Árnica, unha planta mediciñal galega demandada polas farmacéuticas europeas

A empresa de Vilalba Champivil–Castelo apañou e secou o ano pasado 1.500 quilos desta planta mediciñal, que se dá nos prados e veigas da Terra Chá. Inicia agora a nova campaña de recolección

Árnica, unha planta mediciñal galega demandada polas farmacéuticas europeas

Mari Luz Rey, apañando árnica nun prado da Terra Cha.

A empresa chairega Champivil-Castelo, especializada en produtos naturais de Galicia, comeza estes días a campaña de recolección de árnica, unha planta medicinal que se dá de xeito natural nos prados e veigas da Terra Chá. A empresa de Vilalba decidiu hai uns anos recuperar este produto que se apañaba historicamente en Galicia e, tras un proceso de secado, expórtao con destino ás principais empresas cosméticas e farmacéuticas europeas, que a empregan na elaboración de cremas e antiinflamatorios.

“Na zona da Terra Chá a xente maior lembra apañala de toda a vida, desde sempre. Aínda que o certo é que a súa poboación ten minguado moito como consecuencia da mecanización e renovación de pradeiras para uso agrícola e gandeiro, até atoparse neste momento en perigo de extinción, recluída en determinadas zonas próximas a regatos ou en pradeiras vellas destinadas a herba seca”, explica Luz Divina Castelo, xerente de Champivil.

A árnica é unha planta silvestre que se dá de xeito natural pero que non se logra producir en cultivos

Foi súa nai, Mari Luz Rey, a que mantivo viva na familia esta tradición da recollida da árnica, un proceso manual que se leva a cabo durante o mes de xuño e comezos de xullo, coincidindo coa época de floración da planta. “O momento de recollida, que dura catro ou cinco semanas soamente, está un pouco en función de como veña o tempo. O ano pasado houbo sol e calor nos meses de maio e xuño e adiantouse a floración. Este ano está a pasar o contrario, a chuvia e a falta de sol destes días está a retrasar a campaña”, explica Luz Divina Castelo.

A árnica é unha planta silvestre que se dá de maneira natural en pradeiras vellas situadas en zonas húmidas da Terra Cha. Ten forma de margarida (un pouco máis grande de tamaño) e é de cor amarela. Champivil pechou a pasada campaña cun total de 1.500 quilos de flor de árnica apañados que, unha vez secos, marcharon con destino á multinacional alemana Bayer.

“É o noso particular azafrán e págase a 5 euros o quilo”

Flores de árnica (amarelas) no centro da imaxe.

Flores de árnica (amarelas) no centro da imaxe.

A árnica está a experimentar nos últimos anos unha demanda crecente por parte das industrias farmacéuticas, o que está a influir no prezo. “Isto está a animar de novo á xente a volver a apañala, aínda que cada vez hai menos e hai que andar moito máis para xuntar unha cantidade que mereza a pena. A árnica é o noso azafrán particular e págase a un prezo duns 5 euros o quilo, pero cantas florciñas hai que apañar para facer un quilo?”, razoa a xerente de Champivil.

O proceso é totalmente manual: “Durante o mes de xuño e principios de xullo apañámola con coidado á man, unha a unha, para non danar a pranta e que volva deste xeito dar o ano vindeiro. É un proceso delicado, porque se arrincas a planta non volve dar”, explica.

“A recolección é un proceso delicado, porque se arrincas a planta non volve dar” (Luz Divina Castelo)

A provincia de Lugo, sobre todo en zonas como a Terra Cha ou a Ulloa, é onde aínda se conservan as mellores poboacións de árnica de todo o noroeste da península ibérica.Tamén se recolecta en países do leste de Europa, pero a calidade e as propiedades da árnica galega son moi superiores.

É unha especie que medra de xeito natural en estado silvestre e que presenta dificultades para o seu cultivo. De feito, nos últimos anos realizáronse diversos experimentos e ensaios de cara ao seu cultivo sen que se obtiveran grandes resultados. Tampouco tiveron éxito os intentos das farmecéuticas alemás de cultivar no seu país a variedade que se dá en Galicia. No campus de Lugo da Universidade de Santiago levan anos estudando esta planta e tentando o seu aproveitamento como cultivo agrícola.

Proceso de secado a temperatura ambiente
Unha vez apañada, a flor da árnica sométese a un proceso de secado para a súa conservación. “Poñémola a secar a temperatura ambiente, nun proceso natural que acostuma levar un par de días. Pola noite tapámola e polo día extendémola ao sol. As flores perden a auga e vanse murchando e cambiando a súa cor amarela e verde por marrón alaranxado. Durante o proceso de secado, temos que volteala frecuentemente para que o secado sexa homoxéneo”, detalla Luz Divina Castelo.

Secado natural da árnica.

Secado natural da árnica.

Unha vez seca, a empresa de Vilalba mete en sacos a árnica para o seu envío aos laboratorios farmacéuticos, que fan con eles medicamentos antiinflamatorios, cremas para a pel, xabróns ou outros produtos. “A que nós apañamos é de moi boa calidade e vai para Bayer, en Alemania”, explica a xerente de Champivil, que recoñece que “a demanda deste produto é moi alta pero hai moi pouco”.

