Agolada levará ó Parlamento Europeo a petición para activar as parcelarias pendentes

A plataforma Queremos Parcelarias traballa nunha queixa formal ante o Parlamento Europeo polo estancamento dos procesos de concentración da terra en Agolada. O colectivo urxe que se decreten antes de que expiren algúns dos estudos, realizados en parte con fondos europeos

Publicidade
Agolada levará ó Parlamento Europeo a petición para activar as parcelarias pendentes

Unha protesta este verán no concello de Agolada para pedir a reactivación das parcelarias.

A plataforma Queremos Parcelarias levará ó Parlamento Europeo unha queixa formal polo estancamento dos procesos de concentración parcelaria proxectados na zona norte do concello de Agolada. Esta reordenación da terra afecta a 8 parroquias, agrupadas en dous bloques, e conta co apoio de 800 propietarios.

Logo dos últimos intentos frustrados da plataforma no Parlamento Galego para activar os procedementos, antes de que parte dos trámites realizados caduquen, o colectivo opta por elevar a petición ó Parlamento Europeo, posto que parte dos estudos realizados foron financiados con fondos europeos. Aínda que os procesos de concentración están aínda sen decretar, xa se levaron a cabo traballos previos, como o estudo de impacto ambiental, cunha inversión de 830.000 euros, dos cales 600.000 euros proceden de fondos europeos. “Europa non pode permitir que a ineficacia de ningún goberno rexional enterre 600.000 euros que proveñen dos impostos pagados por tódolos europeos e que deben ser destinados a mellorar o nivel de vida das rexións máis desfavorecidas”, reclaman dende o colectivo.

A pouco máis dun mes para que estes trámites queden desaproveitados, o colectivo traballa para achegar un informe completo e detallado da situación do concello, do despoboamento así como da afección que o aprazamento da concentración suporía para a zona. Remitirán un estudo das repercusións económicas provocadas pola perda de oportunidades e o estrangulamento económico que din que suporá para todo o municipio.

Apelar á mediación da Casa Real

Dende o colectivo tamén solicitaron a mediación da Casa Real para que instara á Xunta a valorar as peticións. A semana pasada recibían contestación na que informaban de que solicitaran á Consellería de Medio Rural que contactase coa asociación. Porén, continúan agardando por unha reunión pedida a finais do mes de xullo co conselleiro e o director xeral.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información