Aprobada a Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia

O proxecto trata de axilizar os procesos de concentración parcelaria. Busca tamén reducir o abandono de terra e promover o seu uso, para o que establece sancións e incentivos fiscais

Aprobada a Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia

A Lei trata de evitar o abandono de terras agrarias.

O Parlamento galego aprobou a Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia, un proxecto que busca axilizar os procesos de concentración parcelaria, que se pasan a chamar de reestruturación parcelaria. A iniciativa parte tamén co obxectivo de reducir o abandono da terra en Galicia, para o que establece sancións e incentivos fiscais que promovan o uso ou arrendamento das parcelas agrarias. O proxecto saiu adiante só cos votos do grupo popular, en tanto a oposición votou en contra, molesta pola denegación de máis de 150 enmendas que presentaran á lei.

As medidas máis coñecidas que inclúe a nova normativa tratan de fomentar a mobilidade de terras por dúas vías, as sancións contra superficies abandonadas e os incentivos fiscais ó arrendamento de fincas a persoas agricultoras profesionais.

Sancións ó abandono de terras

En canto ás sancións, a lei establece que a Administración poderá declarar como perímetros abandonados un conxunto de predios cando existan evidentes riscos de lumes forestais ou cando haxa demanda de terra agraria na zona.

En tales casos, a Admnistración proporalle de oficio ós propietarios que poñan a producir a terra, que a arrenden ou que cedan o seu uso ó Banco de Terras. De non dar ningún destes pasos, o réxime sancionador –xa previsto na Lei de Mobilidade de Terras-inclúe multas entre os 300 e os 3.000 euros.

Beneficios fiscais por arrendamento
O outro mecanismo co que se quere promover a mobilidade de terras agrarias é o dos incentivos fiscais, tanto en caso de herdanzas como de compravendas. Nas herdanzas, a transmisión das parcelas mediante venda ou arrendamento a unha explotación agrícola suporá deduccións do 99% no imposto de transmisións patrimoniais. O mesmo sucederá se as fincas se poñen a disposición do Banco de Terras. En ambos casos, o titular da parcela terá seis meses para facer a transmisión. O prazo mínimo de cesión das parcelas será de cinco anos.

Para as compravendas, haberá tamén deduccións do 99%, tanto no caso de explotacións agrarias como no de parcelas soltas. Con estas medidas, a Administración trata fundamentalmente de evitar que os herdeiros con actividade non agraria deixen as parcelas abandonadas ou infrautilizadas.

Reestruturación parcelaria
A Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia adica a maior parte do seu texto a definir os procesos que se seguirán nas reestruturacións parcelarias, que ata agora se viñan chamando concentracións parcelarias. A nova normativa aspira a simplificar e reducir o tempo de realización das parcelarias, que a miúdo viñan sendo proxectos farragosos que se dilataban en exceso no tempo.

No articulado da Lei detállanse os procesos a seguir no caso das reestruturacións parcelarias públicas e tamén nas de carácter privado, ben agrario ou forestal. Establécese tamén a posibilidade de plans de permutas voluntarias de fincas.

Debate parlamentario
A aprobación parlamentaria da Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia (Metaga) fíxose cos únicos votos a favor do grupo popular, en tanto os grupos da oposición criticaron que só se aceptaran unha decena das máis de 150 enmendas que presentaran á norma.

En concreto, o Bloque destacou que ningunha das súas 90 propostas foi tida en conta. Entre as medidas presentadas polo Bloque, figuraba a de evitar a forestación de terras agrarias ou a de crear polígonos de uso en común das terras. “A Lei é só un ‘lifting’ das concentracións parcelarias. Se non se poñen máis recursos e persoal, non se van conseguir axilizar as concentracións”, pronosticou a nacionalista Tareixa Paz.

O grupo de Alternativa Galega de Esquerda tamén criticou que a normativa, ó seu entender, non puxese freo á forestación de terras agrarias e sinalou que non se abordaban asuntos sustantivos para o rural. De similar xeito se expresou o grupo socialista, que subliñou que non hai “nada novo”: “Esta Lei é só unha aspirina das concentracións parcelarias, pero non servirá de moito máis”, sinalou o deputado socialista Pablo García.

O grupo popular, pola súa banda, considerou que a oposición carecía de fundamentos para non apoiar á Lei e acusouna de espíritu pouco colaborador.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información