Agro e traballo: Non todo vale

Esta semana houbo unha polémica polas sancións de Inspección de Traballo a agricultores profesionais que empregaban man de obra familiar ou de amigos na colleita. Óscar Antón Pérez, asesor de cultivo de SAT A Pementeira e con ampla experiencia no agro, reflexiona sobre a situación.

Agro e traballo: Non todo vale

A vendima é unha das actividades con máis inspeccións de traballo

As inspeccións de traballo destes días nalgunha explotación agraria de Galiza veñen de provocar certa poeira mediática. O curtopracismo que opera nestes casos e a miope concepción do asunto ocupáronse de airealo ao tempo que a escaseza de ideas e talegos de prexuízos saltasen ocupando o lugar dun debate que hai que dar, pero se cadra non deste xeito. Trátase dunha realidade complexa e como tal cómpre proceder.

Desde hai un tempo constato que existe un colectivo de xente na Galiza que sigue atada ao mito dun pasado glorioso e ambientalmente sustentable ligado ao medio rural. Un lugar onde todo era equilibrado e harmónico e onde toda unha boscosa e frondosa natureza dispuña alimentos e contaxiaba boas relacións.

Porén, os presuntos equilibrios, de producírense, non deixaban de ser un fenómeno ligado a relacións de produción autárquicas onde o autoconsumo e o autoabastecemento constituían a forma da economía labrega galega até ben entrado o século XX. E digo presuntos porque nin a vaca era tan roiba, nin os pementos producían sós. A “necesidade” que dirían as devanceiras de meu, era unha forma de vida. Vivíase co posto e comodidades como a electricidade, a atención médica, a maquinaria ou mesmo a ferramenta, eran luxos máis ou menos distantes que comezaron a materializarse a fins dos 1970. A economía labrega, por exemplo, non permitía mercar azucre, aceite, café ou froita fresca.

“Hai colectivos e tamén certa esquerda en Galiza que insiste en mitificar o agro galego de antes”

A esperanza de vida dos anos 1950 era de 60 anos mentres que na actualidade supera os 80. E o volume de enfermidades ligadas a falta de hixiene e seguridade no traballo, así como as derivadas dunha cabana gandeira sen atencións veterinarias, conformaban un problema que, contodo, algunhas persoas seguen a negar. A Brucelose, os problemas derivados dunha deficiente alimentación, así como a falta de atención médica aínda hoxe mostran restos da súa cara máis amarga.

Hai colectivos e tamén certa esquerda en Galiza que insiste, con todo, en situármonos nese pasado mítico. Resulta unha verdade recorrente, que pouco ten que ver coa realidade que ofrecen datos estatísticos, históricos e económicos e que serve para promover unha caste de neo-ruralismo con moito predicamento nos ámbitos alonxados do mundo rural e con pouca base científica.

O máis curioso é que este fenómeno na actualidade estendeuse e lonxe de minguar, fabrica a diario milleiros de novas na internet que se multiplican froito da ignorancia e o sentimentalismo a partes iguais. Unha parte do nacionalismo e a esquerda galegas cultivaron ese mesmo sentimentalismo durante anos. Na actualidade a algúns sorpréndenos que se sigan repetindo fórmulas sen o máis mínimo rigor que, lonxe de contribuír a posta en marcha de modelos agrarios alternativos e centrarmos os debates, provoca descreto entre moita da xente que, de inicio, resultaría proclive a participar neles.

Afirmar a día de hoxe que os vellos vivían nunha caste de paraíso que agora o “malísimo” progreso se encargou de dinamitar é tan ignorante como absurdo

A repetición sistemática de consignas ruralistas seméllase moito aos mantras que se repiten noutras instancias da política, sen efectos prácticos inmediatos pero co afán de crear adeptos. Porén, o retorno aos equilibrios e as economías de colaboración ten tanto de tautoloxía autoafirmativa como baleiro ideolóxico. Afirmar a día de hoxe que os vellos vivían nunha caste de paraíso que agora o “malísimo” progreso se encargou de dinamitar é tan ignorante como absurdo. Por moito que se insista no tema.

