chan que fomenten a implantación, o desenvolvemento e o crecemento das explotacións”, aclarou Javier Caínzos.

128 procesos de concentración parcelaria abertos en Galicia

En Galicia aínda hai abertas 128 parcelarias: 45 na provincia da Coruña, 14 na de Lugo, 31 na de Ourense e 38 en Pontevedra; proxectos, todos eles, que afectan a 89.788 titulares de parcelas e cos que se pretenden agrupar 112.059 hectáreas de terreo agrícola ou forestal.

Así se desprende dos datos da Consellería de Medio Rural, que prevé que para outono do 2020 estean concluídos todos estes procesos aínda en marcha. Para este ano, os orzamentos da Xunta contan cunha partida de 20 millóns de euros para acometer as 128 reestruturacións aínda abertas.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información