Amarelante e A Pementeira galardoadas cos Premios Agader 2019 ao desenvolvemento rural

Publicidade
Amarelante e A Pementeira galardoadas cos Premios Agader 2019 ao desenvolvemento rural

Socias da SAT A Pementeira

O conselleiro do Medio Rural, José González, felicitou aos oito gañadores da décima edición dos Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural.

En total son oito os proxectos seleccionados que recibirán un premio de 10.000 euros cada un, cifra que deberán reinvestir na iniciativa gañadora co obxectivo de realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias. Os galardóns entregaranse o vindeiro 21 de xuño no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón).

Galardoados

No sector agrogandeiro, o gañador é a SAT A Pementeira, empresa ubicada no concello de Padrón, polo cultivo e promoción de pementos así como o envasado, etiquetado e comercialización en fresco ou de produtos derivados da súa transformación (marmelada e bombóns de pemento), preservando todas as características do produto acollido á DOP “Pemento de Herbón”.

E na categoría de loita contra o abandono e en prol da mobilidade de terras, o gañador deste premio é Amarelante, S. Coop. Galega, de Manzaneda. Trátase dunha aposta polo rural a través da castaña e do cooperativismo que está a levar a cabo un proxecto de recuperación de soutos abandonados neste concello, para o aproveitamento comercial de castañas frescas, secas e en fariña.

Socios da cooperativa Amarelante, de Manzaneda, recollendo castañas

Socios da cooperativa Amarelante, de Manzaneda, recollendo castañas

Na categoría de proxectos culturais e de recuperación patrimonial do medio rural, o premiado foi a Fundación Eduardo Pondal, de Ponteceso, pola promoción da cultura a través da figura de Eduardo Pondal, co desenvolvemento de programas favorecedores do patrimonio material e inmaterial.

Na de mocidade, destinada a persoas menores de 40 anos, o gañador foi a iniciativa presentada por Corazón de Carballo, Granxa Escola Musical, con sede en Tomiño. Un centro de ocio, tempo de lecer e servizos que conxuga educación ambiental e educación artística con multitude de áreas de traballo. O obxectivo desta entidade é transmitir e educar en valores humanos de respecto, igualdade, coidado polo medio ambiente e revalorización das materias primas, área rural e tradicións.

No apartado de interese social, destinado a aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos, recibe o premio a Asociación Carabelo, de Lalín, polo programa de apoio ás familias. Así, dita asociación fomenta o desenvolvemento integral, individual, social e grupal dos usuarios, mellorando a súa autonomía e as habilidades persoais, académicas, sociais e laborais para a súa plena integración.

Na sección de turismo, álzase co galardón a Asociación Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra Courel, polo proxecto de desenvolvemento territorial nos concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, baseado na súa promoción turística e no desenvolvemento do xeoturismo, baixo o paraugas da figura de “Xeoparque Mundial da Unesco Montañas de Courel”.

En canto ás iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por mulleres, o premio vai para Polyesteres Bidasoa, S.L., de Marín, pola súa traxectoria nos últimos 30 anos desta empresa familiar dirixida por unha muller e cun cadro de persoal paritario que apostan pola calidade, innovación, especialización e respecto polo medio ambiente.

Por último, no de innovación tecnolóxica, a vitoria foi para Gráficas Salnés, S.L., de Cambados, pola fabricación de caixas forradas para embalaxe de produtos premium (caixas para viños, alimentación gourmet, perfumes…). Todo isto dentro dun proceso de fabricación que é sostible dende un punto de vista económico e medio ambiental, usando cartón compacto reciclado como base para ás caixas e o papel do forro procedente de montes sostibles.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información