Alertan de que a instalación de parques eólicos en Ordes afectará a máis de 500 explotacións agrarias

Alertan de que a instalación de parques eólicos en Ordes afectará a máis de 500 explotacións agrarias

A eurodeputada galega Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica, ven de denunciar ante a Comisión Europea (CE) que a instalación de parques eólicos na comarca de Ordes (A Coruña), sería contrario ao interese xeral da zona. Así o asegura Senra, despois de contactar coa Coordinadora veciñal contra a implantación de parques eólicos na comarca de Ordes e de ser informada sobre os proxectos que presentou nos últimos meses a empresa Green Capital Power, con matriz en Arabia Saudí.

A europarlamentaria pon á CE ao tanto de que na comarca presentouse un proxecto co nome de parque eólico de Ardemil, outro co da Pobra, e un terceiro co de Lavandeira (tramitándose a través do Ministerio de Industria por superar o límite de 50 mw cada un para ser tramitado pola Xunta), e ademais, tamén o de Monte Inxerio e o de Gasalla (estes dous, incluídos no Plan Sectorial Eólico de Galicia). En total, afectarían a máis de 500 explotacións agrarias e a máis de 1000 empregos directos e indirectos.

Así, Lídia Senra presentou este mércores en Bruxelas un escrito dirixido á CE no que lle pregunta ao ente comunitario se está ao tanto destes proxectos, se coñece a situación de tramitación na que se atopan e se sabe dos riscos para a zona, tendo en conta que moitos dos terreos afectados están na categoría de solo rústico de especial protección, constituído por terreos que xa foron obxecto de concentración ou reestructuración parcelaria. Senra ten a certeza de que a adaptación do planeamento agrario ao uso enerxético podería facer perigar as axudas da Política Agraria Común (PAC) que reciben as explotacións desta zona e insta á CE para que valore como repercutiría.

En pouco máis dunha semana xa se recolleron 1.500 sinaturas en contra

Tendo en conta que os veciños e veciñas recolleron nun tempo récord de pouco máis dunha semana 1.500 sinaturas en contra dos parques eólicos na comarca de Ordes, e que tamén os alcaldes dos concellos de Ordes, Mesía, Oroso e Frades asinaron unha declaración institucional contra a instalación de parques eólicos nos seus territorios, Senra interpela á Comisión sobre esta situación. Para a eurodeputada, o cumprimento dos obxectivos da directiva 2009/28/CE para os Estados membro en canto a produción de enerxía renovable (está contemplado que o Estado español debe producir o 20% da súa enerxía con renovables no 2020) non pode implicar que se instalen parques eólicos por riba do interese xeral dos lugares.

Senra considera a situación de extrema preocupación, sobre todo ante o feito de que estamos a falar dunha comarca declarada no 2007 polo Goberno galego como de especial interese agrario. “A enerxía eólica é unha opción que pode ser máis sostible e máis limpa que outras, pero de ningunha maneira deste xeito. Eólicos si, pero non así”, critica Senra, quen chama ao Goberno estatal e ao galego a poñer algo de cabeza e frear esta loucura. “Non todo vale, non se pode acabar co rural vivo e produtivo, e menos inzar Galiza de eólicos como pretenden facer, con núcleos rurais afectados e vivendas moi próximas, polo medio do Camiño de Santiago, afectando a patrimonio arqueolóxico e xogando coa saúde das persoas”, defende a eurodeputada. A Comisión Europea analizará agora a situación e debería dar unha reposta sobre a súa percepción nun prazo de entre 4 e 6 semanas. Mentres tanto, Senra seguirá analizando a situación e presentará en breve outras iniciativas no Parlamento Europeo ao respecto.

A europarlamentaria tamén remitiu esta semana, ao igual que fixeron un feixe asociacións culturais e sociais da comarca, organizacións ecoloxistas e outros deputados e organizacións políticas, un escrito dirixido ao conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia e ao presidente Alberto Núñez Feijóo, reclamándolles que se paren a pensar e non declaren de especial interese os parques eólicos do Inxerio e Gasalla. “Deixen de exercer de depredadores da nosa terra”, reclama.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información