Advirten dun “caos” nas solicitudes de plans de mellora

Unións Agrarias apunta que a unha semana do fin do prazo, os expedientes presentados non chegan ó 30% dos do ano pasado. Culpa da situación a Medio Rural e pide unha prórroga na convocatoria

Advirten dun “caos” nas solicitudes de plans de mellora

O prazo de solicitude de plans de mellora remata o 2 de maio.

O prazo de solicitude de plans de mellora e axudas de incorporación conclúe o próximo martes 2 de maio, pero a unha semana vista, só se presentaron á convocatoria un 30% dos expedientes cursados o pasado ano. Unións Agrarias advirte dun “caos e descontrol” no proceso e pide que Medio Rural amplíe o periodo de solicitude. Do contrario, moitos potenciais beneficiarios quedarán fóra, segundo a organización agraria.

Unións apunta que a raíz do problema hai que buscala no retraso da normativa complementaria da orde de axudas. A convocatoria de plans de mellora e axudas de incorporación abriuse o 1 de abril, pero ata o 20 de abril non se publicou a normativa complementaria, sen a cal non se podían definir os proxectos para solicitar as axudas.

Ese retraso deixalles na práctica ás explotacións menos de dúas semanas para elaborar e tramitar a solicitude, coincidindo ademais en pleno periodo de ensilado e sementeira do millo. “Pedimos un exercicio de responsabilidade de Medio Rural para que amplíe o prazo de solicitude das axudas. Do contrario, moita xente quedará fóra. Precísase tempo para recopilar toda a documentación necesaria e non hai marxe”, advirte Unións.

Desde Unións non se explican os atrancos burocráticos que detectan por parte da Consellería: “Esperamos que non respondan a unha estratexia de recorte encuberto dirixida a aforrarse unha parte dos 60 millóns previstos para axudas á incorporación e para a solicitude de plans de mellora. Nun intre de problemas de liquidez das explotacións, sería unha insensatez deixar ó sector sen estes apoios”, valoran.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información