Advirten dos problemas que causará no agro a obriga da Seguridade Social de realizar todas as xestións por Internet

Advirten dos problemas que causará no agro a obriga da Seguridade Social de realizar todas as xestións por Internet

O pasado 6 de marzo, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicaba a Orde Ministerial ESS/214/2018 que modifica a Orde ESS/484/2013 reguladora do Sistema de Remisión Electrónica de Datos na Seguridade Social. Esta nova orde obriga a todos os traballadores e a todas as traballadoras que cotizan polo Réxime de Autónomos -incluíndo as dos réximes especiais agrícola e do mar- a incorporarse á administración electrónica e xestionar de maneira telemática todos os trámites coa Seguridade Social relacionados coa afiliación, cotización e recadación das cotas, incluíndo a recepción de notificacións e comunicacións.

A obriga farase efectiva a partir do 1 de outubro e, nas últimas semanas, os traballadores afectados comezaron a recibir cartas da Seguridade Social nas que se lles pide facilitar un número de teléfono móbil e unha conta de correo electrónico.

Perda de dereitos para a xente do rural e a poboación máis envellecida

Para o Sindicato Labrego Galego, “esta obrigatoriedade supón un atranco máis na carreira de obstáculos burocrática que os labregos e labregas teñen que padecer nas súas relacións coa Administración”. De feito, denuncian que esta obriga “nun país coma o noso, onde a cobertura de Internet e telefonía deixa moito que desexar nas zonas rurais, onde a poboación do campo está moi envellecida e moita non sabe usar nin posúe teléfonos móbiles, ordenadores ou contas de correo electrónico; telematizar os procedementos administrativos condena a unha parte moi importante da poboación a renunciar a relacionarse coa Seguridade Social e a ter que contratar os servizos dunha xestoría privada para poder facelo”.

Ademais, advirten de que “as plataformas tecnolóxicas das que dispón a Seguridade Social son obsoletas, deficientes e moi complexas de utilizar, fallan decotío e provocan atrancos e demoras constantes”.

“O peor de todo -engaden- é que cando todo iso ocorre, na Seguridade Social non hai persoal funcionario formado para solucionar este tipo de problemas, polo que resulta moi difícil, cando non imposible, resolvelos.

Rolda de contactos cos responsables da Seguridade Social

Diante deste problema, dende a organización agraria anuncian que van iniciar unha rolda de contactos cos responsábeis da Seguridade Social e do Goberno “para que dean marcha atrás ou, cando menos, maticen a orde ministerial e garantir que todas as persoas poidan facer calquera trámite directamente con persoal funcionario”.

“No rural galego téñeno doado: garantir os dereitos das persoas administradas mantendo a rede de oficinas da Seguridade Social con recursos materiais e humanos suficientes para que os labregos e labregas que cotizan no Sistema Especial de Traballadores e Traballadoras do Agro (SETA) que o precisen, especialmente aquelas persoas de idade máis avanzada, poidan realizar calquera xestión ou trámite directamente sen ter que recorrer a unha xestoría privada, tal e como acontecerá de maneira xeneralizada se non se modifica a Orde ESS/214/2018”, conclúen dende o Sindicato Labrego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información