Ampliarase ata o 15 de maio o prazo para presentar a PAC

Ampliarase ata o 15 de maio o prazo para presentar a PAC

A PAC poderá solicitarse ata o 15 de maio

O Ministerio de Agricultura ampliará ata o 15 de maio o prazo para presentar a solicitude da PAC, que inicialmente finalizaba o 30 de abril. Agora a Xunta, e o resto de Comunidades Autónomas, decidirán de se acollen a esta ampliación.

Así consta no proxecto de orde ao que tivo acceso Campo Galego e que posiblemente sexa aprobada polo Consello de Ministros do venres da próxima semana. O Ministerio responde así á demanda das organizacións agrarias e da Junta de Andalucía, a única comunidade que oficialmente solicitara ao Ministerio unha ampliación.

No borrador de Orde o Ministerio de Agricultura xustifica a ampliación do prazo para presentar as solicitudes de axuda da PAC nos problemas que houbo en varias comunidades autónomos coa nova esixencia de declaración gráfica para os solicitantes que declaren máis de 30 hectáreas.

“No que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidadE, respecto ao impreso de solicitude de axuda xeoespacial, recóllese que na campaña 2017 será obrigatoria a delimitación gráfica e en formato dixital das parcelas agrícolas da explotación (en diante “declaración gráfica”) para solicitantes que declaren máis de 30 hectáreas. Por tanto, no ano 2017, por incidencias ocorridas na captura das solicitudes en determinadas comunidades autónomas, e dada a transcendencia e complexidade do cambio que supón ampliar o ámbito de aplicación da declaración gráfica, que en 2016 estivo fixado en 200 hectáreas, (….) considérase necesario ampliar o prazo de presentación da solicitude única, dentro do disposto na normativa da Unión Europea, para garantir así unha correcta presentación e xestión das axudas”, argumenta o Ministerio. .

Desta forma, os produtores contarán con dúas semanas máis para poder realizar unha tramitación da PAC que inicialmente concluía o 30 de abril. Estes 15 días son a máxima prórroga que pode aprobar un Estado membro da Unión Europa en base á normativa actualmente en vigor.

Accede aquí ao borrador da orde pola que se amplía o prazo para presentar a solicitude da PAC 2017.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información