Aira presenta un balance positivo tras un ano da fusión cooperativa

Os datos do primeiro exercicio completo amosan un crecemento económico do 8 %, cun volume de negocio de 107 millóns de euros

Aira presenta un balance positivo tras un ano da fusión cooperativa

Daniel Ferreiro, director xeral de Aira, ante a fábrica de pensos.

A cooperativa Aira vén de celebrar unha nova Asemblea Xeral Ordinaria na que se aprobaron as contas correspondentes ao exercicio de 2018. Trátase do primeiro exercicio completo de Aira tras a fusión das cooperativas, a cal iniciou a súa andadura o 1 de xaneiro de 2018.

Logo de ano e medio funcionando a pleno rendemento, os temas centrais desta Asemblea xiraron ao redor das contas anuais, do informe de xestión do exercicio de 2018 e da presentación das liñas de acción e traballo para os próximos meses.

O director xeral da cooperativa, Daniel Ferreiro, amosouse moi satisfeito cos resultados de 2018, ano no que, igual que aconteceu no 2017, as cifras finais melloraron as estimacións: “Seguimos a superar as previsións recollidas no plan de negocio para o período 2017-2019, desta volta ata acadar un 8 % de crecemento”, destacou. Así, Aira creceu no último período en todas as actividades (fabricación, comercialización, subministracións, servizos…) e o seu volume de negocio acadou os 107 millóns de euros e os 3,7 millóns de EBITDA. “Este forte crecemento e os bos resultados económicos permitíronnos elevar os niveis de investimento previstos inicialmente ata os 4,2 millóns de euros”, engadiu.

A entidade valorou moi positivamente, así mesmo, o notable crecemento no compromiso e a participación dos socios nas actividades desenvolvidas pola cooperativa e sinalou este feito como o punto dende o cal continuar traballando. “Sen dúbida estas son moi boas novas que nos proporcionan unha base sólida sobre a que seguir mellorando nos vindeiros anos”, dixo Ferreiro.
O director xeral adiantou tamén que, segundo os datos do primeiro cuadrimestre do 2019, Aira segue en aumento en todas as áreas de actividade e mellorando os índices do mesmo período do exercicio 2018.

A segunda parte da Asemblea incluíu a presentación das liñas de acción e traballo previstas para o que resta de 2019, para as que se contará cun orzamento para investimentos de 3,3 millóns de euros. Valorizar as producións das explotacións dos socios, mellorar e facer sostible o conxunto de actividades e os servizos prestados son os piares básicos sobre os que se desenvolverán os próximos pasos deste proxecto cooperativo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información