Asaja pide tamén que se amplíe o prazo para presentar alegacións aos dereitos da PAC

Asaja pide tamén que se amplíe o prazo para presentar alegacións aos dereitos da PAC

A organización agraria Asaja pídelle ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo dependente da Consellería do Medio Rural, que amplíe o prazo para presentar alegacións aos dereitos da Pac. O prazo remata o 15 deste mes, pero “a maioría dos labregos de Galicia” non accederon á información publicada no Dog, polo que Asaja demándalle á Consellería que “aumente o prazo para a presentación de alegacións”.

“Pensamos que, se non, moitos afectados nin sequera terán recibido a carta na que lle detallan as súas axudas cando remate o prazo”, advirten. A organización agraria súmase así a unha demanda xeneralizada no sector, que tamén planteou a semana pasada o Sindicato Labrego Galego.

O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado 15 de novembro a asignación de dereitos do réxime do pagamento básico da Política Agraria Común (Pac). Esta resolución fixa os dereitos a través dos cales se calculará a contía das axudas ós agricultores e gandeiros ata o 2020. A maiores, o Fogga enviou notificacións persoais por correo ordinario, que, segundo Asaja “aínda non recibiron todos os afectados”. “Este atraso supón un gran problema para os beneficiarios, xa que o prazo para presentar alegacións a esta resolución finaliza o 15 de decembro”, advirten dende Asaja.

En todo caso, e ante a importancia do caso, Asaja recomenda a “todas as persoas que reciban a axuda da PAC, que se acheguen pola oficina de ASAJA máis próxima para informarse da súa situación. Se xa recibiron a carta que a leven, e, se non, empregaríamos a información publicada no DOG do 15 de novembro”. “Non deben fiarse das subidas ou baixadas das axudas que afectan a outros gandeiros, xa que cada caso é diferente”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información