Coa inspección de traballo nas explotacións estes días aconteceu algo semellante. É discutible o momento escollido como se cadra a saña coa que de oficio intervén a Inspección de Traballo; e sería desexable que actuasen con tanta dilixencia, un supoñer, nas tendas que atenden ao turismo en Santiago de Compostela. Pero non é discutible que interveñan. Sobre todo porque as que traballamos por alí sabemos que nas explotacións realmente actuantes do rural, existe moitísima desregulación, moitísima precariedade e moi malas condicións de traballo.

 “Nas explotacións agrarias segue existindo moita precariedade laboral e desregulación”

Podería debaterse se as empresas agrarias deberan ter certos beneficios fiscais e coa Seguridade Social. Tendo en conta un mercado dos produtos agrarios no que as rendas non sempre están garantidas e no que os prezos constitúen un handicap para a economía rural, sería mesmo desexable que se tivesen en conta as súas circunstancias na contratación para facilitar o cumprimento da lei. Pero desde logo o que non ten discusión é que non se respecten os dereitos das persoas que colaboran na explotación.

Non ten discusión é que non se respecten os dereitos das persoas que colaboran na explotación

Sen embargo, o debate móvese noutros termos. Mesturando cousas como a economía colaborativa, o sentimento de comunidade e mesmo a defensa a ultranza da desregulación laboral, tanto persoas como colectivos que un cría próximas, sen rubor de ningún tipo aplaude coas orellas as mensaxes que van desde a negación da contratación até unha defensa numantina da usura e a precariedade.

Apoiados nunha presunta inocencia vinculada ás tradicións comunitarias que pouco ou nada teñen que ver nisto, sigue a establecerse unha cadea de implicacións que non se sostén a pouco que un camiñe polo rural: A cadea “comunidade rural—>solidariedade—>traballo en común—>Non fai falta contrato” sumado á suposición de que no rural a xente é boa per se e todo o fai ben, salta a nada que un fedelle na multitude de mensaxes que se desataron mesmo desde seitores ligados aos movementos sociais e de esquerda.

Porén a realidade Galega é teimuda, tan só compre abrir a porta e camiñala. Percorrer os rueiros do rural a diario, ensina como as fórmulas colaborativas non son nin moito menos a realidade. Disfrazada de colaboración unha precariedade rampante dinamita un mercado de traballo que está sumerxindo economías e evitando novos investimentos así como a capacidade de aforro das persoas contratadas.

A pouco que se observe como se acordan os traballos é doado comprobar como se regatea o salario sempre á baixa, como se obvia o contrato e como se supón de primeiras que o persoal eventual demanda soldos “por facerme mal e enriquecerse a conta miña”. Evidentemente isto non é unha posición absoluta. Polo medio existen persoas que ofrecen contratos, que velan pola seguridade e labor do persoal e respectan a lei. Pero nalgúns lugares a primeira posición é a máis frecuente.

Durante os anos 1990 o 80% da contratación na Denominación de Orixe Rías Baixas era irregular

Durante moito tempo, as administracións miraron para outro lado. Varias foron as zonas agrarias que ben deitaron das inspeccións de Traballo para ofertar contratos á xente. Durante os anos 1990 o 80% da contratación na Denominación de Orixe Rías Baixas era irregular. Na actualidade e grazas aos controis os datos invertéronse e probablemente o 70% da contratación faise con alta na seguridade social. E isto que, lonxe de atallar a totalidade dos problemas, contribuíu á mellora das condicións laborais, é o que se segue a pór en dúbida cando a inspección entra de cheo nos lugares onde a desregulación, a precariedade e os salarios e condicións miserentas, son un continuo.

