“As forzas políticas de Galicia deben perder o medo a realizar a necesaria reforma agraria”

Entrevista a Anxo Vázquez Pernas, fundador e primeiro director do programa “A Labranza”, que neste 2016 cumpre 25 anos de emisión na TVG. Este técnico do Servizo de Extensión Agraria trasladou a filosofía deste servizo, a de ofrecer información técnica e de utilidade para os agricultores e gandeiros, á televisión

“As forzas políticas de Galicia deben perder o medo a realizar a necesaria reforma agraria”

Anxo Vázquez Pernas

Anxo Vázquez Pernas foi e é un rostro moi coñecido no agro galego, como primeiro director e presentador dos programas televisivos de información agraria. Primeiro de A terra (1986), logo de O noso agro (1989) e por último de A Labranza(1991). Como axente de Extensión Agraria trasladou a filosofía práctica e divulgativa deste servizo á televisión.

Da súa longa experiencia profesional salienta “a enorme capacidade de adaptación dos nosos agricultores e gandeiros” a uns cambios que considera “os máis importantes no agro galego dende a Baixa Idade Media”. Como retos para o futuro, Anxo Vázquez Pernas considera imprescindible redimensionar as explotacións gandeiras, agrarias e forestais para seren competitivas. “E para iso as forzas políticas do Parlamento de Galicia deben superar o medo a perder votos e lograr un consenso para aprobar unha auténtica reforma agraria”, conclúe.

¿Como valoras estes 25 anos do programa A Labranza?
No ano 1981 chamáronme dende o Centro Territorial de TVE en Galicia para, en colaboración co Servizo de Extensión Agraria, dirixir un programa de información agraria , “O Agro”, que era para probar durante seis meses e que finalmente durou cinco anos. Logo pasei a traballar na TVG poñendo en marcha o programa “A Terra”, que posteriormente se chamou“A Nosa Terra” e por último “A Labranza” e “O agro”.

O que salientaría de todo este período é a gran capacidade da xente do agro de adaptarse ás novas circunstancias. Primeiro á incorporación á Comunidade Económica Europea e despois a toda a nova lexislación que veu da CEE e ás novas circunstancias de mercado. É dicir, pasouse do obxectivo dunha agricultura produtivista, de producir barato e en cantidade, a producir alimentos de alta calidade e con altos índices de garantías sanitarias e, ao mesmo tempo, considerando cuestións como o benestar animal e o coidado da natureza. Foi unha continua adaptación ao longo dos anos 80 e 90 e os nosos agricultores e gandeiros foron quen de facelo.

Agora estase a vivir unha etapa complicada, sobre todo para as ganderías de vacún de leite. E este sector foi o que quizás máis esforzo fixo para adaptarse á entrada na Comunidade Europea e foi quen de logralo, modernizando as explotacións ata o punto de ser punteiras en Europa.

Outros sectores que salientaría que avanzaron moito foron os de porcino e avícola, acadando un alto grao de organización e de transformación, e que pode ser un referente para o sector lácteo.

Cales son as asignaturas que, ao teu xuízo, ten pendentes de resolver o agro galego?
Hai que ter conta que a modernización do agro chegou tarde a Galicia: a revolución industrial e as relacións de propiedade da terra do Medievo remataron en boa parte parte de Europa a comezos do século XIX pero en Galicia esa situación prolongouse ata comezos do século XX, e as súas consecuencias aínda as arrastramos hoxe. É certo que xa non hai foros pero quedounos unha enorme herdanza en forma de minifundio e de case que 1,4 millóns de propietarios.

“Temos que redimensionar as unidades de produción agrarias e forestais se queremos ser competitivos”

Pero a concentración parcelaria supuxo un antes e un despois na modernización do agro galego…..
A concentración parcelaria non solucionou o minifundismo, senón que foi unha solución ao exceso de parcelas, pero non ao pequeno tamaño da explotación. É dicir, investiuse moito diñeiro en concentración parcelaria pero a rendibilidade que se lle tirou foi pequena, e de feito moitas explotacións en zonas de concentración acabaron pechando e abandonando a superficie para actividades agrogandeiras. A concentración parcelaria foi unha boa idea para o ano 1955 pero hoxe non ten sentido, habería que buscar outras solucións á excesiva parcelación e minifundismo, porque as terras só teñen valor, haxa concentración ou non, nas comarcas con actividade gandeira ou agrícola, mentres que no resto do país ou se fixeron pequenas plantacións forestais ou están abandonadas.