A variedade galega, codiciada polas farmacéuticas pola súa calidade
A árnica, tamén coñecida como estornudadeira ou tabaco de montaña, é unha planta medicinal con múltiples propiedades. Trátase dunha planta herbácea autóctona, orixinaria do continente europeo, que medra de forma silvestre e que pode chegar a alcanzar medio metro de altura. Pertence á familia botánica das asteráceas, igual que a manzanilla e a caléndula.

Árnica preparada en sacos para o seu envío a un laboratorio farmacéutico.

Árnica preparada en sacos para o seu envío a un laboratorio farmacéutico.

As súas flores son amarelas e moi vistosas, cun aroma agradable semellante á manzanilla pero de maior tamaño. Son precisametne as flores as que principalmente se empregan en gran variedade de remedios caseiros debido ás súas propiedades medicinais, cunha potente acción antiinflamatoria, antibiótica, cicatrizante e analxésica.

Esta planta medicinal é un remedio natural para as luxacións, golpes, traumatismos ou torceduras. Aplícase de forma externa, tamén mellora a saúde da pel en casos de irritación, acne ou eccema. Axuda ademais a aliviar dores articulares, reumáticos e musculares e acelera a recuperación en casos de tromboflebites, edemas, hematomas ou moratóns. Tamén se emprega para desconxestionar as vías respiratorias.

A variedade que se dá en Galicia, a Arnica montana L., presenta unhas cualidades terapéuticas superiores con respecto á que se produce en centroeuropa, en países como Alemania ou Rumanía. Ademais de maior poder antiinflamatorio, a subespecie atlántica ten un menor grao de problemas de alerxia asociados, polo que é máis apreciada pola industria.

Luz Divina Castelo, no proceso de volteo da árnica, durante o secado natural.

Luz Divina Castelo, no proceso de volteo da árnica, durante o secado natural.

Champivil-Castelo, tradición, innovación e diversificación

Champivil-Castelo é unha empresa de Vilalba que ten entre as súas principais características a tradición e a innovación. Con máis de 50 anos de historia, foi pioneira na exportación de setas silvestres galegas a Europa e na posta en valor de produtos naturais galegos baixo a filosofía de envasar a materia prima de produtores locais e sempre en tempada.

Neste momento conta cunha ampla gama de produtos no mercado, que van desde as conservas naturais de grelos, verzas ou estrugas, ás setas deshidratadas, as marmeladas de froitos vermellos ou os preparados de caldo ou tortilla de patacas. Os produtos de Castelo traspasan as fronteiras galegas a través das grandes cadeas de distribución como Gadis, Eroski, Carrefour ou El Corte Inglés.

Divina Campello, avoa da actual xerente de Champivil, foi pioneira en Galicia na compra-venda de setas silvestres aló polo ano 1949 na tenda taberna que tiña na aldea vilalbesa de Distriz. Seguindo a tradición familiar, Andrés Castelo fundaba xunto a súa muller Mari Luz en 1977 unha empresa de exportación de produtos silvestres e comezaba a buscar novos mercados dentro e fóra de Galicia, logrando entrar nos mellores mercados europeos (Italia, Suíza, Francia) e abastecer con cogumelos galegos ás principais zonas consumidoras deste produto dentro de España (Comunidade Valenciana, País Vasco e Cataluña).

No ano 1982 nunha nave pegada á casa familiar, na parroquia de San Xián de Mourence, a empresa creaba unha pequena zona de fabricación de conserva e comezaba a envasar para marcas francesas.

Numerosos premios e recoñecimentos nos últimos anos

Pero é no ano 2001 coa incorporación de Luz Divina á empresa familiar cando se produce a gran revolución de Champivil, ao crear unha marca propia (Castelo) coa que etiquetar e distribuír as súas conservas, que pouco a pouco foron ampliando a gama de produtos até abarcar na actualidade unha importante variedade: cogumelos, grelos, verzas, marmeladas, preparados para tortilla, arroz con setas, crema de grelos, licores de setas e cervexa artesá.

A empresa vilalbesa foi recoñecida nos últimos anos con numerosos galardóns pola súa innovación e a calidade dos seus produtos, entre eles, os grelos en conserva, que recibiron o segundo premio de Alimentación Salimat 2002 da Semana Verde de Silleda e o Taste Award outorgado en Bruxelas no ano 2012.

Champivil recibiu tamén o pasado mes de marzo o primeiro Premio Son Muller 2018 na categoría de Empresa Rural, outorgado pola Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, que se suma a outros recoñecimentos, como o premio Joven Empresario de Galicia no ano 2011, o premio Aresa de desenvolvemento rural no ano 2013, un accésit á internalización no III premio Joven Empresario de Galicia de 2013, a mención de honra no III premio Xoven Empresario de Lugo 2011 ou o Taste Award 2010 outorgado en Bruxelas ao boletus edulis en conserva en aceite de oliva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información