Quen sigue mirando o rural como desde unha óptica mítica e considerando que este fica pobre e desarmado fronte ás agresións dun progreso colonizador, posúe un comportamento paternalista e condescendente que mal contribúe a solventar os problemas e continúa a fabricar estereotipos. Mal imos resolver os problemas que afectan ao rural se as posicións de partida supoñen cuestionar os dereitos das traballadoras ao tempo que se defenden estruturas e poderes ancestrais onde fica por demostrar a súa bondade. Sobre todo porque ademais da inutilidade do retorno, supón unha saída conservadora en moitos casos.

“Os agricultores profesionais teñen que respectar os dereitos dos traballadores, como calquera empresario”

Convén lembrar que a colaboración entre veciñas/os non se investiga. Non está prohibido colaborar, nin prestar axuda como se fixo toda a vida. Entre dous labregos profesionais a colaboración nin está penalizada nin se vai establecer como delito. O que se investiga é se nunha explotación profesional hai persoas que por baixa, en situación de desemprego ou sen contrato laboral están a desenvolver traballos que requiran contrapartida económica. Iso e non a “cooperación” foi o que se buscou descubrir. E esta, precisamente, é a situación maioritaria.

O rural galego é anómalo desde un punto de vista estatístico, porque conserva moita agricultura de tempo parcial ou familiar que non constitúe de primeiras unha actividade económica profesionalizada. Porén, si que ten un impacto económico na economía de moitas familias, xa que permite un aforro que os actuais niveis de renda doutros traballos non permiten. As hortas familiares ou aquelas que persoas xubiladas, retiradas, desempregadas ou empregadas, manteñen a tempo parcial contribúen aportando produtos de todo tipo co que moitas galegas subsistimos aínda en situacións precarias. Non teremos traballo pero de fame non morremos, como se di popularmente. Pero cómpre distinguir con claridade o traballo desenvolvido neste tipo de explotacións, que é voluntario ou afeizoado, daqueloutro que se efectúa nas explotacións agrarias profesionais.

A explotación agraria profesional ten as características dun negocio, no mundo capitalista. E ao tempo mantén certas peculiaridades que contribúen ao conxunto. Conservan o territorio, aportan alimentos (que é un ben básico) e constitúen un medio diferente onde os tempos transcorren moi vencellados aos eventos bióticos e meteorolóxicos. Sen embargo, a súa responsabilidade en tanto que empresas agrarias, sobre todo no tocante ao respecto aos dereitos das traballadoras/es, é exactamente a mesma que a de calquera negocio.

E ben fariamos en lembralo e lembrárllelo a algúns colectivos que nestes días revelaron unha confusión motivada a partes iguais por un presuposto idealizante e por unha ignorancia extrema do que no rural acontece.

Una idea sobre “Agro e traballo: Non todo vale

  1. Estralampa

    Comentarios como “Unha parte do nacionalismo e a esquerda galegas cultivaron ese mesmo sentimentalismo durante anos” desqualificam totalmente esta análise, e revelam a imensa ignorância do autor. Os grandes abusos laborais, no campo e na cidade, não têm cor política. Vêm da mão do que tem o capital e poder sobre o que depende del. A crítica dende a esquerda nacionalista da imposição dos valores ultraliberais do capitalismo, que tanto dano está a fazer ao nosso rural, impondo critérios de produção extensiva antagónicos ao sistema de produção e propriedade da terra, não é estar contra do progresso (melhora nos serviços sociais, sanidade e educação públicas). Galiza passou de ser a despensa da península ibérica a ser totalmente dependente de recursos alimentários. A superficie de cultivo na Galiza é moi inferior à de França, por debaixo do umbral de autosuficiência alimentária. O trabalho colaborativo e uma produção sostível (ecológica) que nutra um comércio de cercanía são o futuro. Uma Administração responsável deveria apoiar um cambio de rumo na política agrária, que valorize a produção galega e revirta o abandono do nosso rural, no canto de apoiar os intereses de grandes empresas alleas (piscicultura e eucaliptização). A esquerda nacionalista galega é a principal defensora dos direitos dos trabalhadores. Não esquezas.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información