¿Que medidas se deberían tomar para afrontar o minifundismo e o abandono de terras produtivas?
Considero que a sociedade galega non pode estar allea ao que sucede no agro. O Parlamento de Galicia non tivo a suficiente valentía para levar adiante un programa de reforma da superficie agraria para que fose útil para a creación de riqueza en Galicia, e deixouse atemorizar polo medo a perder votos entre ese millón e pico de propietarios.

Deberíase lexislar para establecer unha diferenza clara e efectiva dos usos produtivos agrarios, de lecer, forestal e urbanizables. Establecer limitacións sobre a propiedade, neste sentido ¿Por que a Lei de Costas non é extrapolable ás terras agrarias?

En canto á superficie forestal, medrou moito nos últimos anos pero sen planificación. Plantouse en fincas moi pequenas, que poden ser rendibles mentres o propietario ou un familiar poda limpalas el mesmo pero que son escasamente viables de cara ao futuro. Necesítanse unhas unidades de produción mínimas e poder mecanizarse os seus traballos. É dicir, o sector forestal, ao igual que o do leite, ten que redimensionar as unidades de produción para ser competitivo de cara ao futuro.

Bótase en falta un Servizo de Extensión Agraria máis apegado ao territorio e aos problemas do gandeiro e do agricultor?
O Servizo de Extensión Agraria naceu cara o ano 1955 e fixo un labor fundamental para que o labrego se adaptara a unha agricultura de mercado, funcionando todo durante décadas. Pero coa caída da poboación activa no agro, a partir dos anos 70 empezaron a desenvolverse máis outros sectores e a economía galega deixou de ser netamente agraria, un feito que se intensificou coa entrada na Comunidade Europea. A administración galega tivo que asumir os programas económicos desa entidade, entre elas a xestión das axudas ós agricultores e Extensión fíxose cargo da tramitación das axudas alternando coas labores divulgativas e de formación para o sector agrario. Pero para os gobernantes a prioridade política era a xestión das axudas máis que as labores de divulgación, o que marcou o comezo do seu devalo.

“Sería necesaria unha Extensión Agraria para as zonas de Galicia con menor dinamismo agrario”

Hoxe quizais non tería tanta razón de ser, cando menos no concepto dunha Extensión “tradicional”, xa que as propias cooperativas e outras entidades teñen os seus técnicos, os agricultores, gandeiros e forestalistas teñen outro nivel de formación e reciben información por moitas vías e están conectados co mundo a través de Internet. Isto funciona sobre todo nos sectores máis desenvolvidos: en vacún de leite, en porcino, avicultura e cunicultura, en viticultura, en horta e tamén en vacún de carne. Pero sen embargo, temos unha parte importante de Galicia que está case abandonada, na que non hai dinamismo agrario e cuns recursos económicos moi importantes, especialmente zonas de montaña, e aí é onde sería necesaria a labor dun Servizo de Extensión Agraria.

¿Que futuro lle ves ás actividades agrogandeiras en Galicia?
Coa natureza da que dispomos temos que ter futuro, ou moi mal o faremos. Temos unha natureza xenerosa, con abundancia de choivas, e temperaturas suaves que nos permiten producir case todo tipo de cultivos. Pero iso depende do grao de organización que teñamos e de que realicemos unha reforma agraria para que as unidades produtivas teñan dimensión suficiente para competir no mercado. Temos que avanzar máis tamén no cooperativismo, transformando e dándolle valor ás nosas producións.

Considero tamén que as forzas políticas do Parlamento de Galicia deberían aparcar o medo a perder uns votos para abordar unha reforma agraria en Galicia, logrando un consenso entre todos os partidos para que non se use isto como arma electoralista.

¿Que che resultou máis motivador do teu período de traballo?
Os traballos que tiven que desenvolver sempre foron moi satisfactorios. A divulgación da formación agraria sempre me gustou. Toucoume vivir unha serie de cambios e de reconversións no agro galego, dende os anos 70 e ata a actualidade, que foi o período máis decisivo dende a Baixa Idade Media.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información