A ampliación das axudas pola seca, posta en cuestión pola burocracia

A Xunta cambiou a convocatoria inicial para autorizar novos pozos, pero Unións Agrarias advirte de que a tramitación administrativa das captacións, “de entre 12 e 18 meses”, inviabiliza esa posibilidade

A ampliación das axudas pola seca, posta en cuestión pola burocracia

Pastos secos na zona de Viana do Bolo.

As axudas pola seca para explotacións agrarias excluían nun principio a posibilidade de perforar novos pozos, se ben a Consellería do Medio Rural cambiou a convocatoria, a través dunha corrección de erros no Diario Oficial de Galicia, para que as novas captacións sexan posibles. Sen embargo, Unións Agrarias advirte de que as axudas para novos pozos non se farán efectivas a causa dunha longa tramitación burocrática.

A organización agraria sinala que os trámites para novos pozos requiren entre 12 e 18 meses ante a demarcación de augas correspondente, cando a orde de axudas establece que tódalas actuacións subvencionadas deberán estar xustificadas a 30 de setembro do 2018. “Tódalas axudas que se concedan para novos pozos quedarán fóra de prazo para poder ser xustificadas. A Xunta debe deixar de anunciar liñas de axudas que logo non son cobrables ou non existen”, cuestiona Unións, que recentemente tamén criticou as axudas polos lumes e as orientadas ós viñedos polas xeadas.

Cantábrico occidental
A corrección de erros da orde de axudas da seca tamén amplía os ámbitos xeográficos de solicitude. Nun principio, podían solicitar as axudas as explotacións agrarias ubicadas no ámbito de Galicia Costa, Miño-Sil e Douro, pero agora ampliouse tamén á zona de augas do Cantábrico occidental, que abarca o noreste da provincia de Lugo, co cal toda Galicia queda incluída no ámbito das axudas.

As subvencións financian novas estruturas e mellora das estruturas existentes para o abastecemento de auga en explotacións agrícolas ou gandeiras, tales como balsas de almacenamento, bebedoiros e conducións. Tamén cisternas móbiles para o transporte da auga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información