Agader aumenta un 12% os seus orzamentos, pero a oposición critica o abandono do rural

Agader aumenta un  12% os seus orzamentos, pero a oposición critica o abandono do rural

Agader ten como obxectivo o desenvolvemento económico e a fixación de poboación no rural

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) incrementa os seus orzamentos para 2017 nun 12,17%, chegando aos 36,2 millóns de euros. Así o destacou o director xeral deste organismo que depende da Consellería do Medio Rural, Miguel Pérez Dubois, na súa comparecencia este mércores na Comisión 3ª do Parlamento para explicar as contas do vindeiro ano. Sen embargo a oposición criticou o que considera “abandono do rural” por parte do Goberno da Xunta durante os últimos anos.

Pérez Dubois salientou que, dentro deste orzamento, destínanse 13,5 millóns de euros no vindeiro exercicio para dar cumprimento ás liñas de actuación reflectidas no programa Leader e, máis especificamente, para impulsar o labor dos grupos de desenvolvemento rural (GDR), posto que o vindeiro ano –dixo– “será o do seu lanzamento real”.

Canto á dinamización da economía rural, o director xeral destacou que se destinan 3,5 millóns de euros en axudas directas para a posta en marcha e mellora de pequenas empresas non agrarias. Esta contía, sinalou, mantense con respecto ao 2016.

Pérez Dubois enmarcou todas estas actuacións no incremento do 17,13% da capacidade investidora da axencia, xa que se pasa de 27,5 millóns de euros este ano a 32,2 millóns no 2017. Nestes fondos inclúese, ademais, o Plan de mellora de camiños de titularidade municipal. Remarcou a aposta de Agader por manter este plan, xa que se incrementan notablemente os fondos propios nun 157% ata acadar os 9 millóns, para poder cofinancialo coa parte que lle corresponde á Xunta.

A oposición critica a falta de medidas e o abandono do Banco de Terras

Pola súa banda, os tres grupos da oposición –En Marea, PSdeG e BNG– coincidiron na falta de medidas para o rural nos orzamentos da Xunta para 2017, así como no que consideran “abandono” do Banco de Terras.

Así, Paula Quinteiro, de En Marea, advertiu de que a dinamización económica do medio rural perde este ano “69 millóns” nos orzamentos da Xunta. Así mesmo, lamentou que “a superficie que achega o Banco de Terras só supón o 5% da superficie agraria abandonada”.

Durante o debate, José Antonio Quiroga Díaz (PSdeG) subliñou que Agader ten por diante unha “empresa de xigantes, pero cuns medios de ananos” ante a realidade tan “perentoria” no agro galego.

Ademais, Quiroga Díaz alertou do “sectarismo” que segundo o levouse a cabo sobre “iniciativas moi importantes” de grupos de traballo no rural nos últimos tempos, polo que demandou un control desde Santiago para que non se repitan estes casos

Pola súa banda, Xosé Luís Rivas, ‘Mini’, reclamou por parte do BNG un plan de emerxencia no rural, que considera “urxente e necesario”, para que Galicia “non pase a ser un deserto verde”.
Finalmente, José González Vázquez (PP) defendeu que esta subida do 12% en Agader enmárcanse á súa vez nunha alza de 15 millóns da Consellería do Medio Rural para 2017 polo que cre que repercutirá en beneficio do agro